Como está a impactar o coronavirus no sector lácteo? O caso francés

Importante reducción das exportacións, caída de prezos do leite e consumidores que mercan produtos lácteos de menor valor engadido. Estas son algunhas das consecuencias da crise do Covid-19 no sector lácteo francés. ¿Son extrapolables a España?

Importante caída do comercio internacional de produtos lácteos e baixada de prezos, sobre todo do leite en pó desnatado, e en menor medida da manteiga; baixadas do prezo do leite en orixe e un consumidor que merca produtos lácteos de menor valor, como leite UHT ou queixo barra, para afrontar un escenario económico incerto. Estas son algunhas das consecuencias que está a provocar no sector lácteo francés a crise do coronavirus Covid-19 e que foron analizadas este xoves nun webinar organizado polo Institut de l’Elevage (IDELE) francés.

Baixo o título de “O sector lácteo ante o Covid-19”, o responsable do servizo de Economía do IDELE, Gérard You, presentou os primeiros datos sobre o impacto que está a provocar no mesmo o confinamento da poboación e a reducción do comercio internacional, unhas consecuencias que, con excepcións, son extrapolables ás principais potencias leiteiras. No caso de España a situación varía xa que non é un país exportador de lácteos, senón que é deficitario, polo que os gandeiros e a industria -sobre todo a de elaboración de queixos de gran cosumo- teñen máis marxe de crecemento para cubrir a demanda nacional.

Estes son os cambios que está a provocar o coronavirus no sector:

-Desplome das vendas nas restauración, pero tamén na industria alimentaria e nas exportacións:

IDELE COVID 19 1

Os datos de Francia revelan que no mes de marzo as vendas de leite e derivados lácteos na restauración caeron un 85%; pero tamén caeron nun 25% as vendas á industria alimentaria (pastelerías, repostería…etc), a mesma porcentaxe que baixaron tamén as exportacións, un problema importante no caso francés xa que case o 40% dos 25 millóns de toneladas de leite que produce o país destínanse á exportación.

O grave é que esta situación non foi compensada polo aumento do consumo nos fogares. “É certo que subiu un 22% o consumo de leite e de derivados lácteos nos fogares, sobre todo de leite UHT, iogures, manteiga e queixos de menor valor, mentres que baixou o consumo dos produtos de maior valor prezo, como os amparados por Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas. É dicir, a tendencia no consumidor é ir ao básico debido á incerteza económica, polo que se ben en termos de volume aumentou o consumo nos fogares, non así en termos de valor”, explicou Gérard You.

IDELE COVID 19 2

En canto ás exportacións, a análise que fan no IDELE é que no caso das vendas dentro da Unión Europea houbo a raíz da crise do coronavirus un proceso de renacionalización, particularmente visible nos casos de Francia ou de Italia, de xeito que se promove o consumo de leite e derivados producidos no propio país. Isto vese favorecido tamén polas trabas á circulación entre estados, ao extremar os controis sanitarios, e por un problema loxístico que tamén afecta a outros sectores: a crecente dificultade das empresas de transporte para atopar camioneiros.

“En canto ás exportacións fóra da UE, se ben é certo que os contratos de venda estanse respetando, o comercio reduciuse pois os compradores están á espera de que os prezos baixen máis para realizar novas operacións”, engadiu o responsable do Institut de l’Elevage.

-A industria de envasado de leite líquido e de fabricación de queixos a baixo prezo sae beneficiada da situación:

En canto ao impacto que está a ter a crise do coronavirus na industria láctea é moi desigual:

-As industrias lácteas orientadas a fabricar produtos de máis valor engadido e que comercializaban sobre todo a través da restauración estanse a ver moi penalizadas. No lado dos gandeiros, a situación é especialmente negativa para aos de ovino e cabrún de leite.

-Saen beneficiadas nesta situación as industrias lácteas especializadas en envasar leite UHT, debido ao aumento do consumo deste tipo de produto.

-As industrias lácteas presentes en distintos canais de venda (supermercados, restauración…etc) amortiguan o impacto, compensando as perdas ao ter diversificada a comercialización e tamén os produtos que elaboran.

-As cooperativas de recollida de leite están máis ou menos expostas segundo a porcentaxe de leite que vendan no mercado spot. “Se teñen contratos de suministro para un ano ou varios meses poden manter os prezos, pero do contrario vanse ver moi perxudicadas, pois o leite spot neste momento en Francia baixou ata os 200 euros a tonelada”, advirte Gérard You.

