A Comisión prevé que a manteiga permita manter os prezos do leite estables neste 2018

A Comisión prevé que a manteiga permita manter os prezos do leite estables neste 2018

Román Santalla na reunión de Bruxelas

A Comisión Europea prevé que os prezos do leite en orixe se manteñan estables durante este 2018, grazas en boa medida a uns prezos da manteiga que se permanecerán altos. Porén, en Galicia e en España as cotizacións para os gandeiros manteranse por debaixo da media europea debido ás feblezas do sector industrial español e á falta de regulación efectiva da cadea de valor coa distribución.

Esta foi unha das conclusións da reunión mantida onte e hoxe en Bruxelas por organizacións agrarias e de cooperativas do Copa Cogeca con representante da Comisión de Agricultura da Unión Europea para analizar a situación do sector leiteiro.

“A información que nos facilitou a Comisión é que os prezos do leite evolucionan dentro da estabilidade a comenzos do 2018 en case todos os países da UE”, asegura Román Santalla, responsable de gandería de UPA e que participou na reunión.

Así, a media que prevé a comisión para a UE en xaneiro é de 36,9€ cada 100 kilogramos. Os prezos do leite en decembro foron dunha media de 33,4 euros en España e de 32,2 en Galicia, segundo os datos do Fega. Polo demais, os responsables da Comisión avanzaron que os prezos do leite en xaneiro por países foron de 0,352 € o litro en Alemaña, os 0,33 de Francia, os 0,32 de Portugal e Bélxica ou 0,368 euros o litro en Holanda.

Irlanda, Reino Unido e Polonia lideran o incremento da produción

Outro tema que se analizou na reunión e que preocupa aos produtores é o aumento da produción da Unión Europea en 2,5 millóns de toneladas en 2017, un 1’7% máis que en 2016. Os países que mais aumentaron a produción foron Irlanda con +700.000 ton, Reino Unido con 600.000, 500.000 toneladas máis en Polonia e preto de 400.000 en Italia.

Tamén preocupan que facer coas existencias de leite en pó na intervención pública, que alcanza as 370.000 toneladas na UE. “Isto empaña un inicio de 2018 con mais incertezas en Galicia e en España que na UE”, recoñece Santalla.

Previsión de prezos máis baixos para o leite en pó e manteranse altos os da graxa

E é que este importante stock pode tirar á baixa dos prezos do leite. Así, o responsable de UPA advirte que “aínda que a Comisión prevé que para 2018 se manteñan en niveles altos os prezos da graxa, sen embargo para o leite en po desnatado seguirá a haber prezos baixos, e mesmo por debaixo dos prezos de intervención”.

Por outra parte, os responsables da Comisión Europea informaron de que as exportacións aumentaron, en especial a terceiros países, e principalmente de leite desnatado e queixos, sendo China o primeiro importador con +12% para leite en po e un +11% para queixo con respecto a 2016. México tamén foi un forte importador de leite en pó, en especial desde España.

Román Santalla deu conta nesta reunión da “debilidade do mercado español e particularmente o galego, con contratos que no mellor dos casos repiten, con problemas nos volumes e con prezos moi baixos no leite excedente dos contratos”. “A falta de medidas de xestión de mercados e o mal funcionamento da cadea de valor pon en dificultades os produtores en España e en Galicia”, advertiu.

Román Santalla: “A falta de medidas de xestión de mercados e o mal funcionamento da cadea de valor pon en dificultades aos produtores de España”

O secretario de gandería de Upa tamén defendeu ante os representantes da Comisión de Agricultura unha proposta aprobada onte no COPA, na que se pide que o leite que está na intervención pública se destine a axuda aos mais necesitados e tamén para alimentación animal a través das fábricas de pensos. “Aínda que todos insistimos nesta medida, que evitaría a presión á baixa nos prezos do leite en orixe, sen embargo a Comisión polo momento non está pola labor e vai seguir sacando leite en po a poxa, aínda que recoñece que de utilizalo como proteína en pensos para aves e porcos poderían retirar os excedentes rápido, pero ao prezo actual de 200 euros os 100 kilos din que non lles cobre os custos”, explica Santalla.

Por último, nesta reunión tamén se reforzou a proposta dun plan de apoio a produción de proteínas en Europa, tanto as vexetais para consumo humano e animal, como as forraxeiras para consumo para as vacas. As organizacións de produtores e cooperativas pediron a convocatoria de mesas de traballo e apoio claro por parte da Comisión Europea con axudas, “tamén para as producións forraxeiras de proteína incluídas as pastables”, subliña Santalla.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información