Como conseguir unha cera de calidade na colmea?

Afondamos con Gonzalo Calvo, veterinario de AGA, sobre os aspectos claves a ter en conta para lograr unha cera óptima na colmea a base de controlar os factores que afectan tanto á súa calidade como á saúde da abella

Como conseguir unha cera de calidade na colmea?

Os pesticidas acumúlanse na cera e afectan directamente ó desenvolvemento da cría.

Conseguir unha cera de calidade e que non rexeiten as abellas na colmea está a ser cada vez máis complicado para os apicultores. Moitas das láminas de cera ou panais que se venden a día de hoxe son logo desbotados polas abellas por distintos motivos.

A cera inflúe directamente na saúde das abellas, de aí a importancia de prestar atención a proporcionarlle cera de calidade á colmea. Aínda que as propias abellas se encarguen de producir a cera, este proceso suponlles un elevado custe enerxético e repercute directamente na produción de mel.

As abellas consumen entre 4 e 12 quilos de mel por quilo de cera producido

Así, tal e como apunta o veterinario da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Gonzalo Calvo, as abellas consumen entre 4 e 12 quilos de mel por quilo de cera producido. Ademais, non sempre se dan as condicións axeitadas dentro da colmea para que as abellas elaboren a cera.

Por outra banda, a falta de renovación da cera pode supoñer un risco para a colmea ó funcionar como un reservorio para enfermidades e contaminantes que afectan directamente ás abellas. Así, é preciso renovar periódicamente a cera da colmea.

O alto custe da produción de cera

Durante anos pensábase que a cera tiña un orixe vexetal, pero xa a mediados de 1740 averiguouse que a cera procedía do corpo das abellas. Elas elaboran a cera a partir dos nutrientes presentes no mel e algúns compoñentes do pole, que consumen e que absorben a nivel intestinal.

As abellas novas producen a cera no seu abdome.

As abellas novas producen a cera no seu abdome.

A cera procede dun produto segregado polas abellas novas, de 10-15 días de idade, elaborado polas chamadas glándulas cereiras, que se sitúan no abdomen. A cera secrétase líquida e aparece no corpo da abella en forma de pequenas escamas.

“Unha vez secretada, co terceiro par de patas, lévana á boca e moldéana engadíndolle un pegamento especial para construír os panais”, explica o veterinario.

Para que na colmena se produza cera teñen que darse unha serie de circunstancias. A principal é que haxa unha gran cantidade de abellas novas que son as que poden realizar a cera. Tamén é preciso que haxa moito alimento, tanto mel como pole, xa que ambos son fundamentais para poder producir a cera.

Para que se produza cera ten que haber gran cantidade de abellas novas, moito alimento e unha elevada temperatura

Asimesmo, na colmena debe acadarse unha temperatura de entre 33 e 36 grados, que facilite á abella o proceso de moldeado da cera.

A importancia de renovar a cera

Os expertos inciden en que é fundamental renovar os cadros da colmea dado o deterioro que van presentando os panais e os riscos que implican. Neste senso, Gonzalo Calvo apunta a que, como mínimo, é necesario que se renove o 30% dos cadros da colmea cada ano.

En concreto, Calvo explica que hai distintas formas para renovar as ceras. Unha delas, práctica que se fai rutinaruiamente, é retirar dúas ou tres ceras pola dereita, correr todolos cadros hacia a dereita e introduci-las ceras novas pola esquerda. Os panais novos deben colocarse entre a cría e o alimento. “Polo xeral, nunca se pode romper o niño de cría para meter novos panais”, detalla o veterinario. De localizarse cría, outra posibilidade, segundo indica Calvo, é situar a cría no centro dunha alza ou colmea xa dedicada a iso.

Como mínimo é preciso renovar o 30% dos cadros da colmea cada ano

Para Calvo, renovar a cera vólvese fundamental para mellorar a saúde da colmea xa que co paso do tempo, a cera vaise escurecendo cando a abella cría na cela, debido ós casulos que quedan adheridos na parede. Así, as celas vanse engrosando e isto provoca, entre outros problemas, que sexa máis difícil acadar a temperatura axeitada para que a cría se desenvolva, que debe ser de entre 35 e 36 grados. A cera serve como illante e a calor que xeran as abellas nos corredoiros non chega ás celas.

