Como facer pradeiras no monte con mínimo laboreo usando o gando

Ana e Alejandro SC é unha explotación situada en Neipín, na Pontenova, que está a converter superficie abandonada en pastizais sen necesidade de roturación mecánica, valéndose do manexo de cabalos, cabras e vacas de distintas razas

Alejandro Salvatierra, xunto ao seu rabaño de vacas caldelás en Neipín

Alejandro Salvatierra, xunto ao seu rabaño de vacas caldelás na Pontenova

Como en moitos outros concellos galegos, A Pontenova sofre desde hai anos un proceso de abandono agrario e peche de explotacións que está a contribuir á forestación das terras pero que tamén abre novas posibilidades. 

Alejandro Salvatierra e a súa parella, Ana Martínez, non se conforman con esta situación e tratan de reverter o abandono apostando polo gando autóctono en extensivo, logrando facer do despoboamento unha oportunidade.

“Temos gando en todos os pobos arredor da Pontenova: en Santalla, en Vilaxe, en Teixidais, en Neipín e en Vilaméa. A xente vaise facendo maior e vai deixando e imos collendo nós as fincas”, explica Alejandro, que participou na última reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, adicada aos sistemas de produción de carne resilientes ás crises.

Unha explotación adaptada ás dificultades da montaña

A explotación de Ana e Alejandro é unha explotación adaptada ás dificultades da montaña, tanto climatolóxicas como orográficas, de pendentes e desniveis. “Na nosa zona as dificultades do terreo son evidentes. Ademais, está a competencia do eucalipto”, afirmou.  

Alejandro naceu en Ferrol, fillo dunha funcionaria e un traballador de Fenosa. “Eu non estaba predestinado a isto, pero sempre me sentín atraído polo que facían os meus tíos na Mariña”, recoñece. O tío de Alejandro, Pepe Salvatierra, foi técnico de Extensión Agraria e logo xefe de explotación do CIAM.

Nalgunhas zonas os solos son tan pobres que nin para eucaliptos valen, pero si para prados

Alejandro formouse nas escolas de Sergude e Ponteareas e traballou en explotacións de leite até que no ano 2001 alugou terras na parroquia de Álvare, na Pastoriza, e tras incorporarse, comezou cun rabaño de 186 ovellas. “Convén comezar pouco a pouco, para ir adquirindo experiencia e competencia nun traballo que esixe moitos coñecementos”, asegura.

No ano 2014 Alejandro trasladouse a Neipín e comezou a diversificar o gando para adaptarse a un terreo de montaña con moita pendente repleto de toxeiras e uceiras adaptadas a estes solos pobres. “Algunhas zonas nin para eucaliptos valen, pero si para prados”, asegura Alejandro.  

Amansar o monte sen meter palas e tractores

Pradeira establecida con mínimo laboreo, a base do traballo do gando

Pradeira establecida con mínimo laboreo, a base do traballo do gando

Ana incorporárase á explotación no ano 2009 mercando 7 vacas caldelás en Maceda e Petín. Buscaban gando autóctono adaptado ás dificultades do terreo e capaz de contribuír a domesticar o monte.

“Nós amansamos sen meter un tractor nin unha pala, vai amansando o gando, pero iso leva máis tempo que se fose mecanicamente”, explican. “Metemos primeiro cabra ou cabalo, dependendo do tipo de broza que haxa. A cabra, por exemplo, só come o toxo cando é novo, o vello non o come. Despois desbrozamos e abonamos e imos introducindo as vacas até que logramos o pastizal”, detallan. 

Teñen distintos tipos de gando que se complementan entre si

A súa é unha explotación gandeira complexa, con distintos tipos de gando que se complementan entre si nun sistema integral no que cada especie ten a súa función. “As cabras son animais que fomentan moito a aparición de trevo. De haber cabras no monte a non habelas hai unha diferenza bestial no engorde das vacas”, exemplifica Alejandro.

“Comezamos con cero hectáreas de terra en propiedade”

Ana e Alejandro levan adicados á gandeiría extensiva máis de 10 anos, nos que se foron facendo con algunhas terras e montes para traballar neste sistema que precisa, por enriba de todo, de superficie. Pero eles, comezaron “con cero hectáreas de terra en propiedade”, explican.

Nunha década levamos metidos uns 200.000 euros en fincas, que fomos apezando a base de mercar e permutar con outros veciños

A familia de Ana era caseira en Neipín e no 2016 lograron adquirir a propiedade na que levaban dúas xeracións de caseiros e onde neste momento están a rehabilitar a casa. Ao mesmo tempo, foron mercando na zona outros lugares con fincas que levaban nalgún caso 30 anos abandonadas.

Dun deses lugares que mercaron quedaron coas fincas e os montes para facer pradeiras para o gando e coa casa, que venderon para a posta en marcha dun aloxamento de turismo rural, seguiron financiando a compra de máis superficie.

