Chegan ao mercado as primeiras plantas de oliveiras galegas autóctonas

A empresa ourensá Aceites José Galán, SL empezou a vender as primeiras oliveiras da variedade “brava”, mentres que os de “mansa” comezarán a comercializarse a partir de xullo. Destaca a importancia de apostar por variedades de oliveira autóctonas para diferenciar o aceite galego

Chegan ao mercado as primeiras plantas de oliveiras galegas autóctonas

Plántula de variedade de oliveira galega

A empresa ourensá Aceites José Galán, SL empezou a comercializar as primeiras plantas de oliveiras de variedades autóctonas galegas. En concreto da variedade “brava” e a partir do mes de xullo, da variedade “mansa”. Convértese así na primeira empresa en vender este tipo de variedades autóctonas que, tal como corrobora un recente estudo da Universidade de Vigo, confiren unhas características propias e diferenciadas ao aceite de oliva galego.

As plantas multiplicáronse a partir de oliveiras nai situados en dúas leiras en Montefurado, no Val de Quiroga, unha das poucas comarcas nas que quedan oliveiras centenarias en Galicia. Nestes exemplares a súa idade estimada é de entre 300 e 400 anos. “A partir de aí fomos extraendo material vexetal para envialo ao Banco Mundial de Xermoplasma da Oliveira que está na Universidade de Córdoba, que as identificou e recoñeceunas como dúas variedades autóctonas: a mansa e a brava, entre as ao redor de 800 existentes no mundo”, explica José Galán, xerente de Aceites Jose Galán, SL e socio da  Asociación de Produtores de Aceite e Oliva de Galicia (APAG).

Unha vez identificadas, o seguinte paso que deu esta empresa foi chegar a un acordo cun viveiro para reproducilas in vitro e multiplicalas para a súa venda comercial. En concreto, a variedade brava multiplicouse in vitro mentres que a mansa galega en viveiro por estaquilla.

Comezan comercializando a “brava” e a partir de xullo a “mansa”

José Galán explica que “a brava xa deu os seus primeiros froitos en forma das primeiras 800 oliveiras de 35 centímetros, listas para plantar en fincas de Galicia”. E a partir xullo, esta empresa ourensá conta con ter unhas 5000 oliveiras “mansa2 ao mes que se plantarán en leiras das catro provincias.

O prezo: 5 euros por planta e todas contan co pertinente Certificado de Identificación Varietal.

E é que a picaresca tamén está presente neste sector, con viveiros que venden variedades como autóctonas galegas que en realidade non o son. En concreto, José Galán denuncia a existencia de “un viveiro en Córdoba que vende a variedade de oliveira “A galega”, utilizando incluso a descrición científica das nosas mansa e brava, pero esta variedade non é a de aquí, senón que é unha variedade portuguesa maioritaria no Norte de Portugal, pero que ten como nome oficial A Galega”.

 “É necesario diferenciar o aceite de oliva galego apostando por variedades autóctonas”

En canto á época de plantación, vai de outubro a abril. “O ideal é agora, xa que a terra está húmida e xa empeza a haber calor, o que favorece o enraizamiento da árbore”, asegura José Galán.

Precisamente, a  Asociación de Produtores de Aceite e Oliva de Galicia (APAG) ten previsto organizar ao longo deste ano diversos cursos de olivicultura, para profesionalizar este sector que empeza a despuntar como unha alternativa no agro galego. As súas outras demandas: a creación dunha Denominación de Orixe para o aceite de oliva e a oliva galega, cuxa solicitude se presentou na Xunta neste mes de marzo, e o fomento da plantación de variedades autóctonas galegas como forma de diferenciar o aceite made in Galicia no mercado.

Oliveiras centenarias galegas a partir das que se extraeron as planstas

Una idea sobre “Chegan ao mercado as primeiras plantas de oliveiras galegas autóctonas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información