Como adaptar os establos para unha correcta instalación dun robot de muxido?

Jack Rodenburg, consultor canadense de vacún de leite especializado en muxido robotizado ofrece unhas recomendacións para adaptar os establos para unha correcta instalación dun robot de muxido. Tamén explica cales son as especificidades das ganderías de vacún de leite en Canadá

Como adaptar os establos para unha correcta instalación dun robot de muxido?

Cada vez é máis común nas ganderías de vacún de leite facer inversións de cara a automatización do muxido. Algunhas granxas deséñanse desde 0 cunha infraestrutura adaptada á robotización, pero outras -a maioría- fan reconversións de sistemas tradicionais. “Creo que cando unha granxa inverte en equipos de muxido entre o 70% e o 80% opta por un modelo automatizado en lugar de sala rotativa”, explica en declaracións a Campo Galego Jack Rodenburg, asesor canadense en vacún de leite e experto en robot de muxido. 

En calquera caso, “a reconversión pode obter bos resultados se o proxecto está ben plantexado, pero pola contra, pode perderse rendibilidade se non hai un espazo adecuado ao redor dos robots”, explica o asesor canadense. Se a renovación non contempla a separación das vacas para o seu manexo pode que non optimice o sistema e necesite unha maior cantidade de man de obra. Deste xeito, “as mellores renovacións soen consistir en engadir unha pequena sección ao final da granxa para os robots con espazo de manexo detrás deles”, concreta.

Igualmente, antes de proceder a unha robotización, o asesor lácteo recomenda atender a outras cuestións de vital importancia que pasan desapercibidas: “Se o gandeiro cré que a súa granxa actual provoca coxeiras, mastite ou vacas cansadas é necesario que solucione estes problemas antes de automatizar o muxido; o benestar animal é fundamental para a obtención duns bos índices de produción de leite por vaca”, recalca Rodenburg.

“Se o gandeiro cree que a súa granxa actual provoca coxeiras, mastite ou vacas cansadas é necesario que solucione estes problemas antes de automatizar o muxido” (Jack Rodenburg)

Entón, se existe a posibilidade e a necesidade de ampliar unha granxa “os establos libres existentes con prazas pequenas e pasillos estreitos poden converterse nunha excelente opción para xovencas, polo que, se a ampliación forma parte do plan, construír unha nova sección para as vacas e renovar o antigo para as xovencas, sería a solución ideal”, especifica o asesor lácteo.

En canto á distribución, “grupos de 120 vacas con dous robots por grupo é o ideal nestes momentos porque reduce o estrés cando un dos dous cae; os grupos de máis de 120 vacas fan que a recollida sexa máis difícil, aínda que con algúns sistemas de localización de vacas, os grupos de 180 vacas tamén se leva ben nas leiterías máis grandes de Canadá”, opina Rodenburg. Neste sentido, reforza a idea de que “os robots son unha excelente opción para grandes granxas, e así mesmo, considera que os rabaños máis grandes perden leite porque as vacas teñen que camiñar máis lonxe e esperar máis tempo baixo máis estrés nas zonas de espera abarrotadas”.

Outra das cuestións a ter en conta é que “os robot poden achegar o muxido aos lugares onde descansan as vacas e reducir o tempo de espera así como o tempo que pasan camiñando dun lado a outro; por exemplo, moitas leiterías estadounidenses na que a sala de muxido rotativa está ao límite da súa capacidade están vendo moi rendible engadir partes robotizadas no mesmo lugar, é dicir, comezan a muxir as vacas frescas nas salas e trasladan as vacas de muxido rápido con bo ubre aos robots”, avanza o experto canadense.

Previsións de futuro: Robots para a xestión do xurro 

No último ano, a subida dos custes de produción e o abandono do rural poñen enriba da mesa problemáticas en torno á man de obra de granxas. “Despois da Covid, os custes da man de obra e os problemas para encontrar axuda empeoraron polo que se prevé un rápido crecemento na adopción do muxido robotizado e dos sistemas de alimentación automatizados para vacas e tenreiros; estes últimos poden ter unha rendibilidade maior que a os propios robots de muxido”, comenta Jack Rodenburg.

A adopción destas tecnoloxías nas ganderías baseadas en pastos “demostrou ser un reto” e aínda que o seu desenvolvemento foi lento “os robots de muxido móbiles que muxen as vacas cerca de onde comen son o seguinte paso lóxico para aquelas zonas nas que o muxido baseado nos pastos é rendible”, prognostica o canadense.

Por outra banda, cómpre ter en conta que na actualidade existe un interese crecente en termos de sustentabilidade, por iso no curto prazo “o mellor é centrarse no aumento de produción por vaca mediante un maior énfase na comodidade do animal, especialmente cun mellor control da calidade do aire e da temperatura, pero tamén con estratexias de alimentación máis sofisticadas”, afirma o asesor lácteo.

Na mesma medida fai fincapé en que “entre as formas máis directas de minimizar o impacto medioambiental nunha granxa está a xestión de estercos, a través do cal se pode reducir as emisións e reducir a necesidade de fertilizantes comerciais. Por iso, quizais algunhas das novas áreas nas que deberíamos buscar oportunidades para a automatización sexa na robótica de manexo de estercos, así como na aplicación de auga sobre os cultivos dunha forma máis oportuna e precisa”, adianta.

“O sistema de cotas en Canadá protéxenos das importacións e dános un prezo alto do leite”

 O baño de pés no carril de separación á saída do robot é a mellor opción para xestionar este proceso coa mínima man de obra e o máximo control. Fonte: Jack Rodenburg

O baño de pés no carril de separación á saída do robot é a mellor opción para xestionar este proceso coa mínima man de obra e o máximo control. Fonte: Jack Rodenburg

En Canadá existen dous modelos de granxas típicas máis marcados: aquelas que muxen entre 200 e 500 vacas en granxas modernas con salas rotativas, que son de propiedade familiar, pero contan con man de obra contratada e unha media de 50 a 70 animais por traballador; e “aqueloutras moi presentes tamén, con rabaños máis pequenos, que muxen entre 40 e 60 vacas, moitos dos cales seguen aloxados en cortellos de curral, utilizando unicamente man de obra familiar”, describe Jack Rodenburg. 

Unha das principais diferenzas é o sistema por cotas que rexe o mercado lácteo canadense co complemento do programa de control de calidade ‘ProAction’ lanzado en 2011. O sector canadense está protexido contra a competencia de produtos importados mediante un complexo sistema que controla a produción interior mediante o establecemento de cotas, polo cal existen organismos encomendados á súa distribución e ao seu cumprimento, e así mesmo, establecen un límite para a produción leiteira destinada á comercialización nacional.

“A miña sensación é que formato de estabulación para vacún de leite é similar a España, cunha diferenza substancial sobre o prezo do leite. O noso sistema de cotas protéxenos continuamente das importacións e proporciónanos un prezo do leite o suficientemente alto como para que as explotacións establecidas e razoablemente eficientes sexan sempre rendibles”, destaca Rodenburg.

“O noso sistema de cotas protéxenos continuamente das importacións e proporciónanos un prezo do leite o suficientemente alto” (Jack Rodenburg)

Estas diferenzas poden influír na implantación de robots de muxido? Aínda que o asesor lácteo canadense afirma non ter cifras para España fai fincapé en que a súa sensación “é que a adopción do muxido robotizado é un pouco máis rápida en Canadá, porque con bos ingresos, os gandeiros teñen máis confianza para adoptar unha tecnoloxía máis custosa”. Por este motivo, “arredor do 20% das nosas granxas teñen robots e ese número está medrando rapidamente”, apunta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información