Comezan as catas dos queixos e meles de Galicia 2015

Un total de 68 mostras de queixo e 22 de mel compiten desde hoxe nas catas organizadas por Medio Rural cos consellos reguladores

Comezan as catas dos queixos e meles de Galicia 2015

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, inaugurou esta mañá a XVIII Cata dos Queixos e a XIV Cata dos Meles de Galicia. Estes certames, organizados pola Consellería do Medio Rural en colaboración cos consellos reguladores das denominacións de orixe, celébranse hoxe e mañá no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela de Santiago de Compostela.

Esta mañá deu comezo o traballo do panel de cata dos meles e a directora xeral, Belén do Campo, saudou aos catadores e interesouse polo seu traballo de valoración das 22 mostras participantes, das cales 13 corresponden á categoría de multiflorais e 9 á de monoflorais. Ademais, felicitou ao Consello Regulador do Mel de Galicia por ter acadado recentemente a acreditación como entidade certificadora por parte da Entidad Nacional de Acreditación (ENAC). Precisamente, o mel presentado a concurso nesta cata debe pertencer á colleita do ano 2015 e estar previamente certificado e sometido aos controis do Consello Regulador.

O panel deste concurso está integrado por un grupo de catadores especializados na cata dos meles e integrantes do sector hostaleiro ou xornalístico, destacando moitos deles polo seu labor pedagóxico e o seu gran coñecemento da apicultura en Galicia.

Entre os expertos participantes neste certame, en calidade de catadora, destaca a presenza de Eva Arguiñano, coñecida cociñeira e reposteira e cunha gran experiencia na divulgación gastronómica en diferentes medios de comunicación, entre eles Televisión Española, Telecinco ou La Sexta. Estará como catadora de queixos mañá xoves en horario de mañá, acompañada de xornalistas especializados, como Miguel Vila Pernas, os chefs Manel Oliveira Ozores e Lucía Freitas e outros profesionais de recoñecido prestixio nos eidos da restauración, o control de calidade ou a produción de queixos.

Polo que respecta á cata dos queixos, este ano compiten un total de 68 mostras. Delas, 28 corresponden á Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo Tetilla, outras 28 á DOP Arzúa-Ulloa, 9 á DOP San Simón da Costa e 3 á DOP Cebreiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información