Fincas a máis de 20 quilómetros

Rabaño de ovella galega nunha pradeira situada a 18 km de Neipín

Rabaño de ovella galega nunha pradeira situada a 18 km de Neipín

Así, mercando e permutando, foron pouco a pouco facéndose con parte da base territorial que hoxe teñen. Son unhas 60 hectáreas en propiedade, situadas todas no entorno de Neipín. “Nunha década levamos gastado arredor de 200.000 euros en fincas e casas e tamén cambiamos moito cos veciños para apezar e poder ir xuntando parcelas”, explican.

O resto, as fincas cedidas ou arrendadas, están distribuídas tanto polo concello da Pontenova como polo municipio veciño de Taramundi, xa en Asturias. En total, declaran na PAC 80 hectáreas, aínda que o gando pastorea moita máis superficie, aclaran, xa que hai persoas que lles ofrecen gratuitamente fincas situadas mesmo a máis de 20 km de Neipín.

Movemos o gando a medida que van acabando o pasto e procuramos que sexa axeitado para o tipo de rabaño que o vai pacer

“Movemos o gando a medida que van acabando o pasto e procuramos que sexa axeitado para o tipo de rabaño que o vai pacer”, explica Alejandro. Polo seu sistema de manexo, os peches son outra das bases da explotación. “Témolos de todo tipo, desde mallas metálicas a fíos ou mallas electrificadas”, detalla.

Cabalos, vacas, ovellas e cabras

rabaño cabra galegaA base da explotación de Ana e Alejandro é a diversificación, con distintos tipos de gando de distintas razas pero onde cada unha ten a súa función. A cabana gandeira actual está formada por 70 eguas de cría, maioritariamente de raza cabalo galego de monte; 50 vacas, maioritariamente de raza caldelá, pero tamén rubia galega e vianesa; 20 xovencas e tres touros (caldelao, charolés e rubio); 160 ovellas de raza galega (tamén os machos); e 28 cabras.

As cabras son animais que fomentan moito a aparición de trevo

Neste momento raramente ceban xatos para sacrificio, senón que os machos cruzados véndense directamente do pasto ás explotacións de cebo e as xatas véndenas para vida.

“Outra das nosas actividades é adquirir gando fraco e barato, tanto vacas como eguas ou cabras, e engordalas para logo vendelas para vida a outras explotacións”, explica Alejandro.

As bestas

Ana e Alejandro (Pontenova) cabalo galego2As bestas son hoxe unha parte esencial do negocio da explotación. Manteñen os pastos en bo estado, controlan o que rexeitan as vacas e as ovellas e abren zonas de mato con toxo.

O seu custo de alimentación é baixo, destaca Alejandro. “Ofrécennos pastos para elas en moitos sitios, ás veces son grandes extensións pero en lugares distantes”, conta. Neste momento hai unha forte demanda deste tipo de gando, tanto para vida como para carne e “os prezos son bos”, recoñece.

Son socios de Boaga, Acruga, Puraga e Asovega

Explica que hai uns anos, a raíz da esixencia do microchip, baixou moito o número de cabalos que había nos montes e alerta do descenso en picado da poboación de cabalo galego, que pasou de 23.000 exemplares a tan só 9.000 neste momento.

“Penso que estamos nun momento no que tiñan que apostar por el desde a Administración. A Xunta ten que ter claro que onde hai cabalo hai vida e darse conta de que non hai mellor solución para os montes para atallar o problema dos lumes”, afirma Alejandro.

A Xunta ten que ter claro que onde hai cabalo hai vida e tiña que apostar por el porque non hai mellor solución para o problema dos lumes

“Pero o cabalo hai que profesionalizalo”, di, “non serve telo de calquera maneira, hai que atendelo e facer manexo igual que se fai coas vacas”, defende. E explica que o cabalo leva catro ou cinco anos sendo rendible e os poldros estanse a vender por enriba dos 250 euros.

As poldras novas báixaas para as fincas máis próximas, a carón das casas, para evitar os ataques do lobo, aínda que isto non é garantía ao 100%. “De vez en cando temos algún ataque, mesmo ao lado das casas”, conta. Logo, ao segundo ano xa as sobe para o monte.

Neste tipo de explotacións os cans de manexo e de protección dos rabaños son esenciais

Recoñece que “o lobo é un problema” pero di que para el “o problema principal é que a xente non se dá conta de que co modo intensivo, tanto na gandería como no forestal, estamos cargándonos o ecosistema”. “Non me preocupa que se planten os eucaliptos no monte, o que non quero é que se planten nos prados”, di. “O eucalipto non fixa poboación, por moito que nos queiran vender”, engade.

