Comercializar os produtos do agro en circuitos curtos: claves para avanzar nunha alimentación sustentable

O proxecto Food Improviders realizou un evento multiplicador o pasado mércores en Oleiros (A Coruña) no que se achegaron diferentes rutas para acadar a sustentabilidade na agricultura, así como para conseguir que o sector produtor obteña maiores beneficios. A cooperación xoga un papel fundamental no proceso

Food Improviders é un proxecto europeo que trata de achegarlle aos produtores coñecemento e competencias acerca de modelos máis sustentables na cadea alimentaria, e que así mesmo lles sirvan para mellorar os seus ingresos e ter unha valoración cada vez máis positiva do consumidor final. Por iso, entre os seus obxectivos están a investigación das prácticas innovadoras da cadea de abastecemento de alimentos para dar máis forza aos produtores na cadea alimentaria, ou promover o contido elaborado para estimular a aceptación de modelos máis innovadores.

A Fundación Juana de Vega colabora con esta iniciativa, enmarcada na convocatoria do proxecto europeo Erasmus +, e será a coordinadora do paquete de traballo 4 onde se leva a cabo a avaliación dos produtos pedagóxicos deseñados e testados, e do que se extraen un conxunto de boas prácticas. Ademais, a entidade tamén participa na xestión e difusión do proxecto mediante un evento multiplicador de difusión local. Este evento celebrouse o pasado mércores 10 de maio na sede da Fundación, e centrouse na comercialización de produtos en circuitos curtos.

A sustentabilidade como base dos sistemas alimentarios

Un dos avances plantexados para afrontar o cambio climático desde a alimentación, e en concreto desde a cadea agroalimentaria, é a comercialización de alimentos en circuitos curtos. “Afortudamente, temos moitas ferramentas para reducir o efecto do cambio climático desde o sector, tales como o secuestro de carbono ata a reducción do mesmo a través do consumo de productos de quilómetro 0, etc.”, sinala a responsable do Programa de Alimentación Sostible da Fundación Daniel y Nina Carasso, Eva Torremocha.

Deste xeito, resiliencia e sustentabilidade tórnanse en dous conceptos clave á hora de profundizar sobre os cambios que require a esixencia climática. Por este motivo, unha posible estratexia é “a teoría do cambio, pola cal, hai un reto no que as empresas e administracións que controlan as palancas de cambio a gran escala teñen unha visión reduccionista da alimentación, e ao respecto, a hipótese da que partimos é que a alimentación sostible, pola súa dimensión sistémica, permite traballar simultáneamente con numerosos actores”, propón a responsable da Fundación Daniel y Nina Carasso.

Nesta proposta, “as persoas deben estar no centro e ser o motor dos cambios, e ademáis hai que acompañar aos axentes económicos, sociais e políticos na súa transición. A escoita e o diálogo son fundamentais neste entramado para acelerar o cambio cara sistemas de alimentación sostibles”, amplía Eva Torremocha. Da mesma maneira, “no proceso cómpre utilizar a innovación como punto de partida, e articulala co mundo académico, con procesos multiplicadores, e cunha diversidade de ámbitos e territorios para confluir en estratexias de amplio impacto”, engade.

“A innovación debe ser o punto de partida, articulada co mundo académico, con procesos multiplicadores, e cunha diversidade territorial” (Eva Torremocha)

Polo tanto, o primeiro dos elementos clave é a innovación social, entendida como un punto de partida que nos permita detectar, identificar e dar a coñecer iniciativas interesantes a pequena escala, e darlle unha maior trascendencia. “Hai que ter en conta que non todo o que innovación social é sostible, por iso é importante conectar co mundo académico, para obter datos, corrixir elementos negativos do cambio, etc.”, afirma Torremocha. Unha vez superados estes dous chanzos, e unha vez se demostra que esa iniciativa é sostible, é o momento de darlle trascendencia e ampliar horizontes territoriais.

