Como lograr que a alimentación das vacas en transición pase de custo a investimento?

O investigador Phil Cardoso analiza a repercusión que ten a dieta que se lle proporciona ás vacas leiteiras durante parte do período seco, o parto e a lactación. Coñecemos as consecuencias nos cambios de alimentación durante esta etapa e claves para optimizar a ración

Como lograr que a alimentación das vacas en transición pase de custo a investimento?

Phil Cardoso durante unha das súas ponencias nas xornadas organizadas recentemente por Kemin en Vilalba (Lugo).

Que tipo de alimentación debe proporcionarse aos animais en transición? Esta foi unha das preguntas ás que o investigador e profesor asociado da Universidade de Illinois (EEUU) Phil Cardoso abordou durante a súa participación nas xornadas anuais da firma Kemin, celebradas recentemente en Vilalba (Lugo).

Tras o parón debido á pandemia, a multinacional especializada en proporcionar solucións nutricionais e de saúde retomou os seus encontros con profesionais do sector, entre os que se atopaban desde veterinarios e nutrólogos que traballan a diario en Galicia como chegados doutros países.

A alimentación das vacas no período de transición, é dicir durante parte do período seco (cando restan 21 días para o parto), así como durante o parto e 21 días despois, debería estar pensada para minimizar os problemas de saúde, e maximizar a produción e reprodución. Aínda que, como apunta Cardoso as vacas durante ese período adoitan estar en valor enerxético, proteico e nutricional negativo, o que pode ter consecuencias no animal.

A inxesta de materia seca

Un dos aspectos principais a ter en conta na alimentación das vacas durante o período seco é a inxesta de materia seca, xa que estará directamente relacionada co que vai sufrir o animal durante o postparto. “Cando as vacas baixan o consumo de materia seca antes do parto, o que aumenta é a circulación de graxa no sangue, que lle proporcionará enerxía. Mentres, cando se incrementa o consumo tras o parto, a cantidade de ácidos graxos no sangue tamén baixa”, explica. Por iso, o investigador incide na importancia de conseguir promover un alto consumo de materia seca inmediatamente despois do parto.

É fácil que vacas con dietas de enerxía moderada durante o período seco terminen por consumir máis enerxía da que necesitan

A ración que se proporcione ao animal será decisiva para que a vaca non reduza o consumo de materia seca. Como sinala Cardoso, recentemente demostrouse que se se lle proporciona ensilado de millo, o consumo de materia seca baixa en torno ao 30% na tres últimas semanas antes do parto, mentres que se se alimenta con palla de trigo a redución é do 7%. “Unha dieta con enerxía controlada permite manter mellor a inxesta de materia seca, aínda así hai vacas alimentadas con dietas de enerxía moderada durante o período seco que terminan por consumir facilmente máis enerxía da que necesitan”, apunta Cardoso.

 As vacas sen restrición da dieta comeron un 156% do que necesitaban.

As vacas sen restrición da dieta comeron un 156% do que necesitaban.

Ademais, a enerxía proporcionada na dieta durante o período seco non afectou de forma significativa á produción de leite. Con todo, en base aos estudos realizados comprobaron que proporcionar enerxía en exceso ás vacas secas incrementou as desordes metabólicos destes animais, chegando a desenvolver problemas como cetose.

“Sobrealimentar pode causar cambios similares aínda en vacas que a primeira ollada non están gordas”, detalla. Tanto é así que a sobrealimentación modesta durante o período seco normal pode levar a que se produza un incremento do 75% en tecidos adiposos viscerais que drenan directamente no fígado.

Unha das recomendacións de Cardoso á hora de abordar a ración para as vacas secas é controlar o consumo de enerxía, situándose entre 14 a 16 mcal por día, cunha achega de 1.32 mcal por quilo de materia seca.

Por outra banda, controlar a inxesta enerxética antes do parto tamén permite que a vaca manteña unha mellor condición corporal. “O ideal é que a condición corporal se manteña durante toda a vida, sen variacións nas diferentes etapas”, apunta.