Razas autóctonas

Carga de xatos pasteiros cruzados vendidos a finais do mes de maio deste ano

Carga de xatos pasteiros cruzados vendidos a finais do mes de maio deste ano

Alejandro defende a aposta polas razas autóctonas que fai na súa explotación e está tratando de mellorar xeneticamente a cabana mediante a selección. Corrupio, o touro caldelao, procede do Centro de Testaxe e na explotación conta con vacas que leva a concursos como os que se celebran en Silleda, Lugo ou O Valadouro. Por exemplo, Cabana foi varias veces campioa de Galicia. Ten máis de 20 anos. “O gando a nós dúranos moitos anos”, confesa.

No rabaño de vacas fan cruce industrial nas crías para vender pero as nais mantéñenas puras

A caldelá, di, é moi boa raza, porque “pare de case calquera touro e é unha vaca moi criadora. Hai que apostar por estas razas para despois poder meter touros cárnicos e non ter problemas”, asegura. Para facer os cruzamentos contan cun touro charolés e para manter a pureza da recría cun caldelao e outro rubio. “Apostamos por cruces coas razas autóctonas para os becerros pero as nais que queden puras”, insiste.

A xente pon outras razas porque quere os cartos rápido, pero a nosa gandería non ten problemas de enfermidades ou complicacións, que penso que ao final é do que se trata

“Facendo selección vaise mellorando a cabana, pero a xente quere os cartos rápido, por iso vai a outras razas”, asegura. Alejandro, sen embargo, valora outros factores. “A nosa gandería non ten problemas de enfermidades ou complicacións, que ao final é do que se trata; a vaca o que ten que facer é parir todos os anos e non dar problemas”, di. Explica que nas caldelás “non hai complicacións nos partos” mentres no outro rabaño, o de rubia galega, “sempre hai máis problemas”, recoñece. 

O proceso para converter o monte abandonado en pastizais

Cultivo de centeno en el monte para aprovechar en pastoreo

Cultivo de centeo no monte para aproveitar en pastoreo

A explotación de Alejandro e Ana é un exemplo na xestión do monte con gando, tanto na transformación a pastos como na súa xestión. Están nun grupo de whatsapp no que hai 30 gandeiros, moitos rapaces novos, e o seu modo de traballar serve de exemplo para moitos deles.

Tamén para Europa. Da man de Rosa Mosquera o seu modelo foi posto de exemplo na UE e a súa explotación forma parte de Afinet, unha rede europea de investigación sobre os sistemas silvopastorís no que participa o Campus Terra de Lugo da Universidade de Santiago.

Segue o modelo da carga instantánea, que consiste en introducir un alto volume de animais para que pazan a parcela o antes posible e de xeito inmediato retirar o gando

O proceso para converter o monte en pastizal é progresivo e calculado: primeiro consiste en pisar con vaca e cabalo, que come ademais os toxos, o segundo paso é introducir a cabra para que desbroce e logo entrarían as vacas e ovellas a pacer. “As cabras son animais que fomentan moito a aparición de trevo. De haber cabras no monte a non habelas hai unha diferenza bestial no engorde das vacas”, explica.

O primeiro, pisar o toxo

No inverno tiran rolos de forraxe monte abaixo para obrigar ao gando a pisar as zonas de toxo

No inverno tiran rolos de forraxe monte abaixo para obrigar ao gando a pisar as zonas de toxo

“Temos fincas que son un peñasco, que era monte con toxos de 3 metros de altura e que en 6 anos son pradeira”, di Alejandro satisfeito. A dureza orográfica dunha zona alta como é Neipín engade dificultade ao proceso. “Castigamos o toxo a base de pisalo coas eguas e coas vacas. Tirámoslles rolos de silo monte abaixo polo medio dos toxos no inverno para alimentar ás vacas e que sigan pisando e ás bestas dámoslles unha de cal e outra de area, se están un tempo no monte pisando unha zona onde non hai moito que comer logo levámolas a un prado para que engorden e se recuperen, nunca lles deixamos adelgazar de todo”, relata.

No monte ten que haber que comer, porque por moi cachenas que sexan as vacas, por exemplo, toxos non comen

“No monte ten que haber que comer, ten que haber pasto, porque por moi cachenas que sexan as vacas, por exemplo, toxos non comen. Non serve dicirlles aos rapaces novos que se incorporan que boten as vacas para o monte sen máis. Hai que facer xestión e manexo porque ten que haber que comer”, argumenta.

Queimas controladas

Queima controlada realizada en marzo de 2021 para transformar o mato en pastizal

Queima controlada realizada en marzo de 2021 para transformar o mato en pastizal

Ás veces, para axudar á implantación de pradeiras recurren a queimas controladas do mato que son realizadas durante o outono ou a primavera por persoal cualificado do Servizo de Defensa Contra Incendios da Xunta.

