A Comisión Europea quere redistribuír as axudas da PAC

O comisario de Agricultura, Phil Hogan, presenta unha proposta para a PAC a partir do 2020. Elude pronunciarse sobre o marco financieiro, pero dáse por segura unha baixada dos fondos para o agro. Un dos obxectivos centrais da nova PAC será combatir o cambio climático

A Comisión Europea quere redistribuír as axudas da PAC

O comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan.

O comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan, presentou hoxe a proposta da Comisión Europea para a reforma da Política Agraria Común (PAC) a partir do 2020. O documento marca os obxectivos clave que terá que enfrontar a PAC nos próximos anos, pero elude pronunciarse sobre unha das cuestións que máis preocupa: en canto se reducirán os fondos da próxima PAC? Ese será un debate que os Estados membro manterán nos próximos meses.

Coa perspectiva dunha baixada dos fondos adicados á PAC, debida tanto ó Brexit como a outros retos políticos, unha das cuestións que cobra importancia é a de enfocar as axudas ós verdadeiros agricultores e gandeiros. A Comisión recoñece que o 20% de produtores recibe o 80% dos fondos da PAC e quere modificar o reparto, aínda que tamén xustifica a actual situación en que boa parte dos beneficiarios da PAC son moi pequenos produtores, con poucas hectáreas de terreo.

As fórmulas para redistribuír os pagos directos para o agro que baralla a Comisión son as seguintes:

– Fixar un tope obrigatorio dos pagos directos, tendo en conta o traballo que se crea nas granxas, a fin de evitar efectos negativos nos grandes latifundios.

– Tamén se poderían introducir pagos decrecentes, como unha fórmula para reducir o apoio para as granxas máis grandes.

– Establecer pagos redistributivos que apoien de xeito específico a determinados produtores (Por exemplo, granxas pequenas ou medianas).

– Asegurar que os apoios van ós agricultores activos, evitando os pagos a produtores xubilados.

Orientación dos pagos da PAC
A Comisión Europea reflexiona tamén na súa proposta sobre a orientación que deben ter os pagos directos a agricultores e gandeiros. O documento lembra os múltiples obxectivos dos pagos. Un dos principais é garantirlle unha renda digna ós produtores, de xeito que teñan un salario que se achegue ó salario medio do seu Estado, contribuíndo así ó mantemento da actividade agraria e á produción de alimentos de calidade para os 500 millóns de persoas que viven en Europa.

A UE advirte, non obstante, de que hai unha boa parte da poboación que non está de acordo con eses pagos directos. A consulta pública sobre a PAC realizada pola Comisión este 2017 conclúe que só un 53% das persoas non ligadas ó agro apoia ós pagos directos para os agricultores (por un 79% de produtores). Sen embargo, hai un 92% da poboación que está de acordo en que a agricultura debe xerar máis beneficios ambientais e contribuír á reducción do cambio climático (Un 64% de gandeiros tamén apoia esa visión, segundo os datos da Comisión).

En consonancia con esas cifras, a Comisión considera irrenunciable unha PAC que se oriente a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro na agricultura e na gandería, de cara a combatir o cambio climático. A cuestión medioambiental, por tanto, gañará peso no próximo periodo das axudas comunitarias, a partir do 2020.

Descentralización

A proposta da Comisión apunta a necesidade de marcar uns obxectivos comúns para a PAC en toda Europa, se ben avoga tamén por deixar unha maior marxe ós Estados membros e ás rexións para que decidan como cumprir con eses obxectivos.

Os principais retos que a Comisión considera que debe enfrontar a PAC, a maiores do cambio climático, son os seguintes:

Xestión de riscos de ingresos. A Comisión sinala que cada ano hai arredor dun 20% de produtores que sofren unha caída de ingresos superior ó 30%, en relación a súa media de ingresos dos 5 anos anteriores. Esa situación, debida a volatilidade dos mercados agrarios e ós novos riscos que introduce o cambio climático, empeorará previsiblemente de cara ó futuro, polo que advírtese da necesidade de ferramentas públicas e privadas que contribúan a estabilizar os ingresos.

Na actualidade, a Comisión sinala que existen seguros agrícolas e que a PAC xa permite poñer en marcha unha ferramenta de estabilización de ingresos, para cando as rendas dunha explotación caen en máis dun 20% en relación a media dos anos anteriores. Outras medidas que se poden explorar, segundo o documento presentado hoxe, son políticas fiscais a nivel de cada Estado que incentiven o aforro nos anos bos ou fondos de seguros mutuos, con aportacións dos produtores.

Relevo xeneracional. Só o 21% dos produtores da UE ten menos de 45 anos. Cando un novo produtor se establece, asume un risco de investimento e unha incertidume de ingresos que debe ser compensada. A Comisión suxire a posibilidade de establecer pagos complementarios para novos produtores ou un aumento dos pagos actuais.

Enfrontar as demandas dos consumidores, sobre todo na produción de alimentos respetuosos co medioambiente e co benestar animal. Tamén é preciso que a gandería contribúa a reducir a aparición de resistencias ós antimmicrobianos.

Innovación tecnolóxica e dixital no agro. A Comisión aposta pola modernización e a introdución de novas tecnoloxías como vía para aumentar a produtividade, reducir custos e lograr un menor impacto da actividade agraria no medioambiente.

Potenciar as áreas rurais como un entorno axeitado para vivir e traballar. Apoio ó emprego rural e a servizos axeitados, como a educación. A Comisión incide na importancia de investir no capital humano.

Papel dos migrantes. A UE considera que hai oportunidades na agricultura europea para migrantes temporeiros e para o asentamento de refuxiados e de migrantes legais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información