Como producen carne de vacún en Mercosur e por que os seus custos son menores?

O acordo entre a UE e o Mercosur esperta rexeitamento entre os produtores de carne de vacún europeos, especialmente en Galicia. Un estudo de Diego Pazos, Doutor en Economía Agraria, co apoio da asociación de produtores ASOPROVAC analiza as diferencias normativas entre os sectores europeo e sudamericano e as posibles consecuencias da aplicación do acordo

Vacas en Arxentina. Licenza de Creative Commons

Vacas en Arxentina. Licenza de Creative Commons

Baixo o título “El acuerdo de comercio entre la Unión Europea y MERCOSUR y su impacto sobre el sector vacuno de carne de España y de la UE” o Doutor en Economía Agraria, Diego Pazos, compara as condicións naturais, estruturais, laborais, socioeconómicas e regulatorias nas dúas beiras do Océano Atlántico.

A primeira gran diferencia está no censo. O europeo é 72 millóns de cabezas e o español de 6,6 millóns. Pero cunha tendencia decrecente cada ano. O do Mercosur é de 317 millóns de cabezas e encabézao Brasil con 238 millóns, seguido de Arxentina con 54, Paraguay con 13 e Uruguay con 11.

Respecto das condicións naturais, Pazos sinala que en España os pastos permanecen secos ou en repouso vexetativo por frío ou seca un mínimo de catro meses ao ano, o que impide cubrir as necesidades de mantemento e produción. Por contra, no Mercosur os pastos están verdes e en crecemento durante todo o ano, o que a converte na mellor rexión do mundo para cría de vacún.

Dese xeito, en España créase un custo de suplementación de ración durante 120 días para vacas nodrizas que se estima en 70 euros por animal. Pazos calcula que se o número de xatos vendidos por vaca fose de 0,8, o custo de mantemento da vaca durante o período vexetativo ascendería a 87,2 euros para canais de 300 quilos. Por tanto, o custo por tonelada canal ascendería a 289 euros.

As condicións estruturais indican que a media en España é de 26,04 nodrizas por granxa, superior á media da UE. E que a densidade é de 0,6 nodrizas por hectárea. En Arxentina e Brasil o número de nodrizas é de máis de 300 por explotación e a densidade elévase a 1,2 cabezas por hectárea. Aparte de que no Mercosur non se fixa un límite de animais por hectárea.

A lexislación española establece un límite de 850 UGM para os cebadeiros de nova creación. E a media actual é de 200 animais presentes nos cebadeiros que teñen permitidas ata 360 UGM. Tampouco os cebadeiros teñen ningunha limitación para número de cabezas no Mercosur.

As normativas de benestar animal do Mercosur non limitan o número de vacas por hectárea

As normativas de benestar animal do Mercosur non limitan o número de vacas por hectárea

No eido laboral e social, o estudo indica que o custo laboral total dun gandeiro tipo en España é de 1.692 euros/mes fronte aos 575 euros de Arxentina ou os menos de 300 de Brasil. E o custo laboral por vaca en rabaños de 100 animais ascende a 169,2 euros, se ben as subvencións a nodrizas báixano ata 77,67 euros. Coa media de 0,8 xatos vendidos por vaca, o impacto laboral por tonelada de carne en España iría ata os 323 euros.

No Mercosur, o custo laboral por vaca en rabaños de 300 animais é de 23 euros. E, con ese mesmo índice de 0,8 xatos, o custo laboral por xato sería de 29 euros e o de tonelada en canal quedaría en 96 euros.

Pazos alude tamén a custos lexislativos e regulatorios que son moito maiores na UE ca no Mercosur. Así, fai referencia a:

– Uso de Organismos Xeneticamente Modificados (OGMs) para producir materias primas destinadas á  alimentación animal, que no MERCOSUR incrementan a produtividade dos cultivos en máis do 15%, e reduce o uso de fitosanitarios e os labores de cultivo. Estes OGMs están prohibidos na UE, coa excepción do millo Bt para sementeira –o evento MON 810– e só se cultiva en España.

– Praguicidas e herbicidas. O 27% das materias activas utilizadas en Brasil foron prohibidas nalgún momento na UE. Son, por exemplo, a amicarbazona, o clorotalonil ou o novalurón (prohibido en 2012). Nos últimos cinco anos a UE retirou 79 sustancias activas e non aprobou ningunha.

– Límites máximos de residuos (LMR) no abastecemento de ingredientes en alimentación animal. Refírese a fitosanitarios, insecticidas post colleita, aflatoxinas e outros contaminantes anormalmente baixos. Esto impide mercar, por exemplo, millo arxentino co cal hai que buscalo noutros mercados e a maior prezo.

– Emprego de promotores de crecemento hormonais (zeranol, estradiol, trembolona, proxesterona…). Os países de MERCOSUR utilizan sustancias prohibidas na UE que melloran o índice de conversión, acurtan os períodos de cebado e pastoreo e reducen o custo de produción entre un 10 e un 20%. O uso destas sustancias é indetectable tras un período de retirada de semanas antes do sacrificio.

– Antibióticos: (monensina, penicilina, clortetraciclina, eritromicina, estreptomicina, bacitracina, espectinomicina….). Os antibióticos como promotores de crecemento ou como aditivos para evitar problemas nos procesos de cebo están prohibidos na UE pero non no Mercosur.

– Xestión de subprodutos de orixe animal (incluidos os cadáveres). A xestión na UE dos SANDACH (subprodutos de orixe animal non aptos para consumo humano) xenerados en granxa e matadoiro, supón custos moi elevados que asumen os productores e as industrias. Sitúanse en 90 euros por tonelada de canal para a cadea de produción. A retirada de cadáveres e materiais de risco cos métodos da UE non é habitual no MERCOSUR.

A retirada de cadáveres en rara ocasión supón custo para os gandeiros do Mercosur, como si sucede na UE

A retirada de cadáveres en rara ocasión supón custo para os gandeiros do Mercosur, como si sucede na UE

O estudo de Pazos conclúe que todos estes condicionantes normativos supoñen unha diferencia de 1.164 euros por tonelada de carne canal entre a UE e o Mercosur. E eso sen ter en conta os custos de alimentación, que tamén son maiores en Europa. Pero tendo en conta as primas directos da PAC a nodrizas e sacrificio. Pódese consultar o informe completo no seguinte documento:

INFORME VACÚN DE CARNE

“A vantaxe do vacún arxentino é que produce grandes volumes con calidade e baixos custos”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información