As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

Como Europa garante a autosuficiencia de alimentos a prezos accesibles

As axudas ós agricultores que proporciona a Política Agrícola Común contribúen a asegurar a continuidade de granxas e cultivos na UE. Sen as axudas da PAC, os ingresos agrícolas dun produtor en Europa son só un 46,5% do que sería o salario medio no resto da economía

Como Europa garante a autosuficiencia de alimentos a prezos accesibles

Campo de centeo na provincia de Ourense. / Arquivo.

A pandemia da Covid puxo de manifesto a importancia que ten a autosuficiencia alimentaria. Co inicio dos confinamentos, sucedéronse as imaxes de supermercados coas estanterías baleiras nas seccións de leite, ovos ou dalgunhas carnes. Só a continuidade do traballo en Europa de agricultores, granxas e industria alimentaria permitiu dar unha áxil resposta ó aumento da demanda do consumo nos domicilios.

Estanterías de leite dun supermercado baleiras en marzo do 2020. / Arquivo.

Estanterías de leite dun supermercado baleiras en marzo do 2020. / Arquivo.

Europa é en xeral autosuficiente na maioría de alimentos, pero hai determinados produtos que ten que importar, xa que non os produce en cantidade suficiente ou directamente non os cultiva por motivos climáticos, como o café, o cacao ou a soia empregada na alimentación animal.

En calquera caso, as exportacións europeas de alimentos multiplican por 1,5 ás importacións, o que fala ben da autosuficiencia alimentaria da UE-27. No 2019, a UE importou alimentos por valor de 108.600 millóns de euros, pero exportou unha cantidade moi superior, 162.700 millóns de euros.

A Política Agrícola Común (PAC) xoga un papel clave á hora de garantir a autosuficiencia alimentaria de Europa. As axudas directas que a PAC lle proporciona ós agricultores representan un incentivo para a continuidade da actividade agraria e para a incorporación de persoas mozas ás explotacións.

Sen esas axudas, o agro perdería atractivo e, en consecuencia, a autosuficiencia alimentaria da UE poríase en risco. Cómpre ter en conta que os ingresos agrícolas por traballador, sen contar as axudas da PAC, representan só un 46,5% do que sería un salario medio no resto da economía, segundo os últimos cálculos que manexa a Comisión Europea (Dato do ano 2017).

Os apoios á renda dos agricultores que proporciona a Política Agraria Común contribúen, xa que logo, a equilibrar a balanza. Incluso con estes apoios, só hai dous países da UE, República Checa e Estonia, nos que os ingresos totais dos agricultores sexan superiores a un salario medio do resto da economía dese país (Ver gráfico inferior).

PAC final grafico

As axudas á renda no agro cumpren unha segunda función, garantir a dispoñibilidade de alimentos a prezos accesibles para o conxunto da cidadanía. Pódese dicir que o prezo dos alimentos no supermercado págao en parte a PAC e en parte os consumidores. Se se compara este escenario co doutros países do Norte sen axudas ó agro, como é o caso de Canadá, obsérvanse alí maiores prezos (en comparación coa UE) na maioría de produtos básicos da cesta da compra ligados coa agroalimentación.

Cal é o nivel de autosuficiencia de Europa nas distintas gamas de alimentos?

Un recente estudo analizou a situación actual de autosuficiencia alimentaria de Europa e a proxección da mesma para o 2080. A conclusión é que Europa é actualmente autosuficiente na maioría de gamas de alimentos e que o seguirá sendo para o 2080. A única excepción é a froita, pois Europa só produce arredor de tres cuartas partes das froitas que consume.

Se se valora a situación a nivel nacional, hai tres sectores nos que España e Portugal producen menos volume de alimentos dos que consumen (Ver táboa), e espérase que a situación siga así para o 2080: cereais, leite e patacas. En Portugal, na actualidade tamén hai unha produción de froitas e de carne que non cubre a demanda interna, pero espérase que para o 2080 esa situación estea resolta.

Táboa. Autosuficiencia alimentaria a nivel da UE, España e Portugal

Países Cereais Froitas Hortalizas Patacas Carne Leite Ovos
UE-27
+ Gran Bretaña
108 % 77 % 101 % 104 % 106 % 111 % 101 %
España 70% 168 % 179 % 62 % 127 % 71 % 111 %
Portugal 25 % 81 % 134 % 50 % 80 % 84 % 108 %

Fonte: Małgorzata Kołodziejczak (2018): ‘Food self-sufficiency in Europe countries’.

O estudo considera que o máis conveniente é medir a autosuficiencia alimentaria a nivel da UE, dada a libertade de tránsito de mercadoría entre os países da Unión. O autor do traballo considera que a análise nacional pode ser útil para comprobar a garantía dunhas base alimentaria, pero lembra tamén que as especifidades produtivas dun país ou rexión pódeno facer máis idóneo para a produción de determinados alimentos, pero non doutros.

Unha última cuestión que apunta a investigación é que outra vía para mellorar autosuficiencia alimentaria e as exportacións pasa pola reducción do alto nivel de desperdicio de alimentos, que cifra nun 20% no conxunto da Unión Europea. Ese nivel de desperdicio, que se dá nas fases de produción, procesamento, distribución e consumo, está a ser enfrontado en toda Europa con diversas medidas lexislativas. No caso de España estase traballando nun proxecto de lei contra o desperdicio alimentario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *