
Animales contagiados de dermatosis nodular contagiosa (Fotografía: Tsviatko Alexandrov)
Nas dúas últimas semanas, a detección dos primeiros casos de dermatose nodular contaxiosa en Cataluña está a xerar unha “grande alarma” no sector bovino español. “A incerteza sanitaria traduciuse en inquedanza económica nun momento de prezos sen precedentes”, explica Matilde Moro, xerente da Asociación Española de Produtores de Vacún de Carne (Asoprovac).
A aparición de focos en granxas leiteiras e de recría en Xirona cambiou abruptamente tamén a dinámica do mercado do vacún de carne, que se enfronta a un punto de inflexión tras semanas dunha clara tendencia alcista. Polo de agora, o efecto máis evidente foi un paréntese na escalada de prezos, cun sector que se mantén en garda, atento á situación sanitaria e ás súas posibles repercusións comerciais, nun contexto de escaseza de animais.
Violeta Sancho, analista do mercado de vacún de Mercolleida, asegura tras a sesión celebrada este luns que “a situación do mercado cambiou en cuestión de días debido á aparición dos primeiros casos da enfermidade de dermatose nodular contaxiosa en explotacións de Xirona, que modificou o estatus sanitario de España. Este feito alterou a firme tendencia alcista que viña caracterizando o sector nas últimas semanas”, afirma.
En Mercolleida a actividade do mercado continúa con relativa normalidade, pero os primeiros efectos xa se deixaron notar cun aumento na oferta e unha parada na escalada alcista
Polo momento, os 5 focos detectados ata agora en Cataluña permanecen localizados na comarca do Alt Empordà (Xirona), pero o temor a unha posible expansión da enfermidade mantén o mercado en vilo. “A incerteza freou as subas e levou a unha situación de prudencia, á espera de coñecer o alcance real dos brotes e as súas consecuencias”, comentaba este luns Violeta tras a sesión semanal do Mercado de Lleida.
Existe preocupación por parte dos produtores de carne de vacún, sobre todo en Cataluña, porque aínda que os primeiros casos detectados apareceron en ganderías leiteiras, a proximidade de explotacións cárnicas e cebadoiros en zonas próximas incrementa a tensión.
“Cataluña consolidouse como un dos centros de produción de vacún máis importantes a nivel europeo. Temos 2.500 granxas repartidas por todo o territorio, principalmente nas provincias de Xirona e Barcelona, sendo Lleida a que concentra o 64% das granxas de vacún de engorde”, detallan en Asoprovac Cataluña.
Incremento na oferta polo temor nos cebadoiros
A dermatose nodular contaxiosa introduciu un novo elemento de incerteza nun mercado que estaba a ser tensionado pola falta de oferta. Pero ante a aparición desta enfermidade, “algúns gandeiros modificaron o seu comportamento e, a diferenza das semanas anteriores, nas que predominaba a retención do gando e a especulación, agora moitos optan por sacar os seus animais ao mercado por precaución ante un posible agravamento da situación”, explica.
A maior dispoñibilidade de animais facilita o traballo dos matadoiros, aínda que o escenario segue a ser volátil
A maior dispoñibilidade de animais esta semana facilitou o traballo das industrias. “Os grandes matadoiros, que contan cunha base sólida de subministro, traballaban con relativa tranquilidade, aínda que puntualmente tivesen que recorrer ao mercado libre para completar demandas puntuais. Porén, os matadoiros máis pequenos e que non contan cunha rede estable de gandeiros subministradores víanse obrigados a pagar prezos moito máis altos para garantir os animais que necesitan”, indica.
Salamanca é, xunto con Lleida e Binéfar, outro dos mercados de referencia a nivel español
Porén, o pulso da afectación da enfermidade non é uniforme en todo o territorio español. En Cataluña, onde se concentran os focos, a sensibilidade é maior ca noutras zonas, onde a actividade continúa sen grandes alteracións. Non obstante, o sector segue de preto a evolución, consciente de que calquera expansión xeográfica podería ter efectos máis amplos nos fluxos comerciais.
