Como frear a invasión de mimosas e acacias?

Un estudo das Universidades de Vigo e Coimbra analiza medidas de control da especie, que se caracteriza por unha veloz expansión en áreas queimadas. Conclúen que a conservación da matogueira natural constitúe unha barreira eficaz

Como frear a invasión de mimosas e acacias?

As mimosas son grandes colonizadoras de áreas queimadas.

As mimosas (Acacia dealbata) e outras árbores do xénero acacia caracterízanse pola súa capacidade invasiva. A súa expansión constitúe un problema serio en determinadas comarcas de Galicia e do Norte de Portugal, como a zona do Avia e do Arenteiro, en Ourense, ou o Parque Nacional Peneda Gerés, onde se calcula que as acacias xa coparon máis de 1.000 hectáreas, en boa medida axudadas pola proliferación de lumes.

A propagación da especie estase dando de forma considerable tanto en espazos perturbados como en zonas periurbanas, proximidades das vías de comunicación, como estradas ou vías férreas, e en plantacións forestais de eucalipto e piñeiro. Un estudo das Universidades de Vigo e Coimbra analiza como poñer coto ás mimosas, así como os seus efectos sobre os ecosistemas.

A plantación de mimosas está prohibida en Galicia pola Lei de Montes, pero non se dá freado a dispersión das masas xa existentes

Invasión
A plantación de acacias en terreos forestais está prohibida en Galicia pola Lei de Montes, pero o problema radica en que non se dá freado a dispersión das masas xa existentes desta especie, que atopou no noroeste ibérico unhas condicións climáticas óptimas, similares ás do seu país de orixe, Australia.

“O proceso de invasión de ‘Acacia dealbata’ está favorecido principalmente por perturbacións ambientais, como incendios, pero detectamos que esta especie está invadindo tamén comunidades vexetais inalteradas ata agora” destaca o investigador da Universidade de Vigo Jonatan Rodríguez, que xunto a Luis González (Uvigo) e á investigadora lusa Paula Lorenzo analizou o comportamento do xénero acacia en Galicia.

O seu traballo trata de poñer luz sobre a expansión no noroeste dunha das especies invasoras máis agresivas do mundo. Entre as consecuencias da súa propagación nos ecosistemas autóctonos, os investigadores apuntan á redución da dispoñibilidade de auga, á redución de luz no sotobosque, coa conseguinte perda de diversidade vexetal, e á acidificación do solo.

Medidas de control
O método de control máis extendido de acacias e mimosas consiste na corta das árbores, acompañada da aplicación inmediata dun herbicida no toco, co que se reducen as posibilidades de rebrote.

“En Portugal estase probando con éxito o descortezado dos troncos para favorecer que se seque a raíz e morra a árbore”

“Outra técnica que se está a desenvolver en Portugal e que estamos probando en Galicia é o descortezado das árbores para favorecer que se seque a raíz e posteriormente morra a árbore”, explica Rodríguez.

Os investigadores tamén comprobaron que as condicións que se dan nunha matogueira natural ben conservada constitúen unha barreira eficaz fronte ó avance das mimosas. O equipo científico considera que a xestión da matogueira natural podería ser un bo xeito de frear o avance das mimosas nos ecosistemas máis vulnerables, como poden ser os bosques de piñeiros.

Estudo
Para a realización do seu estudo, os investigadores seleccionaron áreas con problemas de invasión de mimosas e fixeron un seguemento no borde de expansión da especie, rexistrando as novas árbores do xénero acacia que nacían durante un periodo de dous anos e medindo o incremento de altura e diámetro dos exemplares.

Os piñeirais presentaron maior número de novas plantas e maior crecemento das mimosas que as áreas de matogueira natural

O equipo atopou un patrón de crecemento diferente das mimosas en función da comunidade de plantas sobre as que tentasen a expansión. Así, os bosques de piñeiro tiñan mimosas con incrementos de altura e diámetro significativamente maiores, así como maior número de novas acacias en comparación coas áreas de matogueira.

No proceso de elaboración deste estudo, os investigadores observaron tamén que as xeadas invernais poden afectarlle de xeito considerable ás mimosas, sobre todo na época de floración. Sen embargo, a mimosa presenta tamén unha gran capacidade de aclimatación, o que lle permite en Galicia vivir en alturas que non acada no seu lugar de orixe. De feito, atopouse a especie invasora na Serra do Courel a 1.000 metros de altitude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información