A colza, un cultivo que agroma en Galicia

As vantaxes da rotación de cultivos e a alta porcentaxe de proteína para a elaboración de pensos, entre as claves que explican o crecemento desta produción

Publicidade
A colza, un cultivo que agroma en Galicia

No ano 2019, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación reportou que en España houbo arredor de 70.000 hectáreas adicadas á produción de colza. A maior parte desta superficie agrícola correspondía a Castela e León, con 25.000 desas hectáreas, seguida de preto por Andalucía con case 20.000 e Castela a Mancha tamén orlando esas cifras. Se ben é certo que dende 2016 hai unha tendencia á baixa no conxunto do Estado —relacionada, principalmente, coa redución das expectativas do biodiésel—, agora, algúns agricultores galegos estanse a introducir no cultivo desta oleaxinosa polos beneficios que ten na rotación e no control de malas herbas.

En Europa, dentro das sementes oleaxinosas, o cultivo da colza é un dos máis presentes. Por riba incluso do xirasol e da soia

<<Sen ningunha dúbida, fóra de España é un cultivo moi importante. Aquí, en troques, é ao revés, predomina o xirasol e logo, en moita menor medida o de colza. A soia ten un papel testemuñal.>>, explica José Ramón Gallego, enxeñeiro agrónomo de Basf e especialista na implantación deste cultivo en Galicia.

Máis alá de que no imaxinario social da sociedade española haxa certo rexeitamento ao aceite de colza pola intoxicación masiva de aceite desnaturalizado nos anos oitenta, desta volta, a colza estase comezando a cultivar como gran para producir pensos cunha alta porcentaxe de proteína, así como pola súa influencia positiva na rotación de cultivos.

 En Galicia, contamos que hai algo menos de 300 hectáreas cultivadas con colza

<<Malia que en Galicia no 2019 non hai reflectido oficialmente ningún cultivo, a día de hoxe, nós contamos na zona da Limia con preto de 200 hectáreas de cultivo de colza para gran. Ademais, hai algunha pequena explotación na zona da Coruña na que aínda non temos nin vinte hectáreas. En total, contamos que hai algo menos de 300 hectáreas en total en Galicia>>, concreta José Ramón.

Semente de colza xerminada

Semente de colza xerminada

A colza na rotación de cultivos

<<A colza ten unha importancia maiúscula na rotación dos cultivos cerealeiros. De feito, por iso está a triunfar tanto en Castela e León, Castela a Mancha e Andalucía, que son agricultores principalmente cerealeiros e que utilizan este cultivo por tódalas súas vantaxes agronómicas>>, especifica José Ramón.

Unha das características principais desta crucífera é que ao ter un sistema radicular pivotante, conta con grandes capacidades para desfacer ben o solo e facilitar a formación adecuada da súa estrutura. <<Ademais, estanos axudando a evitar o abuso de herbicidas sobre certas malas herbas que teñen complexidade á hora do control, como poden ser as gramíneas. Deste xeito, sérvenos para limpar certos tipos de bancos de terra sen abusar de químicos>>, explica Francisco Rodríguez, agricultor da Limia que comezou o pasado setembro a cultivar colza.

Logo de moitos anos con cultivos exclusivamente cerealeiros de trigo e cebada, as malas herbas das explotacións de Francisco xeraron tales resistencias aos herbicidas que agora son <<practicamente incontrolables>> e por iso estase a meter de cheo na introdución da colza nas súas rotacións.

Os técnicos estiman que un cereal plantado logo dun cultivo de colza pode chegar a incrementar a súa produción nun 10%

Ademais, neste cultivo existe outro factor clave que é a influencia na colleita do seguinte cultivo de cereal. Segundo os datos de Basf, recollidos noutras experiencias da península, <<estímase que un cereal plantado logo da colza pode chegar a incrementar a súa produción ata un 10%. Moito máis que se plantamos consecutivamente cereal sobre cereal>>, concreta José Ramón Gallego.

<<Tamén ten un excelente barbeito. Bótase en setembro e recóllese entre xuño e xullo, dependendo da climatoloxía da zona. Polo tanto tes cuberto o solo durante todo o ano e, deste xeito, estás fixando dunha maneira moi eficiente os nutrientes ao solo>>, engade.

