A guerra de Ucraína deixou en xaque o mercado dos cereais en Europa. A invasión rusa do país, coñecido como o ‘celeiro de Europa’, está a ter consecuencias non só nos países europeos senón en todo o mundo. As ganderías galegas están a notar nestes meses xa algunhas das consecuencias máis directas, co encarecemento dos cereais e os pensos. Aínda que as limitacións ao cereal procedente de Ucraína foi só un factor máis que propiciou o incremento dos prezos destas materias primas.
A reactivación da actividade tras a pandemia do Covid-19 pillou aos mercados con moi pouco stock, en parte debido aos problemas climáticos que deixaron colleitas reducidas. A iso sumouse o importante incremento do custo das materias primas, non só de cereais tanto para alimentación animal como humana, senón tamén carburantes e minerais.
A guerra de Ucraína sumouse á falta de stock, as consecuencias da pandemia do Covid-19 ou a crise porcina africana para incrementar o prezo e a escaseza de cereais
Ademais, nestes últimos anos levouse a cabo certo aprovisionamento de cereais por parte de países como China, derivado da peste porcina africana. O incremento dos fretes marítimos tamén foi determinante para chegar á situación actual.
Con esta ‘tormenta perfecta’, que se pode esperar para os próximos meses? Que alternativas poden ter as granxas galegas fronte ao incremento de prezos dos cereais e pensos? Estas foron algunhas das cuestións que abordaron nunha sesión de debate virtual realizada recentemente entre os socios do grupo operativo supranacional Proteinleg, centrado na procura de proteínas alimentarias de calidade en base ao cultivo de leguminosas.
Malas perspectivas
A pesar de que a situación actual en canto a prezos e stock de cereais é xa crítica, as previsións a curto prazo tampouco son esperanzadoras. Países como India acaban de anunciar xa que pecharán as exportacións de cereal, para poder abastecer as necesidades do seu mercado interior. E as previsións en territorio nacional tampouco son favorables. “Deixamos moito en man das importacións, deixando de lado a produción propia e poida que sexa momento de retomar estes cultivos”, apunta Lucio García, investigador e responsable do departamento de producións agroalimentarias, medio ambiente e territorios no Centro Tecnolóxico da Carne ( CTC).
Aínda que este ano se incrementou a superficie de cultivo de cereal en España, tampouco servirá para substituir o gran procedente de Ucraína, xa que debido ao elevado prezo dos fertilizantes non se realizou un abonado adecuado, co que non se agardan importantes producións en Castela.
“Os prezos disparáronse e apréciase unha gran volatilidade con respecto da situación de estabilidade que se vivía desde o 2012, cando se produciu a última gran sacudida dos prezos das materias primas”: Higinio Mougán, Agaca
Ademais, aínda que quedaban en Ucraína uns 30 millóns de toneladas de cereal, existen grandes limitacións para sacalas do país, debido ás dificultades de facelo por barco, dado que boa parte dos portos están minados. Mentres, outros medios de transporte por terra tampouco están a ser viables. A guerra tamén reduciu case á metade o cultivo de cereais no país este ano e tamén haberá dificultades para sacar esa produción do país, polo que a curto prazo espérase que os prezos sigan altos, tal e como apuntaron os socios do grupo Proteinleg.
“Os prezos disparáronse e apréciase unha gran volatilidade con respecto da situación de estabilidade que se vivía desde o 2012, cando se produciu a última gran sacudida dos prezos das materias primas”, valora Higinio Mougán, xerente da Asociación de Cooperativas Agrarias de Galicia (Agaca). Mesmo se apunta xa a que poidan producirse maiores episodios de fame en países de África ou Asia, así como en México, ao reducirse as reservas mundiais de cereais.
A dependencia da soia, como acabamos así?
Unha das materias primas importadas por España é a soia, fonte de proteína na maioría dos pensos para o gando. Xunto co millo ou o trigo, este legume experimentou nos últimos meses un notable incremento do prezo, que contribuíu ao incremento do penso. Pero, é viable o cultivo de soia en España ou Galicia para reducir a importación? “En Galicia, polas condicións climáticas da rexión non somos capaces de producir soia e en España hai importantes dificultades para lograr produción”, indica García.
Ademais, nalgúns dos países produtores de soia está permitida a utilización de variedades transformadas xeneticamente e resistentes ao glifosato. “Logran producións moi rendibles coas que é realmente difícil competir nun modelo convencional, como o que se expón aquí. Non se produce en igualdade de condicións”, apunta o investigador.
“Resulta máis fácil traer un quilo de soia de Brasil que producilo en España”: Lucio García, do CTC
Como sinala o investigador do CTC, a soia é unha leguminosa moi completa, xa que despois de extraerlle o aceite, a torta aínda ten máis de 40% de proteína, mentres que outras leguminosas reducen esa porcentaxe a un 22%. De feito no proxecto Proteinleg, que están a formular pensos para porcos celtas e pitos de Mos en extensivo cunha achega de proteína procedente doutras leguminosas, tiveron dificultades para conseguir a cantidade de proteína requerida.
Outro dos condicionantes para o cultivo de soia en España ou Galicia é a falta de superficie para o seu cultivo, se se compara coas terras dispoñibles noutros países produtores, sobre todo de América. “En España é moito máis rendible ter a terra con millo ou trigo que con soia”, apunta Mougán. “En definitiva, resulta máis fácil traer un quilo de soia de Brasil que producilo en España”, recoñecen desde o CTC.
Na procura da autosuficiencia e de alternativas
Como coinciden en sinalar os socios do grupo Proteinleg, esta crise dos cereais volveu a poñer de manifesto a importancia de reducir a dependencia das importacións e as vantaxes dunha maior autosuficiencia das ganderías.“Esta crise está a volver a poñer o foco na gran dependencia das ganderías e temos que ser conscientes de que se non é unha guerra será o cambio climático, vai haber factores que encarezan as materias primas, polo que temos que procurar ser máis autosuficientes nas nosas ganderías. Aínda que non podamos ser autosuficientes ao 100% si podemos traballar en reducir esta dependencia e aproveitar os recursos que temos”, comentan desde a Asociación de Produtores de Porco Celta.
Contar con estudos sobre o comportamento da variedades, con sementes seleccionadas ou con alternativas adaptadas ás condicións de Galicia pode resultar fundamental para unha maior autosuficiencia das granxas
Outra das cuestións fundamentais para incrementar a autosuficiencia das ganderías é poder ofrecer garantías aos gandeiros. Por iso, como sinala Mougán, é clave a investigación sobre forraxes de inverno que poidan achegar proteína á ración do gando e así reducir a dependencia de soia. “No caso do vacún de leite, alternativas como a veza ou o chícharo poden ser fundamentais para pasar de silos de herba que teñan un 16% de proteína a lograr, con estas leguminosas, ensilaxes que poidan alcanzar un 22 ou un 24% de proteína”, explica.
Contar con estudos sobre o comportamento da variedades, con sementes seleccionadas ou con alternativas adaptadas ás condicións de Galicia pode resultar fundamental. É nesta liña precisamente na que traballa o proxecto Proteinleg, que xa estudou o comportamento de chícharo, o chícharo silvestre ou xudías como fonte de proteína para a alimentación do gando. “Non podemos afrontar grandes cambios. Non imos poder eliminar por completo as importacións de materias primas como a soia, pero poderemos facer axustes para ter unha menor dependencia”, indica Mougán.