Experiencias en marcha a nivel nacional 

Horta Cuina e Ekoalde son dúas iniciativas que se desenvolven en dous puntos de España, e que levan a comercialización en circuitos curtos ao contexto territorial do que forman parte. Entre elas hai algo en común: pequenos e medianos produtores locais están en contacto directo con clientes potenciais que aseguran a compra do total da produción anual -acorde á temporalidade dos produtos- como comedores escolares ou centros de restauración colectiva. Nestes dous casos, un dos elos que interconecta aos diferentes axentes son os centros de acopio, isto é, locais onde se depositan os produtos, se preparan e se empaquetan para a súa distribución entre os lugares conveniados.

O primeiro dos programas mencionados é Horta Cuina, un proxecto dirixido a facilitar a conexión entre produción local das comarcas da Horta de Valencia e as comarcas lindeiras dentro da Comunitat Valencià e a canle de restauración colectiva. “Levamos un ano e medio, e en concreto, nós traballamos cos comedores escolares, e englobamos a 19 produtores que están organizados en torno a unha rede de produtores concentrada no centro de acopio Ecotira”, explica o Técnico de Dinamización Local do Centro de Estudos Rurais e Agricultura Internacional (CERAI), Pedro Lloret.

“É máis fácil acceder á restauración colectiva escolar de forma conxunta que por separado” (Pedro Lloret)

Co percorrido que levan feito ata o de agora, ¿qué claves sinalan? Destacan tres: “A primeira reflexión é que é máis fácil acceder á restauración colectiva escolar de forma conxunta que por separado. En xeral o que nos dín as escolas e as empresas de restauración colectiva é que precisan diversidade de produto pero tamén queren facilidades, como unha facturación conxunta, unha compra conxunta, etc.”, adianta o técnico de CERAI.

“O punto de partida dous sería o ámbito da profesionalización. Cada produtor ten o seu modelo, as súas condicións, pero a canle da restauración colectiva esixe un grao de profesionalización importante, tanto a nivel de calidades, capacidade de planificar con outros produtores de todo o que é o sistema de produción e loxística, etc. E a outra recomendación sería ter paciencia porque para xuntarse con outras persoas, sexan produtores ou non, hai que ter paciencia e construir un modelo que se adapte ás súas necesidades”, continúa.

Un caso similar atópase en Navarra, a través de Ekoalde. Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro que crearon produtores e elaboradores ecolóxicos de Navarra. “Na actualidade son 66 asociados, e dedicámonos a distribuir, comercializar, e somos un centro de acopio que axuda aos produtores a facer a comercialización e distribución de forma conxunta”, sinala o coordinador da asociación, Jon Garai.

“A orixe de Ekoalde está nesa necesidade: os produtores son conscientes de que se se queren dedicar principalmente ao traballo de producir necesitan estructuras e ferramentas para distribuír, e chegar a canles que, por si, sós non poderían chegar. Entón a idea base é esa, mellorar, chegar a máis canles e sobre todo chegar a unha canle tan importante como é restauración colectiva: comedores de hospitais, escolas e demáis, que cada un deles de xeito particular é imposible facelo”, aconsella Jon Garai. 

Cómo a tecnoloxía pode axudar a acadar a sustentabilidade na cadea?

No transcurso do evento multiplicador organizado pola Fundación Juana de Vega interviron outras entidades que apoian a transformación dixital das canles curtas de comercialización, como é o caso de Plant on Demand, unha corporación que procura achegar a tecnoloxía a esas canles e “así axudarlles aos produtores a asentarse no mercado como modelos competitivos que podan ser alternativas reais a outros modelos de distribución e comercialización”, comenta o cofundador de Plant on Demand, Alejandro Wonenburger.

“Eu creo que en primeiro lugar, a nivel de proceso operativo sinxelo do día a día, a tecnoloxía ten que facilitarlle o traballo a todas as partes implicadas na cadea de valor, desde a produción ao consumo, pasando pola loxísitica e a distribución. Creo que ten haber un asesoramento e unha actividade formativa in situ, no desenvolvemento da rutina que permita que os proxectos vaian medrando. Ao final, se a dixitalización impulsa a túa competitividade, probablemente cambie formas de traballar, e cando cambie formas de traballar aparezan novas necesidades de dixitalización, porque a dixitalización vai moi vencellada aos procesos”, sinala.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información