Comeza en Sergude o ciclo de “Técnico Superior en Gandería e Asistencia en Sanidade Animal”

A conselleira do Medio Rural asistiu ao inicio do curso, que ten unha duración de 2.000 horas e no que están matriculados 22 alumnos. Algunhas das saídas laborais son encargado de explotación gandeira, responsable de produción en cooperativas, sociedades ou asociacións gandeiras ou de explotación en empresas gandeiras e axudante de veterinaria en explotacións

Comeza en Sergude o ciclo de “Técnico Superior en Gandería e Asistencia en Sanidade Animal”

A conselleira Ángeles Vázquez inaugurando o curso en Sergude

Este luns abriuse o curso do novo ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal que se imparte no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, O centro, dependente da Consellería de Medio Rural, é o único público en toda Galicia no que se vai impartir o devandito ciclo. Ademais de en Sergude este ciclo tamén se imparte por segundo ano na Escola de Formación Agraria (EFA) de Fonteboa, en  Coristanco.

Neste ciclo formativo están matriculados 22 alumnos, que cubriron o total das prazas ofertadas, existindo, ademais, paridade entre homes e mulleres (11 de cada). Deles, 19 son galegos e tres de fóra da nosa Comunidade.

A duración do ciclo é de 2.000 horas e a competencia que se obtén é para xestionar a produción gandeira, programando e organizando os recursos, aplicando os plans de produción, calidade, sanidade e benestar animal, prevención de riscos laborais e protección ambiental.

Unha vez obtido o título, as saídas laborais máis salientables son encargado de explotación gandeira, responsable de produción en cooperativas, sociedades ou asociacións gandeiras ou de explotación en empresas gandeiras e axudante de veterinaria en explotacións gandeiras.

A Consellería do Medio Rural e a Fundación Rof Codina colaborarán na posta en marcha das prácticas deste novo ciclo formativo. Ambas partes asinarán un convenio polo que esta actividade poderá desenvolverse nas instalacións do Hospital Clínico Veterinario que a fundación sen ánimo de lucro ten en Lugo. Esta fundación ofrece apoio permanente na docencia clínica da Facultade de Veterinaria de Lugo para así favorecer a correspondencia entre o ensino teórico e as ensinanzas en materia clínica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información