Como explicar que usar máis madeira é bo para o medioambiente

Europa aumentou a súa superficie forestal un 9% desde o ano 1990. En paralelo, unha xestión forestal sostible permitiu elevar a corta de madeira. Coñecemos dúas campañas europeas que divulgan entre a cidadanía a compatibilidade enre aproveitamentos forestais e protección da natureza.

Como explicar que usar máis madeira é bo para o medioambiente

Estes días, unha campaña televisiva dunha aplicación de venda de segunda man apuntaba directamente á corta de árbores como algo negativo: “En algún momento se sacrificaron muchos bosques para sacar madera. Está mal, pero ya está hecho (…) Como también están hechos los millones de muebles que salieron de allí. Y lo mejor que podemos hacer, es usarlos”.

Con independencia de que a reciclaxe efectivamente sexa desexable, o sector forestal europeo leva anos tentando transmitirlle á sociedade que é falso que estea mal cortar madeira. Desde a cadea monte – industria considérase que o aproveitamento madeireiro non só é compatible coa conservación do medioambiente, senón que ten un efecto positivo.

Un dato a ter en conta é que Europa aumentou a súa superficie forestal un 9% desde o ano 1990, á vez que en paralelo unha xestión forestal sostible permitiu elevar a corta de madeira. Nos bosques de Europa medra cada ano máis madeira da que se corta, o que garante a rexeneración das masas.

Se ben a deforestación é un problema no resto dos continentes, asociada en moitos casos á expansión de agronegocios como a soia (Brasil) ou o aceite de palma (Indonesia), non é o caso europeo.

Certificación e comunicación
Para que o consumidor poida identificar a madeira asociada a unha xestión forestal sostible, que garante a conservación do medio e a rexeneración das masas cortadas, están potenciándose nas últimas décadas os selos de certificación forestal, como FSC ou PEFC, que se convertiron nunha esixencia para a maioría de empresas internacionais.

En paralelo ós esforzos de certificación forestal, as asociacións europeas ligadas ó sector tratan de contrarrestar esa certa imaxe que existe de que cortar e empregar madeira é algo malo. Resumimos a continuación dúas campañas europeas nesa liña que se expuxeron recentemente no Foro de Bioeconomía organizado en Santiago pola Axencia Galega da Industria Forestal, XERA.

Wood for Good

“Queremos que a madeira sexa a primeira opción en material para deseño e construción”

A campaña ‘Wood for Good’ (Madeira para sempre) está promovida pola industria forestal británica co obxectivo de promocionar o uso da madeira. “Queremos convertir a madeira na primeira elección de material en deseño e na construción. Porque a madeira é boa” -enuncian-. “Trátase dun material natural, resistente, agradable e que dura no tempo”.

Formación
A directora da campaña, Wood for Good, Sarah Virgo, explicou no Foro de Bioeconomía que un dos principais esforzos da iniciativa diríxese á formación de profesionais como arquitectos ou técnicos da industria da construción: “Podemos promover a madeira, pero se non sabemos como usala, é un problema”, analiza Sarah.

Por iso, Wood for Good centrouse en ofrecer formación e recursos para promover o uso da madeira, como a difusión de casos de éxito a nivel internacional ou de distintas aplicacións que poidan servir de inspiración.

Medioambiente e benestar
De xeito paralelo, a campaña liga o uso da madeira con efectos positivos no benestar das persoas, coa creación de entornos biofílicos, e na conservación do medioambiente.

