Comeza en Ourense a Semana Vitivinícola de Galicia cun amplo programa de actividades

Publicidade
Comeza en Ourense a Semana Vitivinícola de Galicia cun amplo programa de actividades

Viñedos na D.O. Ribeiro

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), xunto coa Deputación Provincial de Ourense organizan, entre os días dende este mércores e ata o venres a III SEMANA VITIVINÍCOLA DE GALICIA na cidade de Ourense.

Trátase dun gran evento vitivinícola que combinará actividades técnicas (que requiren inscrición previa) con outras de carácter divulgativo e, polo tanto, de interese para o público en xeral (con entrada libre).

No mesmo colaboran o Concello de Ourense, o Concello de Celanova, a Fundación Juana de Vega e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Programa de actividades:

XORNADA TÉCNICA: O RURAL OURENSÁN: UN MUNDO DE CALIDADE. RETOS E OPORTUNIDADES

Data: 5 de xuño de 2019
Lugar: Sala dos Arcos. Casa do Concello de Celanova, en xornada de mañá.

Horario: de 9:00 a 14:00

Obxectivos: Achegarnos un pouco máis á realidade do rural ourensán así como coñecer máis de preto as nosas potencialidades dende o punto de vista do tecido agroalimentario.

TALLER PRÁCTICO: AS FERRAMENTAS PARA A COMUNICACIÓN DIXITAL

Data: 7 de xuño de 2019
Lugar: Centro tecnolóxico La Molinera (Rúa do Abrevadeiro, nº 1 – Ourense)

Horario: de 9:00 a 14:00

Obxectivos: Coñecer as vantaxes do uso das TIC´s e as súas aplicación ao márketing dixital. Aprender a elaborar contidos con textos e imaxes para mellorar o posicionamento nas redes

As prazas dispoñibles son 20. O prazo de inscrición rematará o día 5 de xuño agás que se esgoten antes as prazas.

MESA-FALADOIRO: AS MULLERES DO VIÑO: EXPERIENCIAS GALEGAS

Mércores, 5 de xuño de 2019
De 19:30 a 21:30 horas
Lugar: Salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel

Entrada libre (máximo 100 prazas)

Presentación da actividade: Susana López Abella. Secretaria Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

As mulleres do viño. Experiencias galegas
Relatoras: Xulia Mar Bande Pivida. Adega Xulia Mar Bande Pivida.
Mónica Albor López. Adega Mónica Albor López.
Iria Otero Mazoy. Adega Iria Otero Mazoy

Cata comentada de viños das adegas participantes.

MESA-FALADOIRO: OS ESCUMOSOS GALEGOS. EXPERIENCIAS E INNOVACIÓNS

Xoves, 6 de xuño de 2019
De 19:30 a 21:30 horas
Lugar: Salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel

Entrada libre (máximo 100 prazas)

Presentación da actividade: Rosendo Luis Fernández Fernández. Vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense.

Os escumosos galegos: experiencias e innovacións
Relatores: Manuel Castro González. Adega Viña Costeira.
Rogelio Moral Calvo. Adega Roandi S. L.
José Simón Ferro. Adega As Laxas S. A.

Cata comentada de escumosos das adegas participantes

MESA-FALADOIRO: O TOSTADO DO RIBEIRO. EXPERIENCIAS E INNOVACIÓNS

Venres, 7 de xuño de 2019
De 19:30 a 21:30 horas
Lugar: Salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel

Entrada libre (máximo 100 prazas)

Presentación da actividade: Juan Manuel Casares Gándara. Presidente do CRDO Ribeiro.

O Tostado do Ribeiro. experiencias e innovacións
Relatores: Antonio Míguez Amil. Adega Bernardo Estévez Villar.
Marcos C. Souto. Adegas Campante S. A.
Ramón Álvarez Bueno. Adega Cooperativa San Roque “Terra do Castelo”.

Cata comentada de Tostados das adegas participantes

A Evega é a primeira estación de viticultura de España en reducir a súa pegada de carbono

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural, vén de reducir a súa pegada de carbono tal e como acredita a comunicación oficial da Oficina Española del Cambio Climático (OECC), organismo adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Así o anunciou esta tarde o titular de Medio Rural, José González, durante a inauguración da III Semana Vitivinícola de Galicia que organiza a consellería dende hoxe e ata o venres en Ourense. Nesta presentación tamén participaron o director da Agacal, Manuel Rodríguez, e o seu homólogo na Evega, Juan Casares.

Nesta liña, o conselleiro sinalou que a Evega é o primeiro centro enolóxico estatal que consegue este certificado, converténdose así en pioneiro en materia de compromiso co medio ambiente e seguindo a liña da Consellería do Medio Rural, que ten como prioridade o desenvolvemento sustentable do rural galego.

Así, José González lembrou que a Estación Vitivinícola de Galicia xa fora o primeiro centro español das súas características en calcular e rexistrar a pegada de carbono derivada do seu funcionamento cotiá e en elaborar un plan de redución das súas emisións. Daquela, a Evega comprometérase a implementar todas as medidas encamiñadas a diminuír as súas emisións de CO2 cun plan que contemplaba a redución nun 3% en tres anos. Ao fío disto, o conselleiro explicou que a concesión deste segundo selo polo Ministerio acredita o cumprimento dese compromiso adquirido co medio ambiente e convértese, unha vez máis, nun organismo de referencia para a viticultura galega.

Como unha mostra máis do seu compromiso ambiental, trasladou o titular de Medio Rural, o centro tamén calcula todos os anos a pegada de carbono do viño institucional que elabora, tanto branco coma tinto, e do que este ano será a cuarta colleita. Neste caso, recordou que as pegadas de carbono obtidas son baixas e van consignadas na contraetiqueta das botellas. Isto é debido ás especiais características do proceso produtivo: produción moi controlada, adega preto do viñedo e maquinaria eficiente.

A pegada de carbono é un indicador medioambiental que expresa a cantidade de gases con efecto invernadoiro emitidos á atmosfera por mor da fabricación dun produto ou derivado do funcionamento dunha organización.

Novas medidas para reducir máis a pegada de carbono

Ademais, o conselleiro trasladou que a Evega ten proxectado desenvolver un plan de actuación ambiental baseado en dous piares, un para seguir optimizando os recursos de xeito sustentable para poder reducir aínda máis o valor desa pegada de carbono e outro para tentar conseguir o terceiro selo da OECC que acredite unha compensación das súas emisións.

A maiores, durante a súa intervención, o conselleiro do Medio Rural definiu o sector do viño como “un dos grandes coexionadores do rural galego”, xa que é un elemento dinamizador para o interior da nosa comunidade. Neste aspecto, José Gonzalez lembrou que en Galicia hai 9.000 hectáreas de viñedo que producen uns 60 millóns de quilogramos de uva anuais, grazas aos case 15.000 viticultores e 400 adegas que hai no territorio.

Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que o mundo do viño conecta con outros sectores como é o do turismo ou incluso o do patrimonio natural e cultural para facer que grandes áreas do interior galego sexan un motor de emprego e emprendemento, “de aí que vaiamos poñer en marcha o Plan estratéxico de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño de Galicia”, dixo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información