Comezan os primeiros danos da vespa velutina nos viñedos de Pontevedra

Publicidade
Comezan os primeiros danos da vespa velutina nos viñedos de Pontevedra

Empezan a ser visibles danos pola vespa asiatica. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, publicou este venres o seu boletín fitosanitario no que fai unha actualización do estado sanitario das viñas na provincia e ofrece unha serie de recomendacións. Así está a situación en canto ás principais enfermidades fúnxicas da vide en Galicia:

Botrite:

Grazas ao tempo solleiro e seco desta semana apenas hai síntomas de botrite, a enfermidade que máis sole atacar á uva nas semanas previas á vendima.

“Sabemos que moitas das persoas que teñen viñas xa aplicaron algún tratamento preventivo fronte este patóxeno, e que algunhas das grandes bodegas xa estableceron as datas límite de tratamentos para esta fin de semana ou a próxima. A curto prazo as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas non anuncian choivas e si tempo seco, polo que non se espera un avance na sintomatoloxía existente”, explican os técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Porén, si que xa empezaron a observar danos nos grans dalgunhas zonas debidos á avespa asiática, amais dos que hai ou poida haber máis adiante polas avelaíñas do acio ou outros factores.

Por este motivo, recomendan que se volve haber tempo inestable ata a vendima, “hai funxicidas de curto prazo de seguridade, e mesmo produtos naturais con só tres días, que aínda se poderían aplicar”.

Mildio:

En canto ao mildio, a principal enfermidade fúnxica que afecta aos viñedos en Galicia, a ausencia de precipitacións durante esta semana favoreceu que as capturas de esporas no captador que teñen instalado en plantas testemuña na súa viña de Areeiro (proxecto VITICAST) sufriran un descenso considerable:

AREEIRO ESPORAS

En xeral hai moita vexetación nas viñas este ano, polo que, considerando ademais que as previsións meteorolóxicas anuncian tempo seco, solleiro e ventos de direccións dominantes norte ou nordés, dende a Estación de Areeiro consideran que non é preciso renovar as intervencións contra o mildio “salvo en casos moi puntuais (exceso de manchas novas, pouca densidade foliar ou situacións similares)”.

Oídio:

Por último, no oídio observaron presenza de novos síntomas nos gromos novos das plantas testemuña de case todas as comarcas. Así e todo, aconsellan que “debido a que o fungo xa non pode afectar aos acios (si aos rebuscos), en principio non serán necesarias máis aplicacións fronte a esta enfermidade exceptuando casos excepcionais onde tivera habido unha elevada incidencia do patóxeno e onde sería conveniente valoralo”-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información