A concelleira da área de Participación e Servizos á veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López, informou dos resultados da primeira semana da campaña “O noso mercado é un agasallo”, coa que desde a área de Participación se pretende promocionar o comercio local e de proximidade nunha ubicación tan emblemática do centro de Lugo como a Praza de Abastos e o Mercado Municipal.
“No primeiro día de promoción, este pasado sábado, máis de 400 canxearon os seus comprobantes de compra por un agasallo”, explicou Cristina López, que engadiu “a mañá deste sábado os postos da Praza e do Mercado facturaron máis de 16.000€ só en compras superiores a 40€”.
Agasallos durante todos os sábados de decembro e o 2 de xaneiro
A área de Participación agasallará distintos produtos durante todos os sábados do mes de decembro, xunto co sábado 2 de xaneiro do 2021. Entre estes produtos atópanse bolsas reutilizábeis serigrafiadas cos cadros gañadores do certame de Pintura Rápida, calendarios do ano 2021 con fotos históricas da Praza e o Mercado, e material promocional da Praza de Abastos e do Mercado Municipal.