Como a dixitalización está a mellorar o manexo das ganderías de carne

O vacún de carne en extensivo busca aproveitar os sistemas dixitais da gandaría de precisión. Con estas ferramentas ábrense novas vías para incrementar a eficiencia, mellorar a trazabilidade e ao mesmo tempo revalorizar estas gandarías

Como a dixitalización está a mellorar o manexo das ganderías de carne

Os colares de localización son un dos elementos máis empregados. // Foto de Digitanimal.

Localizar o gando no monte, cando as parcelas comprenden dehesas enteiras, en alta montaña ou con centos de hectáreas, é un dos retos aos que se enfrontan no seu día a día as gandarías de vacún en extensivo españolas. Resolvelo botando man de novos sistemas de xeolocalización é un claro exemplo do que a gandaría de precisión pode facer polo sector, pero poden contribuír estas novas ferramentas máis aló do manexo diario do gando?

Este foi un dos temas que expertos e empresas especializadas nestes sistemas abordaron na terceira sesión do ciclo de videoconferencias Gandaría de precisión: a dixitalización da gandaría, organizado por Cajamar. Este encontro virtual celebrado recentemente, puxo o foco en coñecer os avances dixitais que xa se inclúen en gandarías de vacún de carne españolas e nas oportunidades que poden brindar tanto aos gandeiros na súa xestión diaria como á evolución e ó futuro do sector.

Monitorizar o día a día

“Hai 8 anos atopámonos cun brote de diarrea vírica (BVD) nos tenreiros acabado de nacer que tiñamos na serra de Ávila. Se non os localizabamos a tempo os animais terminaban morrendo deshidratados. En pleno século XXI non podiamos ter estes problemas”. Esta necesidade real na súa gandaría foi a que levou a Rubén Blanco, enxeñeiro industrial e director comercial da empresa Digitanimal a comezar a traballar en solucións para xeolocalizar ao gando en extensivo.

A gandaría de vacún de carne en extensivo incorpora novos sistemas tecnolóxicos para mellorar o manexo do gando como os colares ou crotais localizadores ou as básculas de autopesaxe en cebadeiros

Hoxe a súa empresa logrou financiamento europeo e participar en diferentes proxectos internacionais sobre a dixitalización do campo, nos que desenvolveron ferramentas para a localización das nais ou básculas de autopesaxe en cebadeiros de tenreiros. “Non só ofrecemos a localización do animal ao gandeiro, senón tamén outra información que pode resultarlle de utilidade como a actividade ou a temperatura. Ter monitorizado o rabaño permite tamén ao gandeiro contar con aplicacións de control reprodutivo, tanto global como individuais”, explicou Branco durante o webinar. 

Juan José Núñez, veterinario e responsable en España da firma Allflex livestock intelligence (MSD), empresa que leva desde 2014 implementando os sistemas de monitorización do gando vacún, reivindica o papel destas ferramentas ante algúns dos retos actuais do sector como a redución do uso de antibióticos, o benestar animal, a falta de man de obra ou a trazabilidade. Aínda que esta firma, pioneira en controlar a rumia ou o estrés por calor a través da respiración da vaca, comezou co vacún de leite en intensivo, tamén están a dar pasos para a monitorización do gando de carne en extensivo.

“O obxectivo é determinar que vaca necesita atención e cando. Trátase de xestionar a excepción” : Juan José Núñez, responsable en España de Allflex 

O control da saúde da vaca é un dos ámbitos nos que poden contribuír estes dispositivos. “Distintos estudos demostraron como este tipo de sistemas permite detectar problemas no animal con 3 días de antelación con respecto á revisión humana”, detalla Núñez. Controlar a saúde do animal é sinónimo de benestar e de mellores cifras na produción e na rendibilidade da gandaría. “Está a traballarse por unha monitorización do animal. O obxectivo é determinar que vaca necesita atención e cando. Trátase de xestionar a excepción”, concreta o veterinario.

Outros beneficios

Máis aló de facilitar o manexo diario, ter o gando xeolocalizado pode converterse nun aliado noutros ámbitos. “Coñecer en que áreas pastan as vacas ofrece unha forma de xustificar na PAC parcelas como os pasteiros baixo arboledo, que adoitan ser rexeitados”, apunta Rubén Blanco. Tamén abre a posibilidade a implementar iniciativas de prevención fronte a ataques do lobo ao dispor de información sobre a reacción das vacas ante eles ou ao saber das rutas máis habituais que fan.

datos-comportamento-gando-en-extensivo-Digitanimal-

Rutas seguidas por un rabaño en extensivo. // Foto Digitanimal.

A monitorización do gando permite visualizar dunha forma máis directa un dos principais beneficios ecosistémicos das gandarías en extensivo: a redución do risco de incendio ao diminuír a biomasa no monte. Precisamente, a firma Digitanimal está a levar a cabo proxectos nesta liña na serra de Madrid ou co Cabildo de Gran Canaria con rabaños de cabras e ovellas.

Gandarías máis eficientes

Fronte ás importantes vantaxes coas que contan outros países produtores de carne, Europa liga o futuro do seu gando extensivo de carne á eficiencia e a converterse nun referente mundial na redución de impacto ambiental. Boa proba diso son as políticas europeas do Pacto Verde e a estratexia do Campo á Mesa, que buscan gandarías cada vez máis eficientes e sustentables.

Tanto gandeiros, expertos e empresas do sector viron nestas melloras dixitais unha vía para facer fronte a outros desafíos como as modificacións da demanda dos consumidores, a competencia internacional ou o cambio climático. “A dixitalización pode favorecer a mellora da eficiencia e trazabilidad das gandarías de carne en extensivo”, sinala o enxeñeiro agrónomo da Universidade de Córdoba, Francisco Maroto, que participou no proxecto europeo, IoF2020 una das iniciativas de referencia en produción primaria.

Compartir-datos-de-ganado-en-extensivo-sistemas-de-digitalizacion-

Un exemplo do intercambio de datos dun rabaño en extensivo, con información como o destete que pode ser de utilidade para o gandeiro ou o cebadeiro.

Neste camiño cara á eficiencia, o experto incide no necesario que resulta compartir esta información entre os integrantes do sector. “Non se trata de monitorizar individualmente cada elo senón que o realmente importante é que estes datos que proporcionan os sistemas de dixitalización se compartan para así mellorar non só a trazabilidade senón tamén a eficiencia en toda a cadea”, concreta Maroto.

A información que o gandeiro poida proporcionar sobre cuestións como a data de parto ou de destete permite facer unha previsión ao cebadeiro con varios meses de antelación. Maroto incide en contar con sistemas flexibles que permitan ofrecer solucións personalizables, de maneira que se superen tamén as reticencias a compartir datos, ao poder intercambiar só determinada información. Tamén é fundamental dispor dunha plataforma que posibilite dispor dos datos e que en base a eles se poidan tomar decisións.

Contarllo ao consumidor

Este intercambio de información non ten tampouco que limitarse ao sector, senón que pode chegar ao propio consumidor, incrementando a trazabilidade, outro dos eixos que Europa quere potenciar para manter o vacún de carne en extensivo como referente mundial. “Sectores como o vacún de leite levan xa tempo sacando partido diso e dicíndollo ao consumidor, ao certificar o pastoreo e o benestar animal dos seus animais, mentres que en vacún de carne non se está aproveitando”, valora Maroto.

“A dixitalización pode ser unha ferramenta clave para a valorización da gandaría extensiva, especialmente de cara ao consumidor”: Francisco Maroto, enxeñeiro agrónomo

Ao incorporar esta tecnoloxía, que contribúe a mellorar tanto a xestión como o manexo do rabaño, estase a apostar polo benestar do gando, polo que Maroto incide en transmitirllo ao consumidor. Sistemas de certificación de benestar como o selo Welfair poden botar man desta monitorización continua e sensorizada. “En lugar de ter unha foto fixa, que é o que representan as visitas puntuais ás gandarías, acceder aos datos que manexan no seu día a día é como visualizar un vídeo, achega maior cantidade de información para acreditar o benestar dos animais”, coinciden en sinalar tanto Maroto como os demais relatores do encontro dixital.

