
O comisario de agricultura e alimentación da Comisión Europea, Christophe Hansen, no centro, recibiu a unha delegación a unha delegación da Coordinadora Europea Via Campesina, na que está o Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego, Brais Álvarez López, segundo pola dereita.
A Comisión Europea, co apoio dalgúns Estados membros, tentará impulsar unha aplicación provisional do acordo comercial Unión Europea-Mercosur. Así llo confiirmou esta mañá en Bruxelas o comisario de agricultura e alimentación da Comisión Europea, Christophe Hansen a unha delegación a unha delegación da Coordinadora Europea Via Campesina, na que está o Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego, Brais Álvarez López.
O 21 de xaneiro, en Estrasburgo, o Parlamento Europeo paralizou o acordo UE-Mercosur e procedeu ao seu envío á xustiza europea, solicitando un ditame ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) sobre a compatibilidade do Acordo de Asociación UE-Mercosur (EMPA) e o Acordo Comercial Provisional (iTA) con Tratados da UE. Agora a xustiza europea terá entre 6 meses e 2 anos para emitir o seu ditame.
Durante a xuntanza co comisario de agricultura e alimentación da Comisión Europea, Christophe Hansen, a delegación da Coordinadora Europea Via Campesina expúxolle a Política Agraria Común (PAC) que se precisaba para o novo período 2028-2034. “Unha PAC pensada nas persoas produtoras, cunha regulación do mercado para garantir prezos dignos”, defendeu Álvarez. Con todo, o mozo apicultor subliñou que a “Comisión Europea só pensa no libre mercado para que o agronegocio siga a aumentar os seus beneficios”.
En canto ao acordo UE-Mercosur, o comisario de agricultura “tentou convencernos das súas bondades, e nós reafirmámonos dende ECVC e o Sindicato Labrego Galego que vai ser prexudicial para moitas granxas do noso territorio e, polo tanto, seguimos e seguirémoslle trasladando o noso rotundo non ao Mercosur”, esclareceu Álvarez. “Entendemos que o libre mercado non é o camiño se queremos que siga habendo granxas no territorio e, por iso, tanto no ámbito da PAC como nos tratados de libre comercio, dende o Sindicato Labrego Galego imos a seguir a loitar porque se regule o mercado, porque as axudas cheguen a quen teñan que chegar e e porque por unha vez por todas se teña ás produción labregas no centro do debate”.
Xuntanza coa eurodiputada italiana Cristina Guarda
Á primeira hora recibiu á delegación da Coordinadora Europea Via Campesina a eurodiputada italiana Cristina Guarda, do Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea, integrante da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural e portavoz do seu grupo en temas de agricultura. “Trasladounos o que para elas e eles é unha vitoria importante alcanzada este mércores en relación ao tratado UE-Mercosur e o seu envío á xustiza europea, que o Grupo dos Verdes foi un dos grupos que presentara esa moción e que estaban expectante a ver que ocorría agora”, comentou Brais Álvarez.
Ademais, Guarda explicou que tiñan dúbidas en canto ao que ía facer a Comisión Europea sobre a parte comercial do acordo, que Grupos dos Verdes vai solicitar que se manteña sen aplicar até a resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE). Doutra banda, púxose sobre a mesa a preocupación que existe na actualidade sobre os tratados de libre comercio e sobre todo en canto a garantir fixar uns prezos mínimos para os produtos tendo en conta os salarios e os custes mínimos de produción, que permitan garantir uns salarios dignos para as persoas labregas.
“A eurodiputada fixo fincapé no traballo que están realizando o Grupo dos Verdes con todo o relacionado coas importacións de mel de fóra e coa falsa mel, de feito formulou que no marco do Parlamento ían potenciar unhas xornadas de traballo e preguntou nese senso a nosa opinión sobre o sector, e sobre a carne e o leite e como protexer as pequenas producións”, afirmou o mozo apicultor. Na conversa con Cristina Guarda houbo “boa sintonía coas propostas que lle achegamos na liña dunha Política Agraria Común (PAC) que se pense para quen produce, que garanta prezos mínimos, que regule o mercado e que non favoreza aos grandes acaparamentos de terras”, engadiu o Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego.
Futuras mobilizacións
Para o representante do Sindicato Labrego Galego a decisión do Parlamento Europeo coa paralización do acordo “corroborou que as mobilizacións e protestas da sociedade, das organizacións e das labregas e dos labregos, son unha ferramenta fundamental para frearlle os pés ao UE-Mercosur, un acordo onde non ten cabida a pequena agricultura sostíbel e xusta (…..) e se a Comisión Europea non detén a parte comercial do acordo, seguiremos loitando e mobilizándonos até que se paralice totalmente”.
Galego









Control OJD