Estas zonas de pastizais son unha barreira natural contra o lume ao crear discontinuidade nas masas forestais

Unha vez queimado o mato, establecen distintas estratexias, ben creación de pradeiras ou ben cultivo de centeo para aproveitar en pastoreo. Estas zonas de pastizais son unha barreira natural contra o lume, ao crear discontinuidade nas masas forestais e actuar de cortalumes en caso de incendio.

“Eu non son un gandeiro, son un produtor de herba”

Pradeiras recuperadas no monte

Pradeiras recuperadas no monte. Apostan por especies de herba que aguantan ben a seca e o pastoreo

Malia ter un número importante de cabezas de gando de varias especies, Alejandro non se considera gandeiro senón que se define como labrego. “Eu non son un gandeiro, son un produtor de herba, que despois administro co gando como mellor me convén. A miña premisa é adaptar o gando ao terreo, non ao revés, adaptar o terreo ao gando”, asegura. 

En definitiva, o obxectivo sería “lograr unha pradeira produtiva co menor gasto posible porque se o que dan as vacas o gastas todo nas vacas mal negocio fas”, razoa. “Nós abaratamos custos a base de andar co gando. Só damos ás vacas 3 meses de silo de herba, en decembro, xaneiro e febreiro, que é cando están nos patios para que descansen as fincas”, explica.

Pastoreo rotativo

Ana e Alejandro (Pontenova) cabalo galego1“Non temos máis de tres días o gando nas parcelas para que non coman o retroño que comeza a saír e no inverno temos patios para que non sigan machacando as fincas e poidan recuperarse”, explica. Defende que “o pastoreo rotativo é o único xeito de que as fincas produzan porque senón machácanse moito”.

Segue o modelo da chamada carga instantánea, que consiste en ter moito gando en pouco espazo para que pazan esa superficie o antes posible, no menor tempo, e de xeito inmediato retirar a carga gandeira para que rebrote a pradeira e se recupere. “Para as pradeiras é tan malo o sobrepastoreo como deixalas mal pacidas”, di.

Para as pradeiras é tan malo o sobrepastoreo como deixalas mal pacidas

Este sistema aplícao a todas as súas parcelas. “Nas fincas que recuperamos no monte facemos igual, pechamos e parcelamos para poder rotar”, explica. Este método tamén lle axuda no control das malas herbas. “Se tes o gando moito tempo acaba castigando as boas herbas pero se o moves e o rotas moito saen menos herbas malas”, di. Non empregan nin herbicidas nin pesticidas para controlar as malas herbas. “Facémolo todo manual, eu son moi artesanal”, bromea.

Necesidade de árbores e sombras

Ana e Alejandro (Pontenova) vaca caldeláNo verán o gando necesita sombras. Alejandro defende a plurifuncionalidade dos montes, con capacidade para acoller gando e a súa coexistencia coas árbores. “Neipín está orientado ao sur, necesitamos sombras. Cando amañamos monte imos deixando árbores para que dean sombra e para manter a capa freática máis arriba”, explica.

Outra das dificultades de traballar estas zonas en pendente é o mantemento da pradeira. “Hai que ter moito ollo co sobrepastoreo en fincas moi costentas onde está a pena moi arriba, pero ao non mover a terra cando ven a seca aguanta máis a pradeira”, explica.

Non me preocupa que se planten os eucaliptos no monte, o que non quero é que se planten nos prados

Traballan con herbas que aguantan ben a seca, como o datilo, que ademais resiste o pastoreo intensivo. “É malo de implantar, pero cando logras implantalo aguanta ben o pastoreo”, di.

Fai tamén trashumancia. “Movemos bastante o gando tanto dentro das parcelas como dunha finca a outra. Subimos o rabaño no verán ás zonas altas, a 1.000 metros de altitude, á serra que está fronte á Fraga da Reigada, un dos bosques autóctonos máis grandes da Rede Natura, e baixámolo no inverno ás fincas que están no fondo do val. Son tres horas camiñando co gando para cambialo”, detalla.

Un cambio na orientación da PAC

Alejandro defende un cambio de orientación na PAC que prime modelos de gandería extensiva fronte a un modelo intensivo de produción. “Debían apoiar máis aos que facemos unha gandería máis respectuosa e coidamos dos ecosistemas, pero o problema é que Europa segue apostando polo sistema intensivo porque os que traballamos doutro xeito non interesamos, porque somos máis autosuficientes e xeramos menor volume de negocio, porque non gastamos tanto abono, maquinaria, seme, empresas asociadas e de servizos, etc, por iso non interesamos”, quéixase.

Aínda lembra cando se excluíu o pasto arbustivo da PAC. “Para nós foi un pau, perdemos de golpe as subvencións e estabamos tan desanimados que estivemos a piques de deixalo todo, pero ao final serviunos para reorientar a explotación cara a un modelo sostible menos dependente das axudas”, asegura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información