Claves na dieta das vacas en transición

Un dos principais problemas que adoita producirse na alimentación destes animais é que as vacas terminen seleccionando o alimento. Para evitalo, a clave está en que o procesamento, o mesturado e o contido de materia sexan os apropiados. Cardoso incidiu nalgúns aspectos que teñen influencia directa e xa foron demostrados por outros investigadores.

A lonxitude da palla de trigo é un destes factores determinantes. Pasar de picar a palla cunha lonxitude duns 10,16 centímetros a pasar a cortala curta, é dicir, a uns 2,54 centímetros, permite unha maior inxesta de palla tanto antes como despois do parto, o que se traduce tamén nun incremento da produción de leite.

Cardoso tamén sinala que proporcionar palla de trigo ás vacas en transición é unha opción máis rendible economicamente que outras racións, xa que en base a distintas combinacións estudadas na Universidade de Illinois na que traballa apuntan a que o custo doutras racións adoita ser de media case 0,40 dólares máis caro por animal. Ademais, con outras dietas redúcese o consumo de materia seca de media en 0,77 quilos por día.

O contido de humidade é outro aspecto decisivo para favorecer a inxesta de materia seca. Aquelas vacas cunha ración sen auga inxeren ao redor dun 53% de materia seca, o que supón un 10% menos que as racións con auga. Ademais, hai que ter presente que as condicións ambientais tamén afectan á humidade na ración, como colocar a comida en comedeiros sen cobertura durante o verán e con altas temperaturas, o que reduce notablemente a humidade da ración en canto pasan as horas. Así, sinala que o contido de materia seca da ración debe ser menor do 50% e se fose necesario habería que agregar auga.

A presenza de azucres é tamén determinante, xa que axuda a conseguir unha maior cantidade de proteína metabolizable. “Achegar melaza na ración permite que as vacas produzan máis leite despois do parto”, concreta. O investigador incide na achega de melazas en zonas como Galicia onde é máis difícil o acceso a outros alimentos proteicos como a soia.

Nas racións das vacas secas, Cardoso apunta a un contido de amidón de 12 a 15% de materia seca. No referido á Fibra Deterxente Neutra (FDN) da forraxe, o investigador recomenda unha inxesta de entre 40 a 50% do total de materia seca ou 4,5 a 6 quilos ao día por vaca. “É importante apuntar ao extremo superior do rango se se utilizan fontes de fibra con máis cantidade de enerxía como herba seca de gramíneas ou alfalfa de baixa calidade e ao extremo inferior se se utilizan entre 2 a 5 quilos de palla”, determina o investigador.

A achega de aminoácidos e minerais na dieta

O investigador tamén incide en garantir a achega de aminoácidos necesarios nas dietas das vacas en transición. “Precisamos garantir que todos os aminoácidos estean presentes na vaca preparto, por iso é fundamental contar con 1.200 gramos de proteína metabolizable ao día”, concreta o investigador.

Realizar unha correcta achega de colina, metionina e lisina durante o período de transición mellora a produción, metabolismo e saúde xeral. Ademais, a colina ten efectos directos na produción de leite, en concreto estímase que a colina protexida proporciona un incremento medio de 2,1 quilos de leite por día.

Efectos da colina protexida na produción de leite.

Efectos da colina protexida na produción de leite.

Por outra banda, a achega de colina axuda a reducir a acumulación de graxa no fígado. Ao mesmo tempo, a colina é tamén unha aliada para incrementar o consumo de materia seca na vaca en transición. “Proporcionar colina na ración permite incrementar entre un 8 e un 10% o consumo de materia seca”, concreta o investigador.

Hai que ter presente que “o metabolismo da colina interactúa co da metionina, pero non pode substituíla”, explica Cardoso. Por iso é polo que é fundamental equilibrar as dietas cunha adecuada achega de metionina e lisina, xa que é importante para a síntese de proteínas e de antioxidantes no fígado.

En canto á achega de minerais, o investigador sinala que en preparto, os valores obxectivos son un 0,40% de mercurio, entre 0,35 e 0,40% de xofre e manter o potasio tan baixo como sexa posible. En canto ao DCAD, Cardoso aconsella que se manteña negativo ou próximo a cero, xa que con estes valores conséguese previr a hipocalcemia e maximizouse a produción. Ademais mellorouse a reprodución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información