A comarca da Limia aposta polo cultivo de millo

A investigación conxunta do Centro Tecnolóxico da Carne e dos Almacéns Gamallo centrouse no estudo da implementación de técnicas de cultivo de millo en gran. Motivados por romper o bicultivo de pataca e trigo que caracteriza a zona, os resultados permitiron a introdución de novas variedades, diferentes ás xa traballadas de millo forraxeiro

A comarca da Limia aposta polo cultivo de millo

A entrada do millo na Limia supón unha ampliación dos cultivos de rotación

A maior parte do cultivo de millo existente na Limia era forraxeiro, e tiña unha presencia minoritaria con respecto ao bicultivo de pataca e trigo. A necesidade romper a dependencia destas colleitas tradicionais motivou ao CTC de San Cibrao das Viñas, e a empresa Almacéns Gamallo de Xinzo de Limia, a investigar a implantación de millo en gran na comarca. A partir de varios ensaios, chegouse a uns resultados positivos para a aplicación en determinados terreos, introducindo amplamente o millo nos ciclos de rotación de cultivo.

Proceso de implantación

O proxecto piloto ‘Implementación das técnicas de cultivo de millo en gran na comarca da Limia’, financiado con fondos Feader, supuxo a aposta por algo diferente nunha superficie tradicionalmente recoñecida polo cultivo de pataca e trigo. “Tamén había algún millo para uso forraxeiro, pero o novidoso era a súa introdución para o aproveitamento en grao”, afirma Lucio García, investigador e responsable do departamento de producións agroalimentarias, medio ambiente e territorio do CTC.

“A motivación para levar a cabo esta iniciativa veu a raíz de informarnos moito, e de informar aos agricultores a partir de visitas ás sedes principais das empresas que manexan este tipo de cultivo”, especifica Érica Pazos, representante de Almacéns Gamallo e colaboradora do proxecto.

Ademais, “os agricultores non querían depender do bicultivo de trigo e pataca -o trigo cuns rendementos escasos, e a pataca con riscos de produtividade-; polo que, isto, xunto ao pago verde e cuestións medioambientais da PAC, entre outras, levou a investigar a introdución do millo como terceiro cultivo”, explica Lucio García.

A pesar de que existiron outros proxectos de implementación frutífera, relacionados co cultivo da colza e do chícharo proteaxinoso, “outro dos estudos pendentes era o do millo en gran, o cal supoñía un reto porque a Limia caracterízase por ter unha capa freática bastante alta, e cando chegan as choivas hai que ter moi a punto os ciclos para poder chegalo a colleitar efectivamente con máquina”, comenta o investigador do CTC.

Ao longo do proxecto, que durou tres anos, conseguiuse adaptar o cultivo a partir de diferentes ensaios. “O primeiro ano sementáronse unhas 150 hectáreas de agricultores de diferentes zonas para ver en que terreos non era viable; observouse que naqueles terreos fondos, con sementeiras tardías, corrían alto risco de ter que quedar todo o inverno, e ter que colleitalo en marzo principalmente, cuestión que daba lugar a perdas”, especifica García.

“Outras das caracterizacións desfavorables na Limia é que os seus solos son areosos, e se o millo ten que pasar o inverno no campo, as cañas túmbanse e dobran, con perdas por xerminado do grao”, comenta.

Os ensaios partiron da caracterización daqueles terreos que servían para a colleita de millo e dos que non

No segundo ano fixéronse ensaios de variedades por ciclos “probándoo de todo o rango, desde aqueles moi curtos de 200, aproximadamente, a outros verdadeiramente longos, de 700 ou 800”, amplía o responsable de producións agroalimentarias do CTC. Os resultados observados, naqueles terreos apropiados para o cultivo, foron que “os ciclos de 350 aproximadamente eran os adecuados, xa que cumpren o período e teñen uns rendementos competitivos, de acordo con zonas similares, como o Páramo de León”, aporta Lucio García.

Nos mesmos ensaios tamén se probaron técnicas de laboreo e abonado, coa aplicación de fertilizantes orgánicos e de nitroxenados en coberteira. Ademais, puxéronse a punto os herbicidas que se debían utilizar, determinando as cantidades; ao respecto rexistrouse unha maior efectividade dos herbicidas post-emerxencia, dado o alto nivel de materia orgánica no chan.

Imaxe da extracción dunha mostra nun campo de ensaio

Imaxe da extracción dunha mostra nun campo de ensaio

Por outro lado, “observouse que era moi acertado facer un ‘acabalonado’, isto é, un ‘apolcado’ da planta co que se loita moito contras as malas herbas”, detalla o investigador. En paralelo, tamén se traballou coa rega para “saber un pouco a auga que era necesaria, e ter unha folla de costes da produción”, amplía. Neste sentido, os litros de auga necesarios dependen do ano, pero unha estimación media é de 2250m3/ha, aproximadamente.

O ‘acabalonado’ mantivo o millo máis suxeito á terra e evitou a proliferación de moitas malas herbas, principalmente de enredadeiras (Lucio García)

Resultados e produtividade

Unha vez feito un balance final a partir dos ensaios “viuse que o millo podería ser unha alternativa de cultivo moi adecuada para introducir detrás da pataca”, sintetiza Lucio García. Desta maneira, o millo foise introducindo na comarca da Limia, naquelas partes onde resultaba viable a súa colleita.

Ao respecto, Almacéns Gamallo centrouse na intermediaciación cos agricultores e no seu contacto, na selección de sementes para cultivo, e na preparación dos terreos para os ensaios. Hoxe en día, esta entidade encárgase da recollida de case a totalidade de millo na comarca, para o seu secado e posterior comercialización. A aceptación por parte dos agricultores “foi positiva, o que da lugar a bos resultados”, comenta Érica Pazos.

Exemplo de variedade de millo utilizado nun ensaio

Exemplo de variedade de millo utilizado nun ensaio

Entre as vantaxes que sinala Pazos está “a calidade do millo de colleita propia da zona, xunto con unha produtividade dunhas 14 ou 15 toneladas por hectárea, dependendo do ano”. A pesar de que os rendementos son altos, existen certas dificultades, como foi o clima no último ano. Outra delas pode ser “a humidade do millo na colleita, posto que cando completou o ciclo para a súa recollida, ten exceso de auga, en torno a un 21%, e hai que secalo ata baixalo ao 14% que é o óptimo para o seu uso”, detalla Pazos.

Aínda que “os problemas de regadío na Limia supoñen limitacións para o millo porque non se pode aplicar o caudal que optimizaría os resultados, é un cultivo que se vai quedar, pero non vai ser o único, vai seguir probándose con outros e vendo a súa viabilidade de introdución”, recalca Érica Pazos.

O destino principal da produción actual é a alimentación animal, isto é, o uso de millo en gran ou triturado para a inclusión de mestura con outros produtos. Igualmente, ao longo da investigación realizáronse outras propostas de colleita como o millo para palomitas, con resultados bos, excepto por certos matices de dureza relativos ao tamaño do grao.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información