Estas son algunhas das mensaxes que se empregan na campaña:

  • Nos aproveitamentos forestais sostibles, as árbores sempre son replantadas ou rexeneradas trala súa corta. As árbores non se colleitan todas ao mesmo tempo nin na mesma área. Primeiro fanse rareos, para que o resto de árbores da masa colla grosor, e cando chega a corta final, trátase de cortas limitadas a zonas concretas, non se talan bosques enteiros.
  • Cando usas madeira de bosques xestionados de xeito sostible, sempre tes a seguridade de que ese bosque foi rexenerado trala corta. Máis importante, cun correcto uso, esa madeira poderá ser reparada e reutilizada moitas veces antes de ser reciclada.
  • Os bosques comerciais proporcionan un fogar para a vida salvaxe, un ecosistema biodiverso e espazo para que as persoas paseen e disfruten da natureza.
  • A madeira contribúe á loita contra o cambio climático, pois as árbores secuestran dióxido de carbono da atmósfera que despois queda almacenado na madeira.
  • Ao empregar máis madeira, estamos contribuíndo activamente a expandir os bosques europeos e a aumentar o secuestro de carbono. Entre 2005 e 2015, o secuestro anual de carbono dos bosques en Europa foi de 719 millóns de toneladas. Iso equivale ás emisións de 150 millóns de coches durante todo un ano e representa arredor do 9% das emisións europeas.
  • A Unión Europea será máis dependente dos seus propios bosques do que xa é. Isto require investimentos nunha boa xestión forestal, educación, aumentar a superficie dos bosques e manter o equilibrio entre suministro de madeira, conservación da biodiversidade e secuestro de carbono.
  • Imaxe da campaña Wood for Good.

    Imaxe da campaña Wood for Good.

Forest Europe

“Difundimos unha narrativa positiva dos empregos verdes, das persoas que traballan no sector forestal, máis alá de gráficos e datos”

Forest Europe é unha iniciativa política que promove a protección dos bosques e a xestión forestal sostible a nivel europeo. Os seus obxectivos céntranse en impulsar o papel dos bosques na mitigación do cambio climático, en reforzar a súa función no ciclo hidrolóxico e na conservación da biodiversidade, e en asegurar o aproveitamento sostible de produtos forestais.

Para Forest Europe, a xestión forestal sostible implica a conservación da biodiversidade, produtividade, capacidade de rexeneración e vitalidade dos bosques, asegurando que cumpren, agora e no futuro, con funcións relevantes a nivel ecolóxico, económico e social.

Estado dos bosques
Como parte do seu traballo, Forest Europe elabora anualmente un informe sobre o estado dos bosques europeos, no que fai seguemento dos riscos sanitarios ós que se enfronta. Na actualidade, calcúlase que un 3% dos bosques europeos está danado por lumes, insectos, enfermidades ou por fenómenos meteorolóxicos extremos.

No Foro de Bioeconomía celebrado en Santiago interviu Vera Steinberg, asesora de Forest Europe, que apuntou que o público ó que se dirixe a iniciativa está formado tanto por traballadores forestais como por ecoloxistas e por público en xeral.

“Entre o público detectamos que hai preocupación pola estados dos bosques. Na Europa central está producíndose unha gran mortandade de árbores por motivos sanitarios e é algo que preocupa. Desde Forest Europe comunicamos as iniciativas que se están desenvolvendo para enfrontar esa situación”, explicou Vera na súa intervención no Foro.

Empregos verdes
Outra das liñas de comunicación de Forest Europe radica na promoción dos empregos verdes, ligados á xestión forestal. Un exemplo disto é a difusión en redes sociais de vídeos curtos sobre persoas que traballan no sector forestal, “coa idea de transmitir unha narrativa positiva dos empregos forestais” -explica Vera-. “Trátase de entrevistar ás persoas que hai detrás das gráficas e dos datos”, conclúe.

Datos

  • Un 35% da superficie de Europa está cuberta por bosques. No caso de Galicia, dous terzos da comunidade son superficie forestal e case un 50% de Galicia está arborada.
  • Un 23% dos bosques de Europa están suxeitos a figuras da protección da natureza (Rede Natura, parques naturais ou nacionais, etc., o que implica que teñen maiores limitacións e controis sobre os aproveitamentos forestais
  • Un 70% dos bosques de Europa teñen acceso público libre para a cidadanía. Nalgúns países, esa superficie supera o 90%.

Una idea sobre “Como explicar que usar máis madeira é bo para o medioambiente

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información