-En Francia todas as industrias lácteas pídenlle aos gandeiros que reduzan entregas:

Tal e como avanzou Campo Galego esta semana, as industrias lácteas francesas estanlle pedindo ás ganderías que moderen as entregas de leite ante os problemas de mercado que provocou o coronavirus.

En concreto, a industria láctea francesa acordou un plan de 10 millóns de euros para reducir a produción en abril en 31 millóns de litros. Pagaralle ás granxas 32 céntimos por litro que deixen de producir se a súa baixada de entregas está entre un 2 e un 5%.

Ademais, a interprofesional láctea francesa xa demandou ao goberno que reactive as axudas para o almacenamento privado e prepara unha campaña de comunicación para relanzar o consumo de lácteos con DOP ou IXP, os máis afectados por esta crise.

“A idea é reducir a produción para manter os prezos, e mantendo a cabana gandeira para non perder o noso potencial de crecemento unha vez que remate esta crise”, engade Gérard You.

-Caída dos prezos do leite en orixe:

A previsión que fan no IDELE é dunha caída de prezos para os próximos meses debido á crise do Covid-19.

En concreto, prevén unha caída de entre 2 e 3 céntimos o litro para o segundo trimestre deste ano, con respecto ao prezo medio de 0,355 euros o litro de xaneiro e febreiro. Esta cotización de comezos de ano foi un 3% superior ao mesmo período de 2019, en boa medida grazas á Lei EGALIM, a norma de equilibrio nas relacións comerciais no sector primario que impulsou o goberno francés.

“O prezo a partir de abril prevese que se sitúe entre 0,315 e 0,335 euros o litro segundo as industrias lácteas”, sinalan dende o IDELE.

IDELE COVID 19 9-Mercados internacionais de produtos lácteos á baixa:

“O problema das exportacións de produtos lácteos neste momento é que todos os operadores que mercan están apostando á baixa, agardando unha caída maior das cotizacións”, advirte Gérard You.

A peor situación é a do leite en pó desnatado, o principal derivado lácteo que exporta a Unión Europea xunto co queixo. No caso do leite en pó en Francia no mes de marzo situouse nos 2000 euros a tonelada, cunha importante caída respecto aos arredor de 2600 euros cos que comezou o ano. “E poderíamonos achegar ao prezo de intervención, de 1.700 euros a tonelada”, advierte.

A boa nova, segundo o IDELE, é que os stocks de leite en pó desnatado a prezo de intervención son baixos na Unión Europea, unhas 125.000 toneladas en xaneiro, polo que consideran que habería máis marxe de manobra para activar mecanismos de compra pública para manter os prezos no mercado.

IDELE COVID 19 5

No caso da manteiga, o outro derivado lácteo que nestes últimos anos acadou prezos de récord, axudando a manter os prezos do leite no campo, o comezo do ano tampouco esta a ser positivo. No caso de Francia, a finais de marzo caeu ata os arredor de 3100 euros a tonelada, o nivel máis baixo dende 2017.

“O problema pode vir agora na primavera, cando suba a produción en toda Europa e Estados Unidos e se empece a acumular manteiga e podan caír máis os prezos”, advirte o experto francés. De feito, o goberno de Irlanda xa solicitou á Unión Europea a compra pública de manteiga, xa que no seu caso o 40% das entregas anuais de leite son na primavera, unha porcentaxe que sobe ao 70% se se lle suman os meses de verán.

IDELE COVID 19 6

O Institut de l´Élevage tamén analizou a evolución do prezo do leite en Francia transformado en leite en pó e manteiga. “No mes de marzo caeu unha media de 5 céntimos o kilo, dos que 2,7 céntimos baixou na terceira semana de marzo”, explica Gérard You.

IDELE COVID 19 8

Recomendacións para os gandeiros en Francia para facer fronte a esta situación

As recomendacións que fan aos gandeiros franceses dende o IDELE para superar esta crise son reducir o máximo posible os custos de produción mantendo o rabaño para volver incrementar a produción cando se supere esta crise. De feito, a previsión a medio prazo para o sector lácteo que fan os distintos organismos internacionais, dende a FAO ao IFCN, segue sendo positiva, debido á crecente demanda de leite e derivados por unha poboación en aumento e con maior poder adquisitivo.

En concreto, recomendan reducir a compra de concentrados e aumentar a alimentación do gando en base a forraxes propias (silo de millo, silo de herba, herba fresca…etc) e ao pastoreo.

Outras recomendacións para non aumentar ou baixar as entregas son alimentar aos becerros con leite das vacas, facer un só muxido o domingo ou aumentar un días o período de secado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información