A Comisión Europea prevé unha baixada do prezo do leite a partir de xuño

A Comisión Europea traballa coa previsión dunha baixada do prezo do leite en Europa na segunda metade deste ano debido ao incremento da produción en Europa.

A Comisión Europea prevé unha baixada do prezo do leite a partir de xuño

Carlos Martín Óvilo, responsable do mercado lácteo da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea

A Comisión Europea traballa coa previsión dunha baixada do prezo do leite en Europa na segunda metade deste ano debido ao incremento da produción en Europa.

Así o avanzou esta mañá en Santiago de Compostela Carlos Martín Óvilo, responsable do mercado lácteo da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea. O responsable comunitario interveu na capital galega nunha xornada sobre a repercusión da nova PAC en Galicia.

Segundo advertiu a principal causa desta baixada de prezos “está no incremento da produción por encima do incremento que pode absorver o mercado, que está a ter un comportamento positivo”.

“O ano pasado a produción de leite na Unión Europea aumentou máis do que debería, un 1,8%, o que supón 2,7 millóns de toneladas máis. Cun 1,2% sería suficiente, pero está a aumentarse a produción máis do que medra a demanda doméstica e mundial”, explicou.

Un exceso de produción animado pola recuperación de prezos en 2017 que aínda se agravou máis nos primeiros meses deste ano. Así, en xaneiro as entregas no conxunto da UE incrementáronse un 4% respecto ao mesmo mes do ano anterior, unha suba que en España foi do 5,4%.

 “O razoable é un incremento da produción na UE do 1,2% pero o ano pasado foi do 1,8%”

“As previsións coas que traballamos na Comisión é que no conxunto deste 2018 vai haber un aumento das entregas de leite na Unión Europea do 1,4%, cunha suba no primeiro semestre, unha estabilización no segundo, e unha caída da produción respecto ao ano pasado durante o terceiro e, especialmente, o cuarto trimestre, coincidindo cunha corrección importante de prezos que vai haber na segunda metade do ano debido a este exceso de produción”, avanzou o responsable do mercado lácteo da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea.

Neste sentido, Carlos Martín Óvilo afirmou que “o razoable e sustentable é un incremento anual da produción na Unión Europea de entre 1,5 e 1,6 millóns de toneladas, un 1,2%”.”Medrar por enriba desa porcentaxe é arriscarse a que baixen os prezos e haxa sobreproducción”, advertiu.

Ante esta situación, o representante da Comisión Europea fixo un chamamento aos gandeiros para que se organicen en organizacións de produtores que non só negocien prezos en mellores condicións coa industria senón que tamén autoregulen a produción para rachar co que definiu como “montaña rusa” no prezo do leite. “Cada vez que hai aumento da produción hai un descenso de prezos, o que leva a un axuste da produción, que pasados uns meses provoca que o prezo remonte, e vólvese a repetir a situación”, lamentou.

Boas previsións para o sector lácteo

En todo caso, Carlos Martín Óvilo destacou que “a perspectiva a medio e longo prazo para o sector lácteo son positivas, polo incremento da demanda a nivel mundial, sobre todo en África, China e países do sueste asiático, onde o potencial de crecemento é enorme”.

“O consumo de lácteos está á alza, se cadra non tanto de leite líquido, pero si de derivados, como o queixo, a manteiga ou a nata líquida”, avanzou.

“Nos anos 70 había o triplo de stock de leite en po e acabouse vendendo”

Por último, o responsable do mercado lácteo da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea prognosticou que o prezo da manteiga, e da graxa láctea en xeral, manterase alto ao longo deste ano, compensando un prezo do leite en po desnatado historicamente baixo.

A este respecto, restoulle importancia á influencia do stock público deste produto, unhas 375.000 toneladas almacenadas como consecuencia das compras públicas en 2016. “Temos que ter perspectiva e lembrar que nos anos 70 este stock era o triplo de grande e logrouse vender. Ademais, o seu uso na Unión Europea representa menos do 6% dos produtos lácteos, polo que non estaría xustificado que unha industria ou cooperativa baixe o prezo do leite ao produtor porque hai moito stock de leite en po, aínda que si debido á sobreproducción de leite”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información