Francia é un dos principais consumidores de castaña e tamén un dos países con maior tradición na transformación deste froito. Os galos levan máis de medio século transformando a castaña, que se mantén como un dos alimentos tradicionais, en especial nas festas do Nadal. Con todo, a produción propia de castaña é bastante máis reducida que a doutros grandes produtores do Mediterráneo como Portugal, Italia ou España.
Hoxe en día, o mercado da castaña no país galo é escaso en canto a produción, pero cunha venda dinámica e de gran volume. “A importación de castañas en Francia é máis importante que a súa produción propia. A maior parte desta castaña importada termina procesada polas industrias francesas de transformación”, explica Jean Luc Bellat, especialista no mundo da castaña durante a súa participación nas xornadas organizadas polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e nas que a castaña foi unha das producións a tratar.
A produción de castaña en Francia sitúase nas 8.500 toneladas, mentres que consomen unhas 20.500 toneladas
O consumo de castaña en Francia sitúase ao redor das 20.500 toneladas anuais, mentres que a produción nacional aproxímase ás 8.500 toneladas. A maior parte da castaña termina procesándose e transformada nunha ampla variedade de produtos moi demandados pola sociedade francesa.
Os produtores franceses apostaron decididamente por unha xestión ecolóxica de castaña, aínda que o consumidor non respondeu da mesma forma. Hoxe en día, a maior parte de castañas ecolóxicas terminan sendo transformadas, xa que a súa demanda en fresco é escasa.
Unha produción escasa
Francia sitúase como o quinto país produtor de castaña na Unión Europea. Cunha produción de apenas 8.500 toneladas ao ano, a súa produción queda lonxe da manexada por Portugal, que cunhas 40.000 toneladas de castaña é o maior produtor europeo deste froito, seguido de Italia cunha produción de 39.000 toneladas, España ao redor dunhas 32.000 toneladas e Grecia cunhas 18.000 toneladas.
A produción francesa de castaña concéntrase na zona sur do país e ocupan case unhas 8.600 hectáreas repartidas entre as rexións de Ardèche, Dordogne, Lorèze, Corrèze e Haute-Vienne. “A produción nacional de castaña en 2020 foi de 8.857 toneladas, mentres que no 2021 reduciuse até as 7.600 toneladas”, apunta Bellat. A incidencia da avespiña do castiñeiro e as consecuencias do cambio climático atópanse detrás desta redución, segundo apunta o experto.
Nos últimos anos a produción de castaña en Francia mantívose estable, aínda que con disparidades entre as rexións de produción. Produciuse un incremento con novas plantacións de castaños híbridos nas rexións do suroeste cunhas 700 hectáreas en Nouvelle Aquitaine, mentres que foi estable no sueste e cunha baixada na rexión de Córsega. “En 20 anos, a superficie de castiñeiro francés aumentou de 7.230 a 8.630 hectáreas. Unhas 380 hectáreas en Rhône-Alpes, 155 hectáreas en Occitania e 150 hectáreas na rexión de Provenza-Costa Azul”, detalla o especialista.
Conviven soutos tradicionais con novas plantacións en liña e con sistemas de rega cos que incrementar a produción de castaña
Existe ademais unha gran disparidade entre as distintas zonas en canto ao manexo e as características das plantacións. Nas rexións do sueste de Francia predominan os soutos tradicionais, cunha orografía de montaña e nos que se foron introducindo aos poucos sistemas de recollida mecanizados, aínda que esta modernización viuse moi limitada polas condicións do terreo, moitas veces en pendente ou con peches tradicionais e minifundio.
Mentres, no suroeste, en rexións como Dordogne ou Haute-Vienne, predominan as novas plantacións de castiñeiros, plantados en liña e con rega, o que aumenta a produción.
Tamén é habitual unha mecanización da recollida, xa que as parcelas permiten estes métodos. “Nestes soutos, dous traballadores poden recoller ao día preto de 3.000 quilos de castaña sen problema”, concreta Bellat.
