Como evitar as micotoxinas nos silos?

Se establecemos unha correcta estratexia no proceso de ensilado, e tamén no de desensilado, sí que se poden evitar novas contaminacións por micotoxinas. Velaquí uns consellos do equipo de Alltech Galicia.

Como evitar as micotoxinas nos silos?

A boa compactación do silo é importante para evitar a entrada de osíxeno

As micotoxinas son metabolitos secundarios tóxicos producidos por fungos, capaces de ocasionar efectos adversos en persoas ou animais expostos a elas.

A presenza de micotoxinas nos alimentos presenta dous desafíos. O primeiro é desde a vertente da saúde humana. É o caso da súa posible presenza no leite de animais que consuman alimentos contaminados. Tal é o caso da aflatoxina, un potente carcinoxénico cuxos niveis máximos en leite están regulados pola UE.

O segundo desafío é no ámbito do propio gandeiro, e están vencelladas ás perdas en termos de produción e saúde animal que provocan as micotoxinas presentes nas materias primas que conforman as dietas. Iso sen contar que, nos alimentos producidos na propia explotación, a aparición de micotoxinas denota a aparición de fungos que tamén penalizaron a produción ou a calidade dos mesmos.

“O ideal é que renovemos o frente do silo a diario”

Calquera estratexia para minimizar o contido de micotoxinas pasa necesariamente por evitar o desenvolvemento dos fungos. Se falamos de forraxes ensiladas, non poderemos evitar aquelas micotoxinas xeradas durante o tempo de cultivo e que van permanecer intactas despois da fermentación. Sen embargo, se establecemos unha correcta estratexia no proceso de ensilado, e tamén no de desensilado, sí que se poden evitar novas contaminacións. Hai que lembrar que os fungos son organismos estrictamente aeróbicos e, polo tanto, precisan osíxeno para medrar. Neste senso, todas aquelas medidas encamiñadas a evitar a presenza de aire van contribuir ao éxito da nosa estratexia.

Istos son os principais puntos críticos que debemos contemplar na execución do ensilado e que nos vai permitir diminuir o grao de contaminación por micotoxinas:

1. Limpeza e desinfección de piso e paredes do silo antes de entrar a nova forraxe para evitar posibles recontaminacións con fungos.

2. Dimensión do silo axeitada ao consumo de ensilado previsto. Trátase de evitar silos moi anchos ca súa fronte altamente exposta ao contacto co aire. O ideal é que renovemos a fronte a diario cun ritmo de avance non inferior aos 15 cm/día.

3. Orientación do silo. Convén que a fronte do silo estea orientada ao norte, todo máis ao leste/oeste. Con isto evitaremos unha insolación excesiva que aumente a temperatura da fronte e que poda contribuir a un maior desenvolvemento dos fungos.

4. Densidade. Garantir a maior densidade posible (>750 kg/m3) no ensilado. A humidade de colleita, o tamaño de picado da forraxe e, sobre todo, o pisado deben contribuir a eliminar o osíxeno e evitar así o desenvolvemento fúnxico.

5. Uso de inoculantes. Pódese mellorar significativamente o control fúnxico co emprego de inoculantes. Estas solucións baseadas en cultivos de bacterias lácticas heterofermentativas traballan no ensilado a dous niveis:
Garanten unha maior acidificación. Un pH baixo é unha barreira que limita o desenvolvemento dos fungos.
No proceso fermentativo xeran ácido acético e ácido propiónico que impiden tamén o crecemento de certos fungos ácedo-tolerantes. Con isto mellórase a estabilidade aeróbica do silo.

Así e todo, se apareceran partes contaminadas ou amofadas deberemos retiralas e afastalas do entorno do silo para evitar posibles recontaminacións.

Artigo elaborado polo equipo de Alltech Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información