Como inflúe a sementeira da pataca nos resultados finais

Expertos do sector debateron en Alimagro sobre como foi esta campaña da pataca e que responsabilidade ten nos resultados da colleita a sementeira

Publicidade
Como inflúe a sementeira da pataca nos resultados finais

Relatores que participaron na primeira mesa redonda da xornada

Con motivo da recente V Feira do Agro da Limia Alimagro (Xinzo de Limia), levouse a cabo a segunda edición da xornada técnica da pataca. Realizáronse tres mesas redondas nas que se abordaron temas como a sanidade vexetal, os mercados e as tendencias e tamén a sementeira da pataca, que será a que se tratará nesta reportaxe.

Para porse en situación, desde Agrico, Juan José Santamaría, explicou que esta campaña “foi sorprendente a nivel global”. As publicacións das superficies que se sementan son públicas e nalgúns casos, como Holanda, coñécense desde o mes de maio. “Xa tiñamos unha pista de por onde podían vir as cousas”. O problema acrecentouse coa pouca tuberización que houbo nas patacas. A isto engadíronse tamén problemas sanitarios, a ausencia de produtos, entre outros factores, “e aínda por riba de males, á hora de facer os arranques houbo tamén inundacións, choivas persistentes, aínda que iso non foi o que quitou hectáreas, pero nunhas circunstancias nas que todo se xuntaba pois xa foi o remate”.

Santamaría comentou que as circunstancias en canto a superficies cambiaron e hai moitos países que recuperaron as hectáreas, mesmo as superaron. “Si que confeso que o principio da campaña foi preocupante porque as sementeiras fixéronse tarde. Nalgúns países houbo que resementar por exceso de auga e houbo inundacións”, destacou. Explicou que ten coñecementos dalgúns datos de tuberizacións e son mellores, hai máis tubérculo, hai máis pataca pequena. “A situación é francamente mellor. Estamos a 30 de agosto, así que xa veremos porque hai que sacalas, pero quero ser positivo de que este ano podemos ter unha campaña relativamente normal”.

En España hai anos que empezou a descender a superficie sementada tanto de pataca de consumo como pataca de sementeira

Situación en Burgos
Javier Fernández, de Cosidel, incidiu que a análise da situación se debe realizar en función da campaña anterior. “Como creo que os holandeses son auténticos especuladores e coñecen o mercado nacional mellor que ninguén, fixéronnos parar a sementeira de base e ao final, hai que constatar que foi unha campaña con escaseza de sementes”, relatou este profesional.

En España hai anos que empezou a descender a superficie sementada tanto de pataca de consumo como pataca de sementeira. Segundo indica, desde hai 10 anos reduciuse a sementeira un 3 % anual: “Reducimos máis do 30 % nestes últimos anos”. Ben é certo que este ano a superficie foi de 1.754 ha, “baixamos unhas 100 ha con respecto á pasada campaña e é unha baixada significativa”.

En zonas de Burgos, a colleita recóllese de maneira máis temperá que noutras zonas de España. “Aínda así, conseguimos pechar ben o ciclo e obtivemos unha semente madura en termos fisiolóxicos e fácil de conservar. En comparativa con outras patacas que veñen de Europa, nos últimos anos podo dicir que no que respecta o nivel de satisfacción dos clientes, non fomos peores en absoluto con respecto ás patacas que chegaron de fóra”, resalta Fernández.

“A campaña que vén pode ser normal”. Explica que en Europa se fixeron dúas sementeiras (temperán e tarde), pero se a climatoloxía no norte de Europa foi normal para aquela zona, aínda que sexa tarde, os cultivos poderán tuberizar e haberá unha produción normal. “En España sementamos moito antes que noutras partes, finais de abril primeiros de maio. Por iso, esperamos unha boa tuberización e unha calidade razoable”. Nese sentido, espérase que sexa unha campaña normal.

Experiencia dun agricultor de Xinzo
Julio Montero, agricultor de Xinzo Limia, participou nesta primeira mesa redonda para falar da súa experiencia como produtor de pataca desde hai anos. “O primeiro que deberiamos mellorar é a semente, levamos uns anos que cada vez teñen peor calidade”, sentenciou o traballador. Engadiu que se pagan prezos máis altos por “sementes peores”, que chegan con moitas enfermidades e con podremia.

“Se segue baixando o número de produtores, non poderemos ofrecer pataca para todo o mundo, polo que haberá que importar con todo o que leva”

En canto á profesionalización, que foi motivo de debate na mesa redonda e ao contrario do que comentaron outros expertos, indica que cada vez son máis profesionais e “hai máis xente nova e preparada no campo”. Destaca que en Xinzo de Limia son moitos os agricultores novos que invisten en profesionalizarse, “porque é o futuro”. Aínda así, incide na necesidade de que se incorpore máis xente ao sector xa que cada vez “somos menos agricultores e se segue baixando o número de produtores, non poderemos ofrecer pataca para todo o mundo, polo que haberá que importar con todo o que iso leva”.

