A Comisión Europea aproba flexibilizar as axudas da PAC

Nas axudas directas flexibilízase a aplicación dos ecorreximes e simplifícanse as intervencións sectoriais hortofrutícola e vitivinícola para que a PAC se adapte mellor ás necesidades do sector agrario español

ganderia Cuinha SC (Lugo) paisaxe rural PAC parcelariaA Comisión Europea aprobou a modificación do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) 2023-2027 solicitada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de España, co obxectivo de mellorar a súa aplicación e beneficiar os intereses do sector agrario español. A aprobación está recollida na Decisión de Execución 2023ES06AFSP001 do 14 de agosto.

A modificación é froito do acordo alcanzado entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e as comunidades autónomas tras un proceso de intenso diálogo no que participaron tamén as organizacións profesionais do sector.

As modificacións propostas permiten a introdución de determinadas medidas de simplificación e flexibilidade que completan as medidas xa introducidas o ano pasado e que teñen como obxectivo garantir a óptima execución do plan estratéxico, tanto nas axudas directas como nas medidas de desenvolvemento rural.

Nas modificacións que afectan á aplicación do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (FEAGA) búscanse recoñecer os sistemas agrovoltáicos, flexibilizar a aplicación dos ecorreximes e simplificar as intervencións sectoriais hortofrutícola e vitivinícola.

Modificacións nos ecorreximes

Entre as principais novidades previstas, inclúese o recoñecemento dos sistemas agrovoltaicos como superficies potencialmente admisibles a efectos das axudas da PAC, sempre que se manteña o carácter prioritario da actividade agraria. Esta medida responde á necesidade de fomentar modelos sostibles de produción agrícola e enerxética e ofrece aos agricultores novas oportunidades de diversificación de ingresos sen comprometer o uso agrícola das terras.

Así mesmo, introdúcense dúas modificacións nos ecorreximes para facilitar a aplicación destes. Así, elimínase a esixencia de que a cuberta vexetal nos cultivos leñosos no verán teña que ocupar o 20 % da anchura libre de copa. Tamén se establece unha porcentaxe única do 7 % nos espazos de biodiversidade para as explotacións mixtas, aquelas que contan con polo menos dúas destas tipoloxías: terras de cultivos de regadío, de secaño ou permanentes.

Igualmente introdúcense algúns axustes nos indicadores das intervencións sectoriais de froitas e hortalizas e do viño para mellorar a súa aplicación e a execución orzamentaria.

En canto ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) realízanse algúns axustes na asignación financeira e no deseño e programación de determinadas intervencións.

Para aplicar as modificacións acordadas será necesario introducir cambios nos reais decretos que regulan o sistema de xestión e control das axudas da PAC, a axuda básica á renda, o réxime de penalizacións e as intervencións sectoriais do viño e de froitas e hortalizas para que as medidas poidan entran definitivamente en vigor a partir do 16 de outubro de 2025, para a solicitude das axudas da PAC 2026.

Esta é unha primeira modificación do Plan Estratéxico da PAC e está prevista realizar unha segunda cuxo único obxectivo será integrar aquelas medidas que sigan en marcha dos programas de desenvolvemento rural do anterior período (2014-2022).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información