A cera vella tamén dificulta a limpeza e “sempre hai máis enfermidades en colmeas con cadros vellos. Ademais, a couza da cera síntese máis atraída por este tipo de cera”, comenta Calvo.

Factores que afectan á calidade da cera

Á hora de levar a cabo a renovación da cera na colmea, Calvo incide na importancia de ter en conta distintos factores que afectan á calidade da cera. Están a detectarse alteracións, adulteracións e contaminación da cera que poden resultar determinantes para a vida da colmea.

É fundamental evitar a alteración da cera, é dicir, evitar que varíen as características físico-químicas. Para iso, segundo explica Calvo, débense evitar as altas e prolongadas temperaturas cando se funde a cera. O veterinario tamén recomenda empregar recipientes de aceiro inoxidable, xa que outros como o ferro ou o cobre rematan por escurecer a cera.

A cera é un dos produtos empregados para estudar a contaminación medioambiental dado que pola súa natureza é un reservorio de sustancias tanto do medio ambiente como do propio apicultor, como poden ser os acaricidas que se empregan na colmea.

A presenza de pesticida na cera merma a fecundidade e a cría da colmea

Debido a esta característica da cera é habitual que se acumulen nela os pesticidas traendo consecuencias para a colmea. Así, cando se detecta un elevado nivel deste tipo de contaminantes na cera a cría resíntese e moita dela morre. O mesmo ocorre cando os pesticidas se depositan no pole almacenado.

A presencia dos pesticidas na colmea amenaza directamente a supervivencia da colmea e tamén merma a fertilidade dos zánganos e provoca que o 20% das raíñas criadas en cera contaminada termine morrendo. “Cando se detectan pesticidas, ademais destes problemas na reprodución da colmea debemos preguntarnos en que estado se atopan as abellas que sobreviven”, reflexiona o veterinario.

A adulteración da cera, un dos principais problemas

Pese a ser un produto orixinalmente puro, nos últimos tempos está a verse adulterado ó engadirlle substancias de escaso ou nulo valor, como alerta o veterinario. As principais adulteracións que se detectan teñen que ver coa parafina, as graxas animais ou vexetais.

A presenza de parafina na cera ocasiona un debilitamento estrutural do panal e que as obreiras rexeiten a cera e constrúan paralelamente os seus propios panais. Ademais, provoca inquietude e estrés nas abellas debido ós olores extraños e unha diminución da cría.

As ceras vense adulteradas con parafina que afectan á saúde da colmea e provocan que as obreiras rexeiten os panais

A parte destas consecuencias directas na saúde da colmea, estes tipos de aditivos na cera fan que o apicultor pague un elevado coste por un produto de menor calidade.

Fronte a esta problemática, Calvo recomenda ós apicultores contar cun proveedor de confianza ou laminar a propia cera da colmea, botando man dun fundidor e dunha laminadora. De escoller tratar a cera, o veterinario incide na importancia que ten facer un enfriado das láminas moi lento, para que a cera sexa flexible e non rompa.

cera-panal-cria-abeja-

A boa calidade da cera facilita que a cría saía adiante.

Medidas para manter a calidade da cera na colmea

O veterinario incide na importancia dunha serie de medidas a ter en conta polos apicultores para manter a calidade das ceras e favorecer o funcionamento da colmea. Recollemos a continuación as súas indicacións:

• Evitar ter os acaricidas na colmea máis tempo do estritamente necesario e nunca deixalos esquecidos.

• Utilizar productos orgánicos para o tratamento contra a varroa, para reducir a presencia de contaminantes na colmea.

• Non sobrequentar a cera para garantir que as propiedades non se vexan afectadas.

• Non mesturar a cera de opérculos, aquela que recobre as celas dos panais, con ceras de peor calidade, que conteña impurezas.

• Conservalas ceras pechadas para que non se sequen

• Substituír un 30% das ceras anualmente utilizando ceras de opérculos ou ecolóxicas. Aínda que Calvo recoñece que as ceras totalmente ecolóxicas non existen xa que sempre hai unha mínima presenza de pesticidas nelas. O veterinario recomenda optar sempre pola cera de opérculos, xa que é a de mellor calidade.

Xunto con estas recomendacións, Calvo tamén incide na necesidade de elaborar unha norma de calidade para a cera estampada, de xeito que se proporcionen unhas mínimas garantías neste produto clave para as colmeas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información