Síntomas de caída na demanda
A aparición da dermatose nodular contaxiosa en Cataluña supuxo o freo definitivo a unha escalada alcista que parecía tocar teito, pois a evolución dos prezos nas últimas semanas comezaba a amosar síntomas de esgotamento na capacidade de asimilación das constantes subas por parte dos matadoiros.
A demanda comezaba a amosar síntomas de certo esgotamento, pero a presión dunha oferta limitada sostiña a tendencia alcista
“Tras varias semanas de fortes subas que levaron as cotizacións a niveis récord, algúns operadores foron incapaces de repercutir estes incrementos na cadea comercial, debido a que as vendas sufriron unha caída considerable, constatándose nunha redución de pedidos”, subliña Violeta.
“Cómpre subliñar que esta enfermidade non supón ningún risco para a saúde pública nin afecta ao consumo de carne ou leite. Porén, sempre hai consumidores que se retraen ante a aparición dunha enfermidade”, admite a analista de Mercolleida.
O encarecemento da reposición tamén presiona a marxe de beneficio dos cebadoiros
A redución da demanda plasmouse principalmente nas pezas nobres, pero a presión dunha oferta limitada sostiña a tendencia alcista. O encarecemento na compra de animais de reposición e a incerteza tras a aparición da dermatose están a provocar que os cebadoiros introduzan tamén menos animais, o que podería ter un efecto adicional nos prezos dos animais de recría.
Campaña de vacinación xa en marcha
O Ministerio de Agricultura activou con urxencia unha campaña de vacinación co obxectivo de conter a propagación da enfermidade. O plan de vacinación prevé a aplicación da vacina en todas as explotacións de vacún situadas na zona de restrición de 50 km adoptada arredor dos focos detectados ata o momento, onde se atopan máis de 800 granxas de vacún e un censo de 93.000 animais.
Fóra desa área estaría prohibida a vacinación, xa que se trata dunha vacina viva atenuada, pois os anticorpos xerados polos animais vacinados confundiríanse cos propios da enfermidade, o que impediría identificar novos focos. Ademais, as explotacións vacinadas perderían o seu estatus sanitario libre da enfermidade.
Ao tratarse dunha vacina viva atenuada, os animais xeran anticorpos que impiden distinguir novos focos da enfermidade
A dermatose nodular contaxiosa, cualificada como enfermidade de categoría A pola Unión Europea, esixe unha erradicación inmediata debido á súa alta transmisibilidade. Este feito derivou no sacrificio de todos os animais e na inmobilización das granxas afectadas onde se detectaron os focos.
“Na nosa opinión, as autoridades competentes, tanto autonómicas como estatais, están actuando de maneira moi eficiente, proactiva e transparente”, asegura Matilde Moro, quen, non obstante, comparte a “profunda preocupación” do sector respecto a que a enfermidade poida expandirse fóra das zonas de restrición establecidas.
As consecuencias de que a situación poida descontrolarse poderían resultar fatais, tendo en conta a elevada densidade de animais e o volume de movementos nas áreas próximas á zona de restrición
“As consecuencias de que a situación poida descontrolarse poderían ser fatais, e moi difíciles de asumir para os gandeiros, especialmente tendo en conta a elevada densidade de animais e o volume de movementos nas áreas próximas á zona de restrición”, advirte a xerente de Asoprovac.
Coa chegada do frío, o sector confía en que a actividade dos vectores de transmisión (tabáns) diminúa e se limite así a propagación da enfermidade. Mentres tanto, intensificáronse os controis veterinarios e a vixilancia nas explotacións e nos movementos de animais.
Paralizadas momentaneamente as exportacións a Marrocos
As exportacións en vivo desde España quedaron suspendidas a semana pasada, afectando especialmente aos envíos a Marrocos. Eses continxentes tiveron que redirixirse ao mercado nacional, incrementando deste modo a oferta interna de animais.
Porén, o Líbano aceptou a rexionalización na suspensión dos envíos, de modo que non admite gando procedente de Cataluña pero si do resto das comunidades, unha decisión á que tamén podería sumarse Marrocos, tras a decisión inicial de bloquear todas as entradas de animais vivos procedentes de calquera punto de España, o que viría aliviar a situación xerada co peche de fronteiras.