Digitanimal-Sistemas-de-localizacion-de-ganado__

Os colares de monitorización permiten ter localizado o gando e proporcionanlle información sobre o estado do animal. // Foto Digitanimal.

“A dixitalización pode ser unha ferramenta clave para a valorización da gandaría extensiva, especialmente de cara ao consumidor. Trátase de acurtar a cadea e chegar máis pronto ao consumidor e ofrecerlle información de como e que está a ocorrer na granxa”, reivindica Maroto. Así o están facendo xa diferentes gandarías en extensivo ao trasladar información directamente ao consumidor. “Podemos incrementar a trazabilidade da carne que producimos a través dun código QR que proporcione á consumidor información sinxela, real e tanxible”, explica Rubén Blanco, que colabora con algunhas gandarías implicadas nestas iniciativas para aproximarse ao consumidor.

Proporcionar maior información sobre a carne e coidados do gando pode contribuír a atender as novas demandas. Datos como a data do destete resultan xa de interese para consumidores de distintos países europeos onde se está valorando en gran medida que o tenreiro se críe coa súa nai nos primeiros días de vida.

O custo da gandaría de precisión

A implantación dos sistemas dixitais como os localizadores de gando no vacún de carne extensivo atopouse con dous obstáculos principais: o desembolso a realizar e a cobertura do rural, en ocasións precaria ou mesmo nula. Aínda que o custo é unha barreira inicial, tanto gandeiros como expertos apuentan a que esta se dilúe se realmente resultan de utilidade os datos que achegan.

“Canto máis uso lle dou ao dato que me ofrecen os sistemas de monitorización máis se dilúe o custo. O valor engadido debe ser proporcional ao gasto, por iso exponse tamén que se distribúa o custo entre diversos elos que se poidan beneficiar desa información”, explica Maroto.

Os prezos dos colares son moi variables, en función da tecnoloxía que utilicen, a autonomía que ofrezan ou os programas de monitorización que se contraten. Os prezos manexados por ámbalas dúas empresas que participaron no webinar sitúanse entre os 100 e os 150 euros. No caso de Allflex, os seus crotales sitúanse entre os 70 e 90 euros, cunha autonomía de 3 anos, por baixo dos 8 que alcanzan os seus colares.

Mentres, a báscula de autopesaxe desenvolvida por Digitanimal para os tenreiros de cebo, que ofrece información non só do seu peso senón do comportamento do animal ao situarse nas zonas de acceso ao bebedoiro, sitúase ao redor dos 3.000 euros.

Bascula-autopesaje-Digitanimal

A colocación das básculas de autopesaxe faise nas zonas de bebedoiro. // Foto Digitanimal.

No caso da cobertura, as empresas deseñaron distintas estratexias para facerlle fronte e conseguir garantir o seguimento do animal. “Queriamos que o noso sistema servise e chegase a todo tipo de gandarías, dende aqueles rabaños en dehesas, aos da alta montaña ou os que continúan coa transhumancia”, detalla o enxeñeiro Rubén Blanco, de Digitanimal. Os seus colares localizadores empregan a tecnoloxía 2G, naqueles lugares con maior problemática, e cunha autonomía de preto de 7 meses. A súa opción preferente é a cobertura Sigfox, que lles ofrece mellores prestacións e permite que a batería dos seus dispositivos chegue case a alcanzar os 2 anos.

Pola súa banda, para dar cobertura aos seus colares e crotais Allflex apostou por un sistema composto por un router 4 g equipado cun panel solar, o que permite a súa colocación sen necesidade dunha fonte de alimentación ou conexión a internet e convérteo nunha opción para a gandaría extensiva. Os seus colares contan cunha memoria de 24 horas o que permite almacenar os datos durante este tempo e que se descarguen cando o animal se achegue ó lugar no que se instala o router.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información