Como incide o robot de muxido na produción de leite e na fertilidade

Un traballo fin de grao de Veterinaria analizou os cambios experimentados en 18 explotacións galegas, concluíndo que o incremento logrado na produción de máis de 4 litros por vaca e día de media non tivo consecuencias negativas para a calidade do leite nin para os parámetros reprodutivos

Vacas no robot de muxido de Casa Sola

Vacas no robot de muxido da Gandería Sola, no concello asturiano de Vegadeo.

Os robots de muxido son hoxe unha realidade en moitas explotacións galegas e o seu avance nos últimos anos semella imparable, supoñendo un cambio total no xeito de traballar nas granxas e un aforro considerable en man de obra. Pero, cales son as consecuencias da instalación de robots de ordeño en aspectos como a produción e calidade de leite, a saúde de ubre ou a reprodución?

“Até agora non se realizara ningún estudo en granxas galegas sobre estes parámetros, só había un feito por Ramiro Fouz sobre as causas de eliminación con robot, pero non sobre como afecta a instalación dos robots sobre a produtividade e a calidade do leite”, explica Elio López, autor do traballo Fin de Grao titulado Avaliación das melloras produtivas e reprodutivas coa implantación do robot de muxido, o primeiro destas características realizado en Galicia sobre casos reais e presentado o pasado mes de xuño na Facultade de Veterinaria de Lugo, obtendo unha nota de 9,3.

Este traballo experimental analizou os resultados trala instalación de sistemas automáticos de muxido en 18 explotacións, 6 delas ubicadas na provincia da Coruña e 12 na de Lugo, comparándoos cos previos á posta en funcionamento dos robots, tomados dos datos do control leiteiro dun ano antes.

Os primeiros robots foron instalados en Galicia no 2004 e nos últimos tres anos a súa multiplicación foi exponencial nas granxas da nosa comunidade

Entre as explotacións analizadas atópanse algunhas das primeiras en contar con robot en Galicia, como Lebón SC, unha explotación ubicada en Samos e que instalou o muxido automatizado no ano 2004, ou SAT Ladeira, constituída no ano 2005 por tres explotacións do Páramo e que comezou a funcionar con dous robots, e outras de instalación máis recente, como Vilasilvestre SC ou SAT Revolta, as dúas de Vilalba.

Incrementos de produción do 12,5% de media

“A dificultade deste estudo radica en que tés que ter datos de antes e de despois da instalación tomados do mesmo xeito”, explica Elio. O traballo conclúe que tralo cambio aos robots “hai un incremento significativo na produción de leite dun 12,5% sen prexuízos para a calidade do leite nin para os parámetros reprodutivos”. A media de produción nas granxas estudadas era de 31,6 quilos por vaca e día no promedio do conxunto das explotacións e este mesmo dato subiu até 36 quilos no robot.

O promedio de produción das explotacións analizadas pasou de 31,6 litros por vaca e día muxindo na sala a 36 litros ao segundo ano de ter o robot

Aínda que a media de aumento de produción foi de case catro litros e medio por vaca e día (12,5%) para as 18 explotacións analizadas, comparando o segundo ano trala instalación do robot co ano previo anterior, houbo importantes diferenzas entre as granxas, cunha diminución do 7% no peor dos casos e un incremento do 27% no mellor.

Das 18 granxas estudadas, 17 delas estaban a 2 muxiduras antes de instalar o robot (16 en sala e 1 en praza fixa) e unha explotación muxía tres veces ao día. “O aumento da produción vai xunguido á frecuencia de muxido”, establece o estudo, que engade que “a concentración de graxa e proteína é lixeiramente menor ca obtida coa muxidura tradicional dúas veces ao día pero o nivel de ácidos graxos libres aumenta”.

Unha décima menos de graxa e practicamente a mesma proteína

brazo robotA media conxunta de calidades das explotacións que formaron parte do traballo de investigación situábase antes da instalación dos robots en 3,76% de graxa e 3,34% de proteína e pasaron a 3,63% de graxa e 3,32% de proteína, polo que os descensos medios no conxunto das 18 explotacións foron dun 0,13% menos de graxa e dun 0,02% menos de proteína.

Todas as granxas estudadas tiñan o mesmo sistema de alimentación, baseado en ración unifeed subministrada unha vez ao día e composta por ensilado de herba, ensilado de millo e penso. Agás nunha delas, que xa realizaba punteo de concentrado antes de instalar o robot, no resto de explotacións este aporte diferenciado de penso dependendo dos niveis de produción e dos días en leite de cada vaca comezou trala posta en funcionamento do muxido robotizado.

