As perspectivas do mercado do leite en Galicia están marcadas por dúas tendencias positivas e unha incertidume. Unha das tendencias positivas é que a produción de leite estará estabilizada nos principais países exportadores. A segunda é que os prezos do leite apuntan a manterse máis altos que no 2022 na Unión Europea, cunha maior suba en Estados Unidos e Nova Zelandia. Pola contra, hai unha incerteza que se centra nas exportacións da Unión Europea dos produtos lácteos, xa que van en descenso e dependen, fundamentalmente, do que importe China.
Estes datos explicounos o experto do sector e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Francisco Sineiro durante a xornada de vacún de leite que organizou Unións Agrarias en Santiago de Compostela. Durante o seu relatorio, fixo un repaso pola situación do sector e os problemas que foi sorteando.
Mercado exterior
Sineiro destacou a importancia de formar parte do mercado europeo, que exporta unha parte importante da súa produción (preto dun 20 %) aos mercados internacionais e “non podemos estar illados desa situación”. Polo tanto, o prezo que se paga en España e Galicia depende da situación do mercado internacional. Iso implica que pequenos desaxustes que se xeren entre o que tratan de vender as industrias do leite e o que tratan de importar distintos países, que pode ser por cuestións climáticas ou conflitos, repercutan nos prezos.
“Un 3-4 % de desaxuste que exista entre as cantidades que se queiran comprar ou vender no mercado internacional provoca unha variación no prezo dun 10-12 % cara arriba ou abaixo”, exemplificou Sineiro.
Cooperativismo e negociación de prezos en Europa
Outro factor a ter en conta é o peso das cooperativas en Europa. Así, Holanda ou Dinamarca son países nos que a maior parte da súa produción é recollida e transformada por cooperativas, e así contan con certos mecanismos de axustes e compensación.
En España negociaranse contratos do leite cando alguén se atreva a facelo. Detrás dunha (industria), irán o resto (Francisco Sineiro)
A nivel europeo, outro factor diferencial é a importancia da negociación de prezos entre produtores e industria. Nese sentido, puxo de exemplo a Francia por ser un dos países que ten unha tradición de negociación importante, “mentres en España estamos no principio. Eu penso que se empezarán a negociar os contratos cando haxa alguén que se atreva a facelo, porque detrás dun irán outros”.
No 2012, cando se ían eliminar as cotas, a UE buscou unha solución para estabilizar os mercados e creou o paquete lácteo. Tratou de que as relacións entre quen vende o leite e quen o compra sexan estables, que se fagan contratos por escrito e que se cumpran determinadas condicións. “Tamén se poñía que eses contratos se negociasen entre a parte produtora e a parte que compra e iso é o que falta agora”, recalcou o experto.
Nese sentido, trataron de facerse organizacións de produtores, que terían o poder de negociar os prezos. Creáronse en países con Francia, en España tamén se formaron, pero a operatividade non é óptima, “xa que para que funcionen deben sentarse as dúas partes: quen compra e quen vende, e polo momento os que venden non se sentaron”.
O leite equivalente
O prezo equivalente é o que pode pagar a industria cando vai transformar o leite en leite en po ou manteiga. Polo tanto é o prezo que se pagaría sobre o valor deses dous produtos descontando os prezos de transformación e de recollida do leite. Así, no mercado internacional obsérvase que o prezo do leite vai evolucionando segundo o prezo equivalente, “con dúas diferenzas: o prezo do leite varía menos que o equivalente e existe un desfase, cando sobe o prezo equivalente, o de leite reacciona, pero con meses de diferenza”.
De cara ó futuro, resalta a importancia de comparar o prezo equivalente na Unión Europea, Estados Unidos e Nova Zelandia, por ser os tres grandes países exportadores.
Custos de produción
Á hora de analizar a rendibilidade das granxas, a maiores do prezo do leite, cómpre ter en conta os custos de produción. “Os gandeiros están collidos entre unha tesoira de prezos porque cando aumenta ou diminúe o prezo do leite tamén o fai a súa rendibilidade. Esa tesoira tamén actúa cando sobe o prezo do concentrado ou da enerxía, entre outros factores, e a rendibilidade se ve reducida”.
Por iso, cando hai crises, un litro de leite pode valer menos que o que se paga por un quilogramo de concentrado. “Houbo un ano, no 2012, que a pesar de que o prezo do leite era relativamente bo, como houbo unha suba forte da soia, foi un mal ano para a vosa rendibilidade”, lembrou Sineiro.
Contratos e prezos indexados
En España, case todos os contratos son a prezo fixo, é dicir, márcase un prezo na firma do contrato e mantense durante a duración do mesmo. Outro modelo alternativo é o de asinar un prezo indexado a un índice. Sineiro e outros profesionais da Universidade de Santiago crearon unha serie de índices de prezos para a INLAC (Interprofesional Láctea), que servisen para regular o prezo durante a duración do contrato.
O índice parte dun prezo fixo e de maneira interrompida varía cara arriba ou cara abaixo segundo varíen os factores que determinan. Así, o índice A da INLAC ten en conta o prezo do custe de produción (concentrados); o prezo do leite dos cinco países de onde veñen a maioría dos lácteos importados a España (Francia, Alemaña, Holanda, Dinamarca e Portugal) “porque non podemos ter un prezo diferente a eses países, xa que se xeraría un problema nas importacións”; prezos a saída de fábrica, é dicir, como varían os prezos aos que venden as industrias o leite, queixo ou outros; finalmente, o prezo do leite en po e manteiga. “É o mesmo que se fai cos prezos das pensións, por exemplo”.
