Ribadavia conta as horas para o inicio da 63ª Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrará do 1 ao 3 de maio e converterá a vila no epicentro do viño, a gastronomía e a cultura galega durante toda a fin de semana.
A inauguración oficial tivo lugar este venres ás 12:00 horas no recinto da Alameda, tras a recepción de autoridades, e contou co pregón de Xosé Carlos Sierra, figura clave na divulgación do patrimonio vitivinícola galego.
29 adegas e unha ampla oferta enoturística
A feira reunirá a 29 adegas e colleiteiros da Denominación de Orixe Ribeiro, ofrecendo ao público unha ampla mostra da calidade e diversidade dos viños da comarca.
Durante as tres xornadas, os asistentes poderán participar na cata popular, asistir a catas comentadas, desfrutar de obradoiros de cociña con profesionais de prestixio e gozar de actuacións musicais en directo.
Entre os nomes destacados figuran a sumiller Marta Cortizas, vinculada a El Celler de Can Roca e recoñecida como mellor catadora de España e da Península Ibérica en 2025, ou a chef Iria Espinosa, do restaurante Árbore da Veira (1 Estrela Michelin), que achegarán a súa experiencia e coñecemento ao público asistente.
A artesanía gaña protagonismo
Como novidade desta edición, a Praza Maior acollerá a Feira de Artesanía de Galicia, no marco do programa Vilas Vivas, incorporando novas propostas creativas ao evento.
Nesta edición participarán 16 artesáns e artesás chegados de distintos puntos de Galicia: Anabelenjarrín, Dona Formiguinha, El taller muy secreto, Enxógate, Hana no Boshi, J. Eiroa Forxa, Liño e Lá, Mar.e.arte, María Monsalve, Montse Betanzos, Moura, Roberto Buchanan, Silvereira, Troula Instrumentos, Vacatola e Zimzelatum.
Dentro desta, participarán tres creadores de gran prestixio e pertencentes a distintas disciplinas:
- Coiro Tres Pés, con pezas contemporáneas en coiro que combinan deseño e tradición
- Pal.lium, proxecto téxtil que reinterpreta a tradición galega con fibras naturais
- Susana Anta, cunha proposta cerámica recoñecida pola súa presenza en espazos gastronómicos de alto nivel
Unha feira máis accesible e aberta
A organización reforza tamén nesta edición o seu compromiso coa accesibilidade, incorporando interpretación en lingua de signos en distintas actividades, co obxectivo de facilitar a participación de todos os públicos.

Unha fin de semana para vivir o Ribeiro
A Feira do Viño do Ribeiro volverá ofrecer unha experiencia completa arredor do viño, combinando degustacións, gastronomía, música e patrimonio nun entorno único como é a vila de Ribadavia.
Desde a organización animan a veciños e visitantes a achegarse durante toda a fin de semana para desfrutar dunha cita que, tras máis de seis décadas de historia, segue a medrar e innovar sen perder a súa esencia.
Galego









Control OJD