A castaña ecolóxica
A día de hoxe a maior parte da produción de castaña en Francia é ecolóxica. Un total de 5.315 hectáreas de castiñeiros, é dicir, un 62% da superficie produtiva está baixo este sistema. A maior parte desta produción de castaña termina destinada á transformación. “O consumidor non chega a apreciar a diferenza entre o produto convencional e ecolóxico no seu consumo en fresco, xa que asocia que aínda en convencional é un froito natural e sen apenas tratamentos, polo que resulta moi complicado vender a castaña ecolóxica en fresco”, explica Jean Luc Bellat.
A castaña ecolóxica apenas supón un 12% do produto comercializado en fresco. O consumidor non aprecia grandes diferenzas coa convencional e rexeita pagar un prezo máis elevado
O prezo está a ser outra das dificultades para unha maior demanda da castaña ecolóxica en fresco. As castañas ecolóxicas son case un 30% máis caras que as convencionais. “O consumidor non está disposto a aceptar esta diferenza de prezo por un produto que considera moi semellante ao convencional”, detalla o experto. Así, a castaña ecolóxica apenas representa un 12% do produto comercializado en fresco en Francia.
O mercado en fresco e a transformación industrial
O mercado directo e en fresco de castaña no país galo supón un total de 8.000 toneladas, das que unhas 6.500 son producidas nos soutos franceses e os 1.500 restantes son importadas habitualmente de Portugal e España. Unhas 3.700 toneladas de castañas comercialízanse no mercado nacional, mentres que exportan cada ano ao redor de 2.800 toneladas. “O mercado en fresco supón uns 48 millóns de euros de facturación”, concreta o experto.
En Francia a maior parte da castaña termina transformada para ser consumida de forma diversa, desde fariñas até doces tan populares e máis elaborados como o Marron Glacé. “Durante moito tempo os artesáns interesáronse no procesado da castaña como unha solución nobre para diversificar a oferta dos produtos para os consumidores”, apunta Bellat.
A comercialización da castaña transformada xera unha facturación de máis de 160 millóns de euros en Francia
A transformación industrial da castaña permite hoxe en día obter unha gama de produtos procesados no mercado nacional, de forma masiva, que se comercializa en supermercados de gran distribución. A comercialización da castaña transformada xera unha facturación de máis de 160 millóns de euros en Francia.
A maior parte da castaña transformada emprégase para a elaboración de cremas e purés (unhas 5.500 toneladas), mentres que outras 3.500 toneladas son comercializadas como conservas e unhas 1.800 toneladas terminan conxeladas. Como Marron Glacés e Marrons Confits procésanse unhas 1.000 toneladas e ao redor de 300 toneladas son destinadas á elaboración de fariña de castaña.
Francia converteuse no segundo país importador da Unión Europea, ao adquirir unha media de 11.000 toneladas de castañas cada ano. A maior parte termina directamente na industria de transformación francesa, que procesa unhas 13.000 toneladas de castañas. Durante anos, a maior parte desta castaña importada por Francia era fresca, pero o desenvolvemento dunha industria de primeira transformación nos principais países produtores, como Portugal ou España, fixo que unha gran parte da castaña importada sexa pelada e conxelada.
A transformación converteuse nunha oportunidade para a castaña ecolóxica, que no mercado en fresco ten máis dificultades. “O consumidor valora que se empreguen este tipo de castañas e asóciao a un produto de maior calidade”, detalla o experto. A diferenza do que ocorre en fresco, as elaboracións con castañas ecolóxicas supoñen un incremento do prezo con respecto do convencional de entre o 17 e o 20%, que o consumidor apoia.
Os produtores artesáns tamén opta principalmente pola castaña ecolóxica. Ademais, a industria está a elaborar cada vez máis produtos ecolóxicos dada a demanda que existe. “Case un 20% da crema de castaña en Francia é hoxe en día ecolóxica. Está a verse un incremento do consumo de produtos ecolóxicos de castaña”, apunta o experto.
A pesar de que en Francia máis do 14% da poboación consome a diario distintos produtos ecolóxicos, Jean Luc Bellat incide en que aínda con este incremento da demanda, é preciso ter presente as limitacións da produción ecolóxica á hora de atender as necesidades do sector e barallar seguir a incrementar a produción propia.