O sistema de índices leva anos funcionando, a modo de referencia, pero as industrias preferiron non aplicalo nos contratos.
No leite envasado, a marxe da distribución é pequena, comparada con outros produtos lácteos coma o queixo ou os iogures
Finalmente, Sineiro chegou ao prezo medio que se paga en Galicia con respecto ao resto de España. “Obsérvanse diferencias nalgúns anos de 2 céntimos por litro e noutros, cando hai máis escaseza de leite, é unha cifra máis alta”. Indicou que con 3 céntimos por litro, nos case tres mil millóns de litros que se producen en Galicia, son 100 millóns de euros menos que se cobran polo leite. “Non pedimos cobrar máis ca ninguén, tan sequera igual que a maioría das Comunidades”.
“Tres céntimos menos no prezo do leite galego supón 100 millóns de euros menos, en comparación co que se cobraría ese leite noutras comunidades” (Francisco Sineiro)
Problemas na distribución
As grandes cadeas de distribución ofrecen distintos produtos: alimentarios, de hixiene e limpeza etc., por iso, a súa marxe de beneficio se obtén de cada un deses produtos e equilíbrase. É dicir, chegan a unha marxe dun 20 % porque nuns produtos sacan un 40 % e noutros un 5%. No leite envasado, a marxe da distribución é pequena, comparada con outros produtos lácteos coma o queixo ou os iogures. A marxe na distribución é do 15 % no leite, como media dos últimos dous anos, mentres que no queixo chega a un 52 % e nos iogures a un 42 %.
Ante iso, Sineiro sinala que o leite nas grandes distribuidoras e nas rexionais estase a empregar como produto reclamo: “Aínda que gañen pouco no leite, pódelles compensar porque os consumidores comprarán outros produtos e a marxe equilibra”. Tamén se están usando as chamadas marcas de distribución, que supoñen unha parte importante do que se compra. “O prezo final da industria que vende marca de distribución está un 22 % por debaixo do outra e iso crea problemas”, concluíu.
Visión da industria
Durante a mesa redonda, tamén participou Antonio Larrea, director de compras de leite no Grupo COVAP, quen empezou afirmando que “non teño medo en facer contratos con prezos indexados, se o gandeiro entende que iso é bo para a súa gandería”.
Ante isto, na quenda de preguntas un gandeiro pediulle que fose o pioneiro en empezar cos contratos indexados, “porque se das o paso, seguramente vaian outras industrias detrás”. Larrea afirmou que se fan contratos a curto prazo para evitar equivocarse, se ben, vendo que funcionan os índices, “entendo que xa se pode empezar a traballar na liña de contratos indexados a máis longo prazo”. De tódolos xeitos, ten a dúbida de que a maioría das ganderías vaian a preferir un contrato indexado antes ca un contrato a prezo fixo. “Iso é o que nos impide dar o paso”.
“Teño a dúbida de que unha granxa prefira un contrato a prezo indexado en lugar dun contrato a prezo fixo. Iso é o que nos impide dar o paso” (Antonio Larrea, Cova)
Larrea lembrou que COVAP é unha cooperativa, na que está integrada Naturleite e na que os gandeiros son parte activa. Reúnense mensualmente con eles e “analizamos custos de produción e a realidade do prezo equivalente”. En base a iso, debaten prezos acordes a eles e así “fíxase un prezo que sirva para pelexar no mercado”.
Polo momento en Galicia non son cooperativa, pero o obxectivo a curto-medio prazo e “chegar a formala”. Aínda así, aclara que “tratamos de traballar do mesmo xeito, por iso non impoñemos prezos aos nosos gandeiros, senón que tratamos de negociar e de mostrarlles a nosa realidade para chegar a un acordo”.
Tamén puxo o foco no consumidor, xa que “se ten que decatar de que está pagando un alimento producido por un sector que necesita comer” e criticou que “xulgan os prezos dun brick de leite cun Iphone na man”.
“Cando se fala do leite como produto reclamo, teño que dicir que en Gadis non é así. Non hai oportunidades con leite barato” (Diego Pérez, Gadis)
Visión da distribución
No mesmo encontro participou Diego Pérez Mira, director de compras de produto fresco de GADISA. Pérez Mira centrouse na cesta de compra de alimentos en España, “que é a máis barata de Europa”, e iso pasa “porque somos competitivos”. Indicou que en Alemaña só hai tres distribuidores e “iso leva a que os prezos sexan máis elevados”.
En GADISA traballan cunhas 20 marcas de leite e a súa visión de negocio respecto do mercado do leite “seguramente sexa moi diferente a outras cadeas”, porque igual teñen só dúas marcas (barata e cara) e con iso deben defender o seu modelo de negocio. “Para nós o prezo é un vector importante e o leite non está fóra do mundo do prezo, pero non é o noso elemento fundamental de utilización ou diferenciación, por iso cando se fala de produto reclamo non é así. Xa fai moito tempo que en Gadis non hai oportunidades con leite barato”, recordou.