Como está a influír a crise da Covid-19 na industria forestal?

O sector calcula que perderá arredor dun 25% da facturación agardada para o 2020. A práctica totalidade das empresas recoñece que a pandemia estalle afectando negativamente, pero aínda así, un terzo decidiu manter ou aumentar os investimentos previstos para o 2020

Como está a influír a crise da Covid-19 na industria forestal?

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema (esquerda) e o conselleiro de Economía, Francisco Conde (dereita).

O sector forestal galego está a sufrir un impacto negativo da crise do coronavirus, pero mantén as súas boas perspectivas de futuro no medio prazo, cun papel protagonista na era da economía circular. Esa é unha das conclusións que se extrae da enquisa realizada no mes de maio entre 117 empresas do sector pola Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (Uvigo).

O traballo, encargado pola Axencia da Industria Forestal (Xera) e coordinado por Juan Picos (Uvigo), realizouse entre empresas de toda a cadea forestal, pero maioritariamente as respostas procederon de rematantes (fragueiros) e empresas de servizos forestais, da industria do serrado e do sector do moble.

A enquisa foi realizada na primeira quincena de maio, cando xa as empresas podían valorar o impacto dos dous primeiros meses do estado de alarma. Unha primeira conclusión é que o 95% das empresas recoñece que a Covid-19 lles afectou de xeito negativo.

Na maioría dos casos, a actividade mantívose moi ralentizada (48%) ou de xeito parcial (31%). É certo tamén que só houbo un 4% de empresas que pararon por completo, en tanto un 15% mantiveron a actividade normal e en dous casos puntuais produciuse incluso un aumento da demanda, no sector da pasta de papel e no da biomasa.

Facturación e investimentos
A reducción de actividade que experimentou a maioría de empresas xa se deixou notar na facturación dos meses de marzo e abril. Para o global do ano, as expectativas apuntan a unha baixada de facturación media dun 26%.

Unha das consecuencias da menor facturación é a decisión de dous terzos das empresas de reducir os investimentos previstos para o 2020. Con todo, hai un 26% que os manterá e un 7% que mesmo decidiu aumentar os investimentos.

O coordinador da enquisa, Juan Picos, destaca o carácter “proactivo” que demostra a industria forestal no actual contexto de crise, pois mantéñense unha parte significativa dos investimentos previstos e valóranse novas oportunidades e estratexias. Así, arredor de dous terzos das empresas recoñecen que terán que facer cambios en canto a estratexia e canles de comercializacion, unha porcentaxe que é máis acusada nas empresas que declaran un maior impacto da crise.

Ameazas
No actual contexto, a principal ameaza que percibe o sector é a incertidume, seguida da caída da demanda e de posibles problemas de tesourería (morosidade, falta de liquidez). Tamén preocupa o mantemento da plantilla e en último termo de preocupacións, está a continuidade da empresa. É un escenario que debuxa un sector “resiliente e con capacidade de aguantar a crise”, valora Juan Picos.

Ao manterse a actividade de case toda a cadea da madeira, aínda que dun xeito ralentizado, as peticións de axudas por cese de actividade foron mínimas entre as empresas do sector. De feito, un 46% das empresas non recurriu a ningún tipo de axuda, probablemente porque as convocatorias non se lles axeitaban, segundo valora Picos, e entre as que pediron axudas, un 29% solicitaron préstamos ICO, outro 5% avais do IGAPE e só un 11% entrou en ERTES.

A nivel de Galicia, no ámbito da industria forestal solicitáronse un total de 270 ERTES, que afectan a 5.200 traballadores, dos que máis de 3.100 corresponden á industria da madeira, 1.400 a fábricas de mobles e algo máis de 600 a traballos de explotación forestal e silvicultura.

Oportunidades
Como conclusión, Picos subliña que o sector forestal é resiliente, proactivo e con futuro, un futuro que se enmarca na era da economía circular e da bioeconomía que quere promover a Comisión Europea durante a próxima década, co ‘Green Deal’ (Pacto Verde) como elemento transversal de tódalas políticas europeas. Espérase así que nos próximos anos o sector forestal se convirta no mellor aliado das políticas que buscan a mitigación e a adaptación ó cambio climático.

De cara a esa meta, tanto o director da Axencia da Industria Forestal, Ignacio Lema, como o conselleiro de Economía, Francisco Conde, apuntan ó compromiso da Xunta en políticas que fomenten o consumo de madeira en diversos sectores.

No curto prazo -sinalou o conselleiro-, tamén haberá que ter en conta as oportunidades derivadas da necesidade de reorganización de locais comerciais e contornas laborais, un proceso na que o sector galego do ‘contract’, especializado na atención a cadeas de negocios, pode ter un papel protagonista.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información