A modificación da altura de corte da planta de millo para ensilar permite certa flexibilidade para manexar a variabilidade de situacións que se poden dar na práctica en canto ao equilibrio entre os factores de produción por hectárea, valor nutricional e contido en materia seca desta forraxe, elemento esencial en moitas das racións para vacas de leite das ganderías galegas. A fracción espiga da planta de millo ten un maior contido en materia seca e maior valor nutricional, comparada coa parte vexetativa da planta (cana e follas). Un corte alto ( a 50-60 cm) permitirá ensilar forraxe cun maior contido en materia seca e de maior valor nutricional comparado co corte á altura habitual (aproximadamente 15-17 cm) pero reducirá a cantidade de ensilado de millo dispoñíbel por hectárea.
A climatoloxía antes da floración determina a lonxitude do espazo internodal da cana e a altura da planta, mentres que o tempo atmosférico ao redor da polinización afectará á proporción de graos no total de MS da planta. Se a climatoloxía foi favorábel ao comezo do ciclo de crecemento do millo pero durante a polinización o tempo foi seco e con altas temperaturas, teremos plantas altas pero con espigas pequenas. Neste caso o corte alto pode axudar a mellorar a calidade do ensilado. Pero se o tempo seco e quente afectou ao cultivo antes da floración, teremos plantas máis baixas que o normal, pero con espigas grandes. Neste último escenario, o corte alto probabelmente non teña moito sentido, xa que o rendemento por hectárea, xa baixo, será ulteriormente reducido e a calidade da forraxe é suficientemente boa cun corte á altura habitual.
En todo caso, a conveniencia ou non de elevar a altura de corte da planta de millo para ensilar é obxecto de controversia, sobre todo cando o cultivo de millo tivo un desenvolvemento normal. Na táboa seguinte móstrasnse resultados do efecto de variar a altura de corte sobre o valor nutricional e a produción por hectárea da forraxe ensilada, podendo-se apreciar que o resultado neto de aumentar a altura de corte é rebaixar lixeiramente a extracción de enerxía neta por hectárea.
Efecto da altura de corte na colleita sobre a produción e valor nutricional da planta de millo:
Planta enteira |
Resultados CIAM (1) |
Resultados Penn State Extension (2) |
|||||
Altura de corte (cm) |
Efecto |
Altura de corte (cm) |
Efecto |
||||
15 cm |
65 cm |
65 s/ 15 cm |
17 cm |
50 cm |
50 s/ 17 cm |
||
Contido en materia seca | |||||||
MS% |
36.8 |
38.1 |
+3.7% |
38.1 |
40.3 |
+5.8% |
|
Composición química da planta enteira (% MS) | |||||||
PB |
7.1 |
7.2 |
+1.5% |
7.0 |
7.1 |
+1.4% |
|
FAD |
23.1 |
21.4 |
-7.4% |
24.2 |
21.8 |
-9.9% |
|
CNET |
45.4 |
48.4 |
+6.7% |
44.6 |
46.4 |
+4.0% |
|
Dixestibilidade da materia orgánica | |||||||
DMO |
73.0 |
74.2 |
+1.7% |
79.6 |
81.0 |
1.8% |
|
Concentración en enerxía neta leite | |||||||
ENL/kg MS |
1.64 |
1.68 |
+2.4% |
1.55 |
1.62 |
+4.5% |
|
UFL/kg MS |
0.97 |
0.99 |
+2.4% |
0.91 |
0.95 |
+4.5% |
|
Rendemento do cultivo | |||||||
t MS/ha |
18.4 |
16.8 |
-9.0% |
20.0 |
18.6 |
-7.0% |
|
x 1000 UFL/ha |
17.9 |
16.6 |
-7.2% |
18.2 |
17.7 |
-2.8% |
|
- Elaboración a partir de resultados Valores medios de MS e composición nutricional de 9 híbridos colleitados en 5 datas diferentes (semanas 6 a 11 tras floración) durante dous anos (Flores, 2004). Densidade 91.2 mil planta/ha, 134 días sementeira-colleita
- Wu and Rotz (2003). Considerations in managing cutting height of corn silage. Penn State Cooperative Extension. Bulletin DAS 03-72, University Park
Neste balance entre cantidade e calidade, algúns estudos mostran que a produtividade expresada en kg de leite por hectárea atribuídas ao ensilado de millo pode ser algo máis elevada cando se realiza un corte alto, mentres que outras experiencias mostran o contrario. Se ben a dispoñibilidade de ensilado de millo cortado alto pode reducir o uso de amidón no concentrado e permitir incluír máis forraxe na ración, o beneficio neto de substituír na alimentación das vacas de leite ensilado de millo cortado a unha altura habitual por ensilado de millo cortado a maior altura é, na maior parte dos casos, pouco importante.