A exportación de animais vivos con destino a Marrocos foi o detonante, hai un ano, da escalada de prezos que aínda continúa
“En canto á exportación, dependemos totalmente de acordos bilaterais con terceiros países: polo momento, o Líbano admite a rexionalización europea, mentres que a entrada de animais vivos en Marrocos está prohibida”, explican desde Asoprovac.
A exportación de animais vivos con destino a Marrocos foi o detonante, hai un ano, da escalada de prezos que aínda continúa e no primeiro semestre de 2025 enviáronse a Marrocos 6.498 cabezas de gando vacún de máis de 300 kg e 191 cabezas de entre 160 e 300 kg.
Por agora, Marrocos acepta carne pero non animais vivos procedentes de España. Así mesmo, algúns contedores con carne de vacún con destino a Xapón foron devoltos, reflectindo a inmediata reacción internacional ante a alerta sanitaria, aínda que non todos os países reaccionaron igual.
Evolución en Europa
A dermatose nodular contaxiosa segue estendéndose por Francia, cun novo foco detectado fóra da zona de restrición, no departamento do Xura. A enfermidade suma xa 67 focos en Francia e 47 en Italia.
O exemplo do ocorrido noutros países onde xa se detectara a enfermidade, como en Francia ou Italia, permite ser optimista canto á evolución dos prezos, xa que neses países os mercados non se afundiron, senón que mesmo seguiron rexistrando subas tras a aparición no verán dos primeiros casos.
A enfermidade suma xa 67 focos en Francia e 47 en Italia
Con esa referencia, os produtores consideran que a escasa oferta estrutural de animais seguirá a ser o factor determinante da tendencia, sempre que a situación sanitaria permaneza baixo control. “É fundamental que teñamos en conta que esta situación chega nun momento de grave descapitalización do sector a nivel europeo, coa redución de oferta que isto leva consigo”, afirma Matilde.
“De fondo persiste unha nube especulativa debido á oferta limitada, pero con certos signos de cambio. As vacas en Europa xa non amosan a mesma forza alcista, polo que Polonia comezou novamente a reintroducir canles no mercado español, e Reino Unido e Irlanda, que acadaron cotizacións moi altas, acumulan semanas á baixa”, indica a analista de Mercolleida.
No ámbito europeo, os mercados amosaron unha tendencia dispar esta semana, onde Portugal lidera as subas, con incrementos destacados en todas as categorías, mentres Irlanda e Reino Unido amosan fortes descensos por seguir mantendo un diferencial de prezo moi elevado respecto ao resto de países europeos.
“É necesario non xerar alarma para que o medo non se traslade ao consumidor”
Situados a máis de 1.000 km dos focos da enfermidade, o sector en Galicia mira de reollo a situación de Cataluña e solicita que se extremen as medidas para evitar que os brotes alí detectados se estendan ao resto de comunidades, mentres pide calma e agarda que o nerviosismo actual non desencadee unha espantada do consumidor que dea ao traste coa boa situación actual de prezos.
O vicepresidente da IXP Ternera Gallega, José Ramón González (UUAA), fai fincapé na necesidade de “non xerar alarmas, gardar a tranquilidade toda do mundo e confiar nas autoridades sanitarias”.
“Semella que a enfermidade está contida e illada na zona actual. O vector biolóxico que son os tabáns, que voan menos que os mosquitos, só 2 ou 3 quilómetros, e estase a vacinar nun radio de 50 km”, destaca, polo que se mostra confiado na eficacia das medidas adoptadas a nivel de granxa e pide extremar o coidado na desinfección dos vehículos de transporte que traballen na zona.
A enfermidade non se contaxia a persoas, nin por contacto cos animais nin por consumo de leite e carne
Para el, o maior perigo de enfermidade, sen embargo, é “que o nerviosismo se traslade ao consumo”. “A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade non zoonósica, é dicir, que as persoas non son susceptibles á infección nin por contacto cos animais nin por inxestión de produtos derivados deles”, lembra, polo que “non tería por que afectar en nada ao consumo nin influír nos prezos da carne”, agarda.
