A xestión forestal activa preséntase como a ferramenta principal para mitigar dous dos principais problemas que arrastra o monte, como son o progresivo abandono, froito do minifundio e da despoboación rural, e o cambio climático. Ambos problemas agravan o escenario de grandes incendios forestais, como os que sofreu Galicia no 2017 e 2022 ou Portugal esta mesma campaña.
Ante o aumento dos grandes incendios na Península Ibérica, unha alianza da sociedade civil desenvolveu nos últimos meses unha proposta a nivel estatal para a reforma da fiscalidade forestal, de xeito que incentive a xestión forestal activa.
A proposta plasmouse nun documento elaborado conxuntamente por Greenpeace, WWF e a plataforma Juntos por los Bosques, que agrupa a máis dun cento de entidades forestais de toda España, entre elas a Asociación Forestal de Galicia. Este mes, iniciarase a presentación do documento a tódolos grupos políticos do Parlamento español, co obxectivo de que acade un amplo consenso que sirva para modificar a fiscalidade forestal.
A primeiros de febreiro, a proposta vaille ser entregada á presidenta da Comisión de Transición Ecológica y Reto Demográfico, Cristina Narbona, coa que unha representación da plataforma Juntos por los Bosques ten pechada unha reunión. Cómpre lembrar tamén que xa en setembro pasado, o Parlamento galego aprobou apoiar a demanda do sector dunha flexibilización da fiscalidade forestal.
A proposta suscrita por Greenpeace, WWF e Juntos por los Bosques apoiase no interese xeral manifesto derivado das múltiples externalidades ambientais positivas que xera a actividade forestal, como son a captación de CO2, a regulación do ciclo da auga, o control da erosión, o subministro de materias primas renovables ou o mantemento da biodiversidade.
“A todo isto hai que unirlle o feito de que o silvicultor, mediante o desenvolvemento dunha actividade forestal sostible, convértese nun xestor do territorio, evitando a selvatización do monte e previndo os grandes lumes forestais”, indica Francisco Dan, vicepresidente da Asociación Forestal de Galicia.
Cos incentivos fiscais propostos, búscase dinamizar unha silvicultura activa, caracterizada pola execución de traballos forestais de xeito periódico, que contribúen a reducir o volume de biomasa no monte, á vez que se ordena o territorio.
Estas medidas contribuirían ademais a acadar unha viabilidade da actividade dende o punto de vista económico, tratando así de facilitar a xestión das parcelas de menor tamaño, que na súa meirande parte pertencen a propietarios particulares.
Deducción de gastos e investimentos na Declaración da Renda
Para acadar esa viabilidade económica e potenciar os investimentos no monte, propóñense unha serie de medidas entre as que destaca a deducción do 20% dos gastos e investimentos que realicen os silvicultores activos para a conservación, mellora e protección do monte, podendo acceder a esta deducción sempre que se desenvolva unha xestión forestal sostible, en montes ordenados e certificados.
Esta deducción aumentaría ata un 40% no caso daqueles montes que teñan un marcado carácter protector e unha menor orientación madereira. “O obxectivo é canalizar investimentos privados cara actuación que teñen obxectivos de marcado carácter xeral, como por exemplo a protección de paraxes con elevado interese ambiental, o mantemento da biodiversidade en áreas sensibles, a creación de barreiras naturais contra os incendios forestais ou a xestión de áreas de protección de bens arqueolóxicos e etnográficos” destaca Daniel Rodríguez, director económico da Asociación Forestal de Galicia e un dos autores da proposta.
Esta aumento das deducións da actividade silvícola no IRPF complementarían outras moitas medidas xa contempladas nos impostos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia.