Como as algas mariñas se están testando con éxito nos cultivos galegos

O proxecto Algaterra está levando a cabo estudos para desenvolver novos insumos para a agricultura a base de algas mariñas. Observáronse efectos beneficiosos como abono de solo, bioestimulante e funxicida, e estanse probando no cultivo de viña, pataca, leituga e tomate

Publicidade
Publicidade
Como as algas mariñas se están testando con éxito nos cultivos galegos

As algas teñen amplas posibilidades no campo polo seu valor fertilizante e bioestimulante

As algas mariñas son un importante recurso ambiental e no século pasado tamén foron valiosas a nivel agropecuario. Hoxe en día, a actividade agromarítima reduciuse ata o punto de romper en gran medida a conexión da alga coa agricultura. Por iso, xorde o proxecto Algaterra, baixo o obxectivo de elaborar novos insumos agrícolas cos descartes de algas mariñas que se producen na industria alimentaria, así como para probar a súa eficacia para ser utilizados tanto en agricultura ecolóxica, como en agricultura convencional sostible.

As características deste produto mariño ofrecen un valor fertilizante alto, “mellorando a actividade microbiana, xerando un solo máis vivo e polo tanto máis resiliente ante calquera estrés”, destaca María Elvira López, investigadora do grupo de agronomía e ciencia animal da Universidade de Santiago de Compostela -USC-, e parte integrante do proxecto Algaterra. O seu poder encalante, o aporte de macronutrientes ou a mellora da actividade biolóxica do solo “converten as algas no esterco do mar”, explica López.

Unha das empresas base do proxecto foi Porto-Muíños S.L., unha firma familiar localizada en Cerceda (A Coruña) cuxa actividade principal é a recolección, cultivo, procesado e elaboración de produtos con algas mariñas.

A proposta deste proxecto contou coa cooperación de FEUGA -Fundación Empresa-Universidad Gallega-, da USC, da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC -a través do grupo VIOR-, e das empresas Adegas Terras de Asorei S.L., Riveiro Ecológicos e Horta Da Lousa S.C.

O valor fertilizante das algas para o cultivo
A consideración das algas mariñas como o “esterco do mar” vén dada polas súas calidades fertilizantes, bioestimulantes e incluso funxicidas. “Tratase dun produto natural, sen sementes de adventicias nin patóxenos, con ficocoloides que melloran a estrutura do solo, aumentan a retención de auga, aumentan a capacidade de intercambio catiónico do solo e actúan como fitorremediadoras”, detalla Elvira López.

Ademais, “aínda que as algas non teñen un alto nivel de fósforo, aumentan a súa dispoñibilidade para as plantas porque complexan o aluminio; isto tamén explica o seu poder encalante”, amplía a investigadora da USC. Do mesmo xeito, “aportan macronutrientes -especialmente potasio- e micronutrientes importantes para as plantas, como o ferro, o magnaneso, o zinc e o boro”, especifica. En función do tipoloxía de alga o aporte en % de nutrientes NPK -nitróxeno, fósforo e potasio- varía.

Outra das características que ofrece o valor fertilizantes deste vexetal mariño é unha maior “resistencia a axentes abióticos, coma unha seca ou unha xeada, e a axentes bióticos desfavorables, coma pragas ou enfermidades, porque teñen determinados compoñentes que actúan como bioestimulantes”, concreta Elvira López.

Primeiros ensaios con algas en frecos e novos produtos
Nun ensaio anterior titulado “Efecto do abonado con algas na produción de pataca” (Pazos y López Mosquera, 1997) establecéronse unha serie de parcelas control, outras de esterco e superfosfato, e outras con diferentes doses de algas en fresco -20t/ha, 40t/ha e 60t/ha-. “Os rendementos con 20 toneladas eran equiparables aos terreos tratados con esterco e mineral, superiores a de control en calquera caso, e a medida que se aumentaba a dose de algas, aumentaba o rendemento de produción”, afirma a investigadora.

Gráfico do estudo sobre o valor fertilizante da alga no cultivo de pataca

Gráfico do estudo sobre o valor fertilizante da alga no cultivo de pataca

A pesar de que os resultados en termos de produción eran positivos, o máis interesante dese traballo “foi poder ver como o que dicía a literatura se cumpría; vimos como nas parcelas abonadas con algas se incrementaba o pH do solo, debido ao incremento dos niveis de calcio e á diminución das cantidades de aluminio, e na mesma medida, aportando fósforo e potasio significativamente”, concreta a Elvira López.

Táboa con datos característicos do solo 70 días despois da plantación da pataca

Táboa con datos característicos do solo 70 días despois da plantación da pataca

Aínda que as algas en fresco manifestan bos resultados de estudo, tamén o fan aquelas feitas en compostaxe con restos de peixe e casca de pino. Así o probou o grupo de investigación ao que pertence Elvira López en colaboración coa empresa Pescados Rubén S.L. “Nas probas que fixemos mesturamos en volume unha parte de restos de peixe, unha parte de algas e tres de casca de piñeiro, outorgando, tras tres meses, bos valores NPK, 2,1% N, 0,6%P, e 0,7%K”, amplía López.

A maiores dos nutrientes que aporta ao solo, outra das importantes funcións das algas é o seu valor como bioestimulante. “Teñen un gran número de compostos beneficiosos como fitohormonas, especialmente auxinas e citoquininas, bioactivadores, vitaminas, etc. que producen melloras do sistema radicular, no crecemento e nos rendementos, e unha maior resistencia a estreses”, salienta a investigadora.

Variabilidade de auxinas e citoquininas en función da especie

Variabilidade de auxinas e citoquininas en función da especie

Aplicacións en campo
Porto-Muíños foi a empresa beneficiaria do proxecto Algaterra, apostando polas algas mariñas como “recurso na elaboración de novos insumos agrarios”. A firma, que se adica á recolección sostible e cultivo de algas, viu a necesidade de “desenvolver distintos produtos con algas, como fertilizante de solos, bioestimulantes e funxicidas con aplicacións en distintos cultivos e en doses diferentes, como en viña, pataca, leituga e tomate”, expresan Antonio Muíños e Manuela Buján, do departamento de Innovación de Porto-Muíños.

Imaxe dun parque de cultivo experimental de algas de Porto-Muíños

Imaxe dun parque de cultivo experimental de algas de Porto-Muíños

En viña colaboraron coa Adega Terras de Asorei para facer “ensaios con abono de algas e bioestimulantes, levados a cabo pola Misión Biolóxica de Galicia”, explican Muíños e Buján. Neste caso, dividiuse a parcela experimental en fraccións de terreo de control, de abonado con algas, e tradicional, para probar os índices de fertilidade e enfermidade, e varias parcelas nas que se utilizaron diferentes doses de bioestimulantes de algas. “A respecto dos primeiros resultados poderanse valorar entre setembro e outubro, tras a vendima”, comenta Manuela Buján.

Distribución das parcelas experimentais da Adega Terras de Asorei

Distribución das parcelas experimentais da Adega Terras de Asorei

Con respecto ás probas con leituga e tomate, no proxecto colabora Horta da Lousa (As Encrobas, Cerceda), explotación produtora de cultivos hortícolas en ecolóxico. O procedemento seguido foi similar ao resto de estudos de campo, establecendo parcelas de ensaio e de control, incluíndo análises do terreo. “Comezouse ca recollida recentemente, e farase en varias etapas para chegar aos resultados finais; polo momento fixéronse medicións de clorofila e obsérvase un nivel maior dos produtos abonados con alga”, avanza Buján.

“Outro dos ensaios realizouse con terras de pataca, neste caso coa colaboración de Oscar Riveiro, de cultivo en ecolóxico”, detalla a integrante do departamento de innovación de Porto- Muíños. “Nesta ocasión fíxose un deseño experimental en varias fincas, nunha delas probouse só o abono de solo, e noutra utilizáronse dous bioestimulantes diferentes con dúas aplicacións da mesma dose ata o momento e faltaría unha terceira”, sintetizan A. Muíños e M. Buján. “Aínda que ata setembro non podemos extraer conclusións, segundo o que se percibe principalmente pola parte do propietario, obsérvase diferencia na planta tratada con bioestimulante”, afirma.

Orixes
As algas mariñas considéranse un recurso agropecuario e ambiental. Existe documentación gráfica de como no século pasado abundaba a actividade agromarítima, e de como a alga se utilizaba como un complemento para o gando. En maior medida, trátase dun recurso ambiental fundamental, e en definitiva dun “ecosistema que se debe manter; por iso, se recollemos alga é moi importante deixar unha parte na praia e actuar cos permisos correspondentes”, incide Elvira López.

Imaxe de actividade agronómica e da recolección de algas

Imaxe de actividade agronómica e da recolección de algas

Hoxe en día, en Europa o 1% da alga mariña utilízase para alimentación, o 24% para outros usos, incluíndo a agricultura, e o 75% restante para a extracción de coloides, supoñendo grandes diferencias con respecto ao contexto mundial.

Gráficos sobre a distribución de usos de algas mariñas

Gráficos sobre a distribución de usos de algas mariñas


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información