Como axudar ás viñas co manexo que se realiza para evitar enfermidades?

O viticultor e enxeñeiro agrónomo Julián Palacios ofrece algunhas claves en poda e prácticas sostibles coas que contribuír a un correcto desenvolvemento das viñas. Coñecemos a súa experiencia en viñedos galegos

Publicidade
Como axudar ás viñas co manexo que se realiza para evitar enfermidades?

A poda e o seguimento que se fai do viñedo resultan de vital importancia para o desenvolvemento adecuado das cepas, tal e como sinalou o viticultor e enxeñeiro agrónomo Julián Palacios nunhas xornadas sobre prácticas sostibles no viñedo celebradas recentemente en Ribadavia, nas que tamén ofreceu recomendacións prácticas aos viticultores da zona.

O experto, impulsor da firma de asesoramento agronómico Viticultura Viva, colaborou xa con distintas adegas galegas para optimizar o manexo do viñedo. Un dos seus últimos traballos foi cos viticultores de Cume do Avia, baixo o proxecto Eiravine, co que perseguían recuperar antigos viñedos, con máis de 25 anos, dos que dispoñía a adega. Con eles levaron a cabo unha estratexia na que contemplaron aspectos claves como a poda, a recuperación das cepas ou a reposición de marras.

Ademais tamén prestaron especial atención á nutrición e ó manexo que se facía das viñas. “Centrámonos no manexo do solo e a planta para mellorar a saúde do viñedo”, apunta Julián Palacios. As recomendacións inclúense dentro dunha estratexia sostible e respectuosa co medio ambiente, xa que a adega traballa seguindo un manexo ecolóxico.

O experto Julián Palacios durante a súa intervención en Ribadavia.

O experto Julián Palacios durante a súa intervención en Ribadavia.

Coñecer os solos e a planta

Un dos primeiros aspectos aos que Palacios recomenda prestar atención é ao estado dos solos e á saúde da planta. “O primeiro paso é realizar unha análise de solo, xa que pode achegar importantes datos sobre cuestións como cantidade ou calidade da materia orgánica que ten o viñedo”, explica o experto.

As analíticas de solos e foliar xunto coa revisión da plantación son ferramentas claves para realizar un manexo adecuado da viña

O mesmo ocorre coa saúde da planta, polo que tamén realizaron unha análise foliar, xa que tamén achega información sobre os nutrientes que está a absorber a planta. Ademais, a observación da plantación ofrece tamén datos de utilidade sobre a situación do viñedo ou sobre prácticas que poden resultar beneficiosas ou prexudiciais para a cepas.

“Revisando a plantación descubrimos que algunhas cepas tiñan feridas na codia debido á roza manual que estaban a realizar. Un práctica sostible, propia dun manexo ecolóxico, estaba a causar danos puntuais no viñedo”, explica o enxeñeiro agrónomo.

Adecuar a poda

Outro dos aspectos que Palacios recomenda priorizar no viñedo é a realización dunha poda adecuada, que debe axustarse ás condicións edafoclimáticas para evitar causar danos á cepa.“É moi importante realizar a poda favorecendo o crecemento da cepa, tendo en conta a circulación do fluxo da zume”, indica o viticultor. Ademais, as malas prácticas de poda poden provocar problemas no sistema vascular da planta e deixar o sistema circular con feridas, como lembra o experto.

“É moi importante realizar a poda favorecendo o crecemento da cepa, tendo en conta a circulación do fluxo da zume”

Tan importante como a poda é a estratexia que se siga na reposición de marras. Nesta adega optaron por repoñer con planta enxertada e repoñer en barbado para enxertar en campo 2 ou 3 anos despois. Palacios tamén lembra que unha opción válida é realizar acodos. “A práctica tradicional do acodado é moi efectiva para a reposición de planta”, apunta.

No caso da reposición de marras, do mesmo xeito que cando se trata de planificar novas plantacións, Palacios recomenda optar por planta de calidade, é dicir, ter en conta a xenética da planta e a calidade sanitaria, xa que a presenza de virus supón un grave problema para os viñedos.

Na reposición de marras e en novas plantacións, Palacios recomenda apostar por planta e enxertos de calidade

Palacios tamén recomenda prestar atención á calidade técnica das plantas. “Moitas veces está nas nosas mans comprobar a calidade técnica das cepas que adquirimos, comprobando a calidade do enxerto, coa proba do polgar, presionando desta maneira confirmamos que a conexión de vasos está ben conectada”, apunta.

Seguimento do desenvolvemento do viñedo

Do mesmo xeito que a revisión da plantación para detectar problemas que poidan xurdir do manexo que se realiza do viñedo, Palacios recomenda realizar un seguimento detallado do desenvolvemento das cepas para coñecer a súa evolución. “É interesante realizar un protocolo de control do viñedo en puntos concretos”, recoñece. Así, no caso dos viñedos de Cume do Alvia realizaron un seguimento das cepas, as xemas, os pámpanos, os acios e o peso e maduración destes que axuda despois á toma de decisións para o manexo do viñedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información