Mellor fertilidade co robot

Muxir máis frecuentemente significa, na maior parte das veces, máis produción de leite, pero isto pon en perigo o balance enerxético do animal, que á súa vez pode ter efectos negativos sobre a fertilidade. Sen embargo, o estudo desminte este apriorismo.

“Hai unha tendencia á redución do intervalo entre partos nuns 10 días trala instalación do robot que non garda relación coa presenza ou non de detectores de celo”

De feito, indica o traballo nas súas conclusións, “trala instalación dos robots constatouse unha tendencia á redución do intervalo entre partos e do intervalo entre parto e inseminación fecundante que se comprobou que non gardaba relación coa presenza ou non de detectores de celo”, un sistema co que contaban o 72% das explotacións analizadas (11 gandeirías tiñan detector de celo e rumia e 5 delas tamén medidor de células somáticas, 2 explotacións contaban só con detector de celo e as 5 restantes non tiña ningunha tecnoloxía engadida máis que a do propio robot de muxido).

“Tanto o robot como os detectores de celos non inflúen significativamente nos parámetros reprodutivos, aínda que hai unha certa tendencia a reducir o intervalo entre partos, que pasou de 434 días de media no conxunto das explotacións a 422 días, e tamén o intervalo entre o parto e a inseminación fecundante, que baixou 10 días de promedio, pasando de 145 días antes do robot a 135 despois, pasando a media de inseminacións de 2,46 a 2,45 doses”, explica Elio.

Detección precoz da mamite

Existen diversos estudos que compararon o muxido automático e o convencional e a maioría deles conclúen que a saúde do ubre se deteriora coa introdución do robot por varios motivos: o aumento da frecuencia de muxido favorece a apertura do esfínter e a colonización bacteriana e as posibilidades de contaxio aumentan, pois até 65 vacas se moxen na mesma unidade de muxido.

O reconto de células somáticas incrementouse un 5% trala instalación dos robots

A análise do caso práctico destas 18 gandeirías galegas confirma esta conclusión, aínda que o incremento no reconto de células somáticas non foi moi elevado tendo en conta os datos de control leiteiro do ano pre-instalación e do segundo ano post-instalación do robot, pasando de media no conxunto das granxas de 303.360 RCS a 317.330 RCS.

No tocante á cabana gandeira, nas 18 explotacións predominaba o gando frisón e soamente nunha había 6 vacas montbeliard en lactación no momento da realización do estudo. Ningunha das granxas analizadas mercou animais de fóra da explotación nos dous anos recollidos para a realización do estudo.

40 anos desde a aparición do primeiro robot en Holanda

A orixe dos robots de muxido atópase en Holanda en torno aos anos 80, aínda que non foi até 1992 cando se instalou o primeiro sistema automático de muxido nunha granxa convencional. A chegada ás explotacións leiteiras españolas produciuse no ano 2000 e en Galicia os primeiros robots instaláronse en Arzúa e en Samos a finais do ano 2004. Cinco anos despois xa había na nosa comunidade 49 instalados e nos últimos 2 anos a súa multiplicación foi exponencial.

O traballo Fin de Grao presentado en Veterinaria complétase cunha enquisa aos titulares das granxas estudadas sobre os motivos para a súa instalación e a súa percepción tralo cambio no sistema de muxido empregado. Os responsables das explotacións coinciden en que o principal inconvinte é a adaptación ao robot e a principal vantaxe a diminución da man de obra.

Os responsables das explotacións coinciden en que o principal inconvinte é a adaptación ao robot, por enriba mesmo do prezo, e a principal vantaxe a diminución da man de obra

Para a maioría das explotacións (16 dos 18 titulares enquisados), o principal inconvinte dos robots é a “complicada adaptación” tanto dos propios animais como do gandeiro á nova forma de muxido, poñendo esta contraindicación mesmo por enriba da do prezo. “Outro inconvinte ao que tamén lle dan moita importancia os gandeiros novos, os menores de 40 anos, é que a instalación dun robot non permite aumentar pouco a pouco a cabana, como si que se podería facer cunha sala de muxido convencional porque non é rendible a compra dun robot para telo a menos da metade do rendemento da máquina, polo que os aumentos teñen que ir en función da capacidade do robot, medrando de golpe entre 60 e 70 animais”, explica Elio.

Unha vantaxe importante dos robots é a posibilidade de controlar numerosos parámetros de interese para a produción de forma continuada, permitindo ao gandeiro a toma de decisións individualizada para cada animal. Pola contra, o custo do equipo de muxido e os requisitos de mantemento dun robot son moito máis elevados en comparación a un equipo convencional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información