Potencial da semente galega
Para pór o foco na calidade das sementes galegas, Fernando Almeida, de Sementares, explicou como traballan para pór en valor as variedades tradicionais de Galicia. A finalidade desta emerxente empresa é crear un pequeno catálogo diverso onde estean representadas as gramíneas e as hortícolas, “por suposto, era necesario incluír a pataca”.

Almeida lembrou que hai décadas demostrouse que a calidade das sementes que proviñan dos montes galegos tiña un prestixio e boa calidade. “Nós buscamos opcións dentro da superficie agrícola galega, que hai moita abandonada, pero hai terreos nos montes de Lugo e Ourense que se poderían adaptar ao cultivo da pataca”.

Se non partimos dun material de semente adecuado non se pode pretender un milagre

Neste proceso, o principal problema que se atopan é a falta de agricultores profesionais nesas zonas. Destaca que hai poucos agricultores e “para o noso interese” unha mala distribución deses poucos bos agricultores, que xa están nas zonas de produción de pataca de consumo; onde se pode producir boa pataca de semente en Galicia non hai agricultores, segundo explica Almeida. O agricultor bo e que sabe facer as cousas, “en colaboración connosco pode sacar un produto de calidade”.

Este profesional resalta que a pataca é o vector principal de virus, bacterias e fungos, “por moito que fagamos as cousas moi ben no campo, con depuracións e tratamentos, se non partimos dun material de semente adecuado non se pode pretender un milagre. Para min o paso inicial e imprescindible é partir dunha semente decente”.

Recomendacións para conseguir un bo resultado
Desde a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, o técnico José Antonio Chao, explicou que a finalidade deste réxime é sacar ao mercado un produto da máxima calidade e manter o prestixio que ten a pataca de Galicia desde hai anos. “O noso obxectivo fundamental é que o noso produto teña unha garantía de orixe e de calidade e para iso temos que partir dunha pataca de semente certificada”.

Para iso, é necesario que cumpra os parámetros de calidade que require. Unha pataca debe ser de semente certificada ou se algún produtor decide facer reemprego “ten que facelo ben, coma se fose unha semente certificada”. En canto ás recomendacións, aclara que algunhas son esixencias que están no prego de condicións. Dentro do prego de condicións permítese usa sementa certificada, e dentro da certificada “o único que podemos esixir é que sexa certificada”.

Logo non é xa só a sementeira, é a preparación de terreos, adoptar unha estratexia óptima para plantar en terreos saneados cunha boa rotación de cultivos, unha boa preparación do terreo, na maior parte dos casos realizar un achegado que permite loitar co problema das herbas, unha maior cobertura…

Un tema importante é saber adaptar os apeiros aos diferentes tipos de chans

Profesionalización do sector
A incorporación de maquinaria para mellorar a eficiencia das tarefas foi outro dos puntos que se puxo de manifesto durante a xornada. Julio Suárez, de Maquinaria Agrícola Suárez, exclamou que “o cultivo da pataca necesita dunha mecanización e, sobre todo, de profesionalización”.

Explicou que a demanda de pataca está a crecer e necesítase aumentar a produción de cultivo, mellorar a sanidade ou incrementar a produción por hectárea. “Para todo iso, hai que recaer nunha boa mecanización”. Lembrou que a potencia dos vehículos que se utilizan e o peso das máquinas aumentaron moito. Hai uns anos, os tractores tiñan de media entre 60 e 100 cabalos, con todo, agora a media está nos 180 cabalos. “Antes tiñamos unha colleitadora de 2.500 kg de recollida, agora falamos de 6 toneladas, 8-9 toneladas. Son pesos excesivos para os chans”.

Ante esta situación, puxo de manifesto a necesidade de traballar na compactación do terreo. Realizar unhas tarefas de descompactación é necesario para que os chans non se castiguen. Non só se parte dun bo abonado, dun bo movemento de chan, senón dunha boa descompactación aproveitando a auga da choiva ou a auga do regadío.

Suárez tamén puxo o foco na formación e en estar en continua evolución. Resaltou que as técnicas do cultivo, a sanidade, os tratamentos etc. van cambiando, polo que é necesario adaptarse a eses cambios. “A día de hoxe, a pataca demándanos uns labores especiais”.

“No cultivo da pataca hai que facer un bosquexo, ver as condicións, contar coas condicións adversas e impredicibles e desde aí facelo o mellor posible”, destaca Suárez. Á hora de preparar o chan hai infinidade de apeiros que fan numerosas tarefas. Un tema importante é saber adaptalos aos diferentes tipos de chans porque non ofrecen os mesmos resultados segundo que zonas. “Nun chan arenoso non imos necesitar un apeiro moi agresivo, ao non necesitalo imos reducir custos, reduciremos gastos do propio apeiro e imos reducir o traballo e consumo de combustible. Todo iso verase no beneficio final da nosa conta de resultados”, explica o profesional. Conclúe afirmando que “moitas veces enfocamos a maquinaria como un tractor ou colleitadora de pataca, pulverizador etc., pero non nos enfocamos a adaptalo ao terreo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información