A Comisión Europea, a favor de reducir a protección do lobo

A Comisión Europea, a favor de reducir a protección do lobo

Ovella comida polo lobo. / Arquivo.

Este mércores, unha maioría de Estados membros votou a favor de reducir a protección do lobo, que pasaría de estar “estrictamente protexido” a “protexido”. É unha leve variación que, na práctica, permitiría aumentar as accións de caza por danos, para reducir a presión do cánido sobre o gando.

O proceso que se vén de iniciar, coa votación dos representantes permanentes dos Estados en Bruxelas, deberá refrendarse en decembro, cando se reunirá o comité permanente do Convenio de Berna, que é o órgano responsable de xestionar os cambios na lista de especies protexidas. Se a posición do comité permanente é favorable, o cambio de estatus do lobo podería entrar en vigor no 2025.

A nivel europeo, só España e Irlanda votaron en contra de reducir a protección do lobo, polo que espérase a aprobación da medida. Este é un primeiro paso que era defendido tanto polas organizacións agrarias como polas cooperativas e polos Gobernos autonómicos do norte de España (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Castilla y León), onde existe poboación de lobos.

O sector vén advertindo nos últimos anos dun aumento da presión do lobo e dos ataques sobre o gando, malia o aumento das medidas de prevención que se están acometendo (mastíns, peches fixos e móbiles, etc.).

Unha vez que entre en vigor o cambio de estatus do lobo, cunha reducción da súa protección, serán os Estados membros os que decidan en que medida flexibilizan os controis xustificados da especie.

En España, logo de que o lobo se incluíse no Listado de Especies en Protección Especial (Lespre), a súa caza suspendeuse en tódalas comunidades nas que se viñan acometendo controis anuais por danos (Asturias, Cantabria e Castilla y León). Queda por ver como se flexibilizará esa medida, logo de que o Goberno español persista en Europa en opoñerse á modificación do estatus do lobo, co apoio das organizacións ecoloxistas e conservacionistas.

Valoración de Asaga
Desde Galicia, a organización agraria Asaga vén de emitir unha nota de prensa na que indica que Europa avanza na “dirección axeitada, que non é outra que a que levamos defendendo historicamente, a defensa das nosas explotacións, dos nosos gandeiros e do noso xeito de vida no rural”, asegura Francisco Bello, presidente de Asaga Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información