Nos próximos días comezará a toma de datos para o desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG), unha vez rematou a formación das brigadas que se encargarán das medicións. Así, a semana pasada impartiuse a última sesión, unha xornada práctica sobre o manexo en campo dos aparellos que se usarán para medir.
A formación dos equipos de inventariación levouse a cabo maioritariamente durante os meses de xullo e agosto. Deste xeito, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo impartiron xornadas de teleformación sobre a metodoloxía e os protocolos de captura de información que se deberán aplicar. Para concluír, a pasada semana tivo lugar unha sesión en campo sobre o manexo dos aparellos de medición, desenvolvida nun piñeiral do concello lucense de Rábade.
O proceso de elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia arrincou trala sinatura dun convenio entre a Consellería do Medio Rural, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento desta ferramenta para o seguemento das masas arbóreas presentes na comunidade. Dende entón, celebráronse varias xuntanzas da Comisión Mixta onde se atopan representadas todas as entidades asinantes, remitiuse ás principais organizacións unha enquisa para recoller as súas necesidades e demandas e mesmo se celebrou un obradoiro virtual para poñer os resultados en común.
Unha ferramenta útil na toma de decisións
A Xunta puxo en marcha este proxecto xa que a información continua e precisa sobre o estado dos recursos dos montes é imprescindible para abordar as políticas forestais, non só para responder a problemas específicos senón tamén para valorar o impacto destas políticas no apoio e desenvolvemento dun sector estratéxico e identitario para o rural galego.
Cómpre lembrar que este inventario dá cumprimento a unha das recomendacións do ditame da comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia. Así, sinalábase que era necesario crear un sistema de información e estatística forestal da comunidade, como mecanismo que permitise facer diagnoses adecuadas e tomar decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.