Escaseza de animais
José Ramón destaca ademais o feito de que Marrocos poida aceptar esta semana a rexionalización no bloqueo das exportacións, tanto para carne como para animais vivos e despoxos, ao igual que fixo o Líbano, o que permitirá seguir enviando gando desde as zonas libres da enfermidade, aínda que considera que “a escaseza de gando de Europa é tal que aínda que se producira o peche das exportacións con Marrocos aguantaríamos a situación”, di.
O prezo vai seguir subindo porque hai unha escaseza brutal de animais
Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, móstrase máis cauto en canto á posible repercusión da dermatose nodular contaxiosa no mercado da carne. “É un pouco prematuro para dicir se vai afectar ou non. Eu penso que a curto prazo non vai afectar, pero a longo prazo, en función de cómo evolucione a propia enfermidade, se se toman medidas máis drasticas no movemento de animais e se pechan as exportacións, está claro que se todos os animais que está absorbendo agora o mercado de Marrocos teñen que vir para aquí iso vai facer que haxa saturación no mercado interno”, razoa.
Pero concorda con José Ramón en que, aínda que a aparición da dermatose crea nerviosismo e incerteza no sector “hai unha escaseza brutal de animais e iso fai que o prezo vaia para riba aínda que o consumo poida descender un pouco”.
Suba de prezos en Ternera Gallega
A Mesa de Prezos da IXP Ternera Gallega acordou a semana pasada unha revalorización escalonada en tres fases de todas as categorías, o que se plasmaría nunha suba total de 30 céntimos/kg canal debido ao desfase existente entre as cotizacións de Ternera Gallega e as rexistradas nos principais mercados españois.
Santiago Rego defende que era unha medida necesaria que tiña que terse tomado fai tempo porque “non era normal que os prezos foran máis altos fóra ca aquí. Se temos un selo temos que facelo forte e iso ten que ser pola vía do prezo, para que os animais poidan quedar aquí”, defende.
Gandeiros Galegos da Suprema foi quen promoveu fai un ano os envíos de xatos desde Becerreá e A Fonsagrada con destino a matadoiros de Madrid ou Estremadura coma unha forma de aproveitar a revalorización de prezos, que foi máis madrugadora fóra de Galicia, e rachar deste xeito o control que exercían os principais matadoiros galegos, incentivando deste xeito que a suba de prezos se trasladara tamén a Galicia.
A IXP é imprescindible porque nunha situación normal de mercado ás pequenas explotacións de Galicia vainos ser moi difícil defendernos sen o amparo da marca Ternera Gallega
“A día de hoxe seguimos mandando para fóra todas as semanas e tamén seguimos subministrando aos matadoiros galegos. As vías que temos seguímolas mantendo abertas”, explica o presidente da asociación de produtores de Suprema.
“A IXP ten un problema estrutural distinto, que é que estamos perdendo abastecemento pola falta de animais certificados. Non pode ser que dentro do órgano reitor da IXP haxa gandeiros vendendo gando por fóra da marca tirando pedras contra o propio tellado de Ternera Gallega”, achaca sen embargo o vicepresidente da IXP a Gandeiros Galegos da Suprema.
Nas actuais circunstancias unha ganderia familiar de 40 ou 50 vacas pode ser rendible; agora as explotacións teñen outra viabilidade e o sector ten outro optimismo
“A IXP é imprescindible porque nunha situación normal de mercado ás pequenas explotacións de Galicia vainos ser moi difícil defendernos sen o amparo da marca Ternera Gallega”, di convencido José Ramón.
Unha hipotética baixada de prezos “sería un pau moi grande, suporía un novo mazazo agora que empezamos a saír do túnel. Nas actuais circunstancias unha ganderia familiar de 40 ou 50 vacas pode ser rendible. Agora as explotacións teñen outra viabilidade e o sector ten outro optimismo”, asegura Santiago.
Galego









Control OJD