Exemplo disto son os resultados dun traballo no que se revisan 11 estudos de diversos autores sobre o efecto da altura de corte do millo empregado para a alimentación das vacas de leite (Wu and Rotz, 2003), onde se estimou unha produtividade media de 23.5 toneladas de leite/ha para o millo cortado a 17 cm comparada con 23.1 toneladas de leite/ha cando se eleva a altura de corte até os 50 cm.
Nos ensaios de alimentación con vacas de leite que comparan o uso de planta enteira de millo cortada a distintas alturas, se observa con frecuencia que, aínda que o corte alto do millo pode aumentar a produción diaria de leite, o contido graxo da mesma se ve habitualmente reducido debido á maior concentración de amidón da dieta, co cal a produción total de sólidos do leite non se incrementa ou incluso pode diminuír lixeiramente. Un exemplo do dito se mostra na seguinte táboa.
Produción e composición do leite de vacas alimentadas con ración completa contendo ensilado de millo cortado a diversas alturas:
Wu et al., 2001 (1) |
Neylon e Kung, 2003 (2) |
Kung et al., 2008 (3) |
||||||
35 cm |
50 cm |
12 cm |
45 cm |
10-15 cm |
46.51 cm |
|||
Inxestión (kg MS/d) |
20.7 |
19.7 |
25.3 |
25.5 |
26.9 |
27.3 |
||
Leite (kg/d) |
33.8 |
34.9 |
45.0 |
46.5 |
46.8 |
47.7 |
||
Graxa do leite(%) |
3.74 |
3.39 |
3.26 |
3.03 |
3.60 |
3.48 |
||
Proteína do leite (%) |
3.11 |
3.12 |
2.84 |
2.89 |
2.88 |
2.87 |
||
Produción de graxa (kg/d) |
1.26 |
1.18 |
1.47 |
1.41 |
1.68 |
1.66 |
||
Produción de proteína (kg/d) |
1.05 |
1.09 |
1.28 |
1.34 |
1.35 |
1.37 |
† Ración completa contendo un 40-45% de ensilado de millo e 45% de concentrado
- Wu, Z., F. Kanitz, and L. D. Satter. 2001. Nutritive value of silage corn harvested at two heights above ground for lactating cows. U.S. Dairy Forage Research Center 2000-2001 Research Summary. Madison, WI.
- Neylon, J. M., and L. Kung, Jr. 2003. Effects of cutting height and maturity on the nutritive value of corn silage for lactating cows. J. Dairy Sci. 86:2163-2169.
- Kung Jr. L.,1 B. M. Moulder, C. M. Mulrooney, R. S. Teller, and R. J. Schmidt (2008) The Effect of Silage Cutting Height on the Nutritive Value of a Normal Corn Silage Hybrid Compared with Brown Midrib Corn Silage Fed to Lactating Cows. J. Dairy Sci. 91:1451–1457
O manexo dos ingredientes da ración para evitar estes desequilibrios esixe o contar con sistemas de análises do valor nutricional que sexan suficientemente precisos e fiábeis, dado que a pesar da menor variabilidade na composición e dixestibilidade dos ensilados de millo, comparados cos de herba, os valores poden diferir sensibelmente dos habituais como resultado do efecto combinado dos factores xenotipo, ambiente (estrés hídrico e/ou térmico, dispoñibilidade de nutrientes) e manexo na colleita (altura de corte).
Por outra banda, a altura de corte pode ser unha ferramenta para manexar o contido en materia seca da planta enteira de millo ensilada. Cando a materia seca excede os valores recomendados para unha correcta compactación e estanquidade da forraxe no silo (MS ao redor de 32-33% para silos horizontais e de 35-36% para silos bolsa), non ten sentido elevar a altura de corte independentemente da produción e valor nutricional da planta no momento da colleita. Inversamente, se a colleita non se pode demorar máis e a planta aínda non chegou a un estado de madurez adecuado, elevar a altura de corte permitirá aumentar o contido en materia seca.
Como norma xeral, non se atopa unha clara xustificación a incrementar a altura do corte en cultivos de millo para ensilar que tiveron un desenvolvemento normal, tanto desde o punto de vista da extracción de materia seca e enerxía neta por hectárea como desde a resposta produtiva das vacas de leite. No caso de cultivos que, afectados por falta de humidade nalgún momento do ciclo teñan unha baixa proporción de grao na materia seca total e cuxo destino sexa a alimentación das vacas en lactación, pode ser interesante aumentar a dixestibilidade e o contido en amidón da forraxe colleitada, polo que o corte alto da planta pode ser unha opción a considerar.