Como informar á Xunta das fincas onde se labre pataca dentro da zona tampón da couza guatemalteca?

O levantamento de boa parte das restricións á plantación na maioría dos municipios afectados pola praga da 'tecia solanívora' tras catro anos de corentena abre a posibilidade a volver a labrar o tubérculo en concellos de Ferrolterra e A Mariña. En San Sadurniño axudan aos veciños cos trámites necesarios

Publicidade

PATACA_SAPECEn moitos municipios do norte da Coruña e Lugo andan preparándose xa para volver plantar patacas despois de catro anos de prohibición por causa da couza guatemalteca e unha vez que a Xunta autorizou as plantacións dentro do ámbito de aplicación das medidas para o control e erradicación da praga. Porén débese ter presente que moitos destes concellos seguen a estar declarados zona tampón, o que supón unha serie de condicionantes á hora de botar o tubérculo. 

Ser zona tampón implica que todas as persoas que planten pataca deberán comunicarlle á Consellería do Medio Rural inmediatamente despois da sementeira (e sempre antes do 1 de abril) todas as parcelas que teñan cultivadas, independentemente da superficie plantada e de se esta é para autoconsumo ou para a venda. Na comunicación hai que indicar os datos persoais e a localización exacta das plantacións cos datos SIXPAC do polígono, parcela, recinto, superficie total, superficie sementada e a variedade que se poña no terreo.

Tanto os propietarios das leiras como os almacenistas de pataca para semente deberán levar un control do tubérculo

O formulario que se deberá cubrir pode descargarse desde esta ligazón e despois haberá que presentalo, preferentemente, a través da Sede Electrónica da Xunta. Tamén se pode imprimir e rexistrar presencialmente ben nas oficinas agrarias comarcais, ben nos Concellos, para mandarllo directamente a Medio Rural a través do Portelo Único municipal.

A obriga de comunicación tamén deberán cumprila as empresas que vendan pataca de semente mediante un formulario específico, ademais de levar un rexistro de información das persoas que a merquen. No local destinado a almacén terán que instalar trampas de feromona para a captura da Tecia solanivora povolny.

Colaboración desde as entidades locais

Na zona de Ferrolterra están declarados como libres da praga os concellos de Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes e As Somozas. A maiores, está declarada zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén teñen esta condición as parroquias de Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, no concello de Cariño. En toda a comarca só a parroquia da Pedra, pertencente tamén a Cariño, continúa coa cualificación de zona infestada, na que non se poderá plantar.

O Concello de San Sadurniño axúdalle á veciñanza a tramitar a declaración das plantacións de pataca para facilitar os trámites para a recuperación do cultivo

Ante a necesidade de facer as comunicacións á Xunta, algúns Concellos da comarca están a axudar aos veciños co papeleo. “Co tempo solleiro que temos xa hai quen anda preparándose para volver plantar patacas e nos últimos días foron varias as persoas que se achegaron ao Concello para preguntar que tiñan que facer. Por esta razón, na oficina do Rexistro Municipal xa están ao tanto para facilitarlles as cousas”, explican no Concello de San Sadurniño.

“O trámite é ben doado para persoas que estean afeitas a andar con papeleos relacionados cos montes ou coas terras, pero tamén hai quen non se manexa ben co ordenador nin tampouco cos formularios en papel”, evidencian. “A declaración hai que facela despois de plantar, non antes, e para quen non saiba como cubrir e presentar o papel, no Concello hémoslle de axudar”, indican.

Burela, Trabada, Arteixo, A Laracha, Muxía e Cariño manteñen a corentena e non poderán plantar

Trampeo para a detección da couza da pataca no concello de Barreiros

Trampa para a detección da couza da pataca no concello de Barreiros

O Consello da Xunta analizou este xoves un informe sobre as actuacións levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural para a erradicación da praga de corentena da Tecia solanivora (couza guatemalteca da pataca) na comunidade galega, que supuxeron máis de 4 millóns de euros de investimento por parte da Xunta.

Así, desde a súa detección en 2015 e tras a aplicación das pertinentes medidas, constatouse que unha trintena de concellos galegos deixaron de ter zonas infestadas pola couza. Mentres, só quedan seis municipios galegos (Burela, Trabada, Arteixo, A Laracha, Muxía e Cariño) con áreas nas que actualmente non se pode cultivar pataca, entre outras medidas.

O control da praga supuxo un gasto de 4 millóns de euros por parte da Xunta

En concreto, seguen a ser zonas infestadas pola couza a parroquia da Pedra, no municipio de Cariño; as parroquias de Sorrizo e Chamín, en Arteixo; as de Lendo e Caión, no concello da Laracha e as de Nosa Señora da O, Leis, Muxía, Moraime e Ozón, no concello de Muxía, dentro da provincia da Coruña. Na provincia de Lugo considérase como zona infestada a totalidade da superficie do concello de Burela e a parroquia de Trabada, no concello homónimo. Nestes casos, a prohibición de plantar pataca prolongarase durante un período mínimo de dous anos desde a aparición do último caso de couza.

Desde a detección dos primeiros casos en 2015, unha trintena de concellos galegos deixaron de ter zonas infestadas pola couza

Mentres, están na zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén as parroquias de Bardullas, Buiturón, Caberta, Couceiro, Frixe, Morquintián, Nemiña, Touriñán e Vilastose, do concello de Muxía; así como unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos municipios de Camariñas, Dumbría e Vimianzo e as parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón, no concello de Arteixo; Rebordaos, Vilela e Noicela, no concello de Carballo; Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha e Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, na localidade de Cariño.

Na provincia de Lugo, a zona tampón supón os concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove; ademais das parroquias de Balboa, Fórnea, Ría de Abres, Sante, Vidal, Villaformán e Villapena, no concello de Trabada.

Revisión periódica das trampas con feromonas

Os traballos efectuados tras a detección da couza en Galicia consistiron no establecemento dunha rede de trampeo para capturar masivamente o insecto nas zonas infestadas e controlar a súa expansión, así como na zona tampón nas franxas estremeiras coa área infestada. Tamén se instalaron trampas nas principais zonas produtoras de pataca, nomeadamente na comarca coruñesa de Bergantiños e na ourensá da Limia.

Na actualidade, o traballo céntrase en revisar periodicamente as trampas instaladas para rexistrar a evolución de capturas e a dispersión da praga, así como na vixilancia de todo o territorio demarcado para evitar plantacións ilegais

A maiores, desde o comezo da praga procedeuse á recollida de patacas de semente nos almacéns comercializadores das zonas infestadas, así como do propio produto nas explotacións dos concellos afectados, ademais de controlar o movemento de pataca producida na zona infestada, dentro desta zona e entre a zona infestada e a zona tampón.

Na actualidade o traballo céntrase en revisar periodicamente as trampas instaladas para rexistrar a evolución de capturas e a dispersión da praga. Ao mesmo tempo, séguese a vixiar todo o territorio demarcado para evitar plantacións ilegais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información