Cultivo de colza en fase intermedia

Cultivo de colza en fase intermedia

A colza en Galicia

A colza, igual que outras crucíferas como o grelo ou o nabo, dáse moi ben en certas zonas de Galicia. Mais ten un handicap debido aos sistemas de produción galegos. <<Moitas gandarías pregúntanme polo cultivo para forraxe, pero aínda non temos a experiencia suficiente como para realizar un ensilado eficiente>>, explica Gonzalo Peláez, técnico agrónomo de Fitoagraria, unha das empresas que está a asesorar aos agricultores da zona da Limia.

En realidade, a colza para o sector gandeiro vai vir pola vía forraxe. Aquí o gandeiro é máis gandeiro que agricultor

<<A maioría dos profesionais adoitan centrar máis o cultivo en millo forraxeiro e herba. Entón, para ter que meter colza e sacarlle beneficio como gran, tería que ocupar parte desa superficie e renunciar ao millo e á pradeira en rotación e a maioría non están dispostos>>, afonda o enxeñeiro de Basf.

A colza, unha alternativa de proteína para o gando fronte á soia

<<Este tipo de cultivo de gran é para un agricultor tipo cerealeiro. Polo de agora só na Limia están acostumados a rotar pataca e cereal, polo tanto é un dos poucos lugares de Galicia nos que está a entrar como parte da rotación>>, conclúe.

Cultivo de colza avanzado

Cultivo de colza avanzado

Claves para ter éxito no cultivo da colza

Un dos puntos clave para ter éxito no cultivo da colza é a sementeira. Tanto enxeñeiros, como técnicos e agricultores están de acordo en que o factor máis importante a ter en conta é facer a sementeira antes das primeiras chuvias de setembro. Máis ou menos nos derradeiros días de verán.

<<Como a semente é moi pequena, ten moi pouco poder de xerminación. Entón hai que soterrala a non máis de un ou dous centímetros do chan. Dun xeito moi superficial, non coma o millo que o podes meter máis fondo. Esta semente é máis coma o nabo ou o grelo. Se a soterras demasiado, vaille custar saír e pode, incluso, frustrarse>>, especifica José Ramón.

Se se ten unha boa labranza e se aproveitan as chuvias de setembro, o cultivo vai ter altas probabilidades de éxito

Outro punto fundamental a ter en conta é que a colza non soporta solos encharcados nin apelmazados. Precisa un chan con certa aireación que non estea agrupado en terróns. <<Se se ten unha boa labranza e se aproveitan as chuvias de setembro, o cultivo vai ter altas probabilidades de éxito>>, augura Gonzalo, técnico especialista de Fitoagraria.

<<Necesitamos que, logo da xerminación, haxa un estado fenolóxico que se denomina como roseta. Se antes do período de frío chega a este estado, a colza é un cultivo que consegue adaptarse a climas bastante fríos como pode ser o do interior de Ourense. De feito, incluso no seu ciclo, necesitaría deste frío para se desenvolver adecuadamente>>, explica o enxeñeiro de Basf.

Se botas a colza en outubro ou novembro é moi pouco probable que o cultivo aguante a chegada do frío

Este foi un dos problemas máis graves aos que se enfrontaron os primeiros agricultores ourensáns: <<Se botas a colza en outubro ou novembro é moi pouco probable que o cultivo aguante a chegada do frío. Unha pequena xeada podería matalo. Ademais, isto non é algo teórico, xa o observamos empiricamente con algúns agricultores que se desviaron moito da sementeira e non tiveron éxito. É un tema de manexo agronómico que a xente, aos poucos, irá aprendendo e corrixindo>>, conclúe Jose Ramón.

Por último, outro aspecto bastante importante, nas primeiras semanas de xerminación e crecemento é necesario controlar as malas herbas para evitar que compitan coa colza. Así e todo, este problema é menor e só acontece ao comezo do cultivo, xa que, máis adiante, cando a planta xa ten algo de porte comeza a afogar ás súas competidoras. Polo tanto, débese calcular unha boa colocación na sementeira.

Vaina de colza

Sílicua de colza

Pragas e enfermidades perigosas

En canto ás pestes, existe unha moi concreta que, dende logo, é a máis perigosa, xa que ataca ás follas facéndolle pequenas perforacións. Chámase vulgarmente pulguiña (Epitrix argentinensis) e é relativamente doado tratala con solucións fitosanitarias, mais cunha previa e profunda análise do cultivo afectado.

Dende BASF tamén reportan novos problemas que, loxicamente, irán aparecendo con máis forza a medida que se amplíen as superficies: <<Agora estamos a constatar outras pestes que se meten dentro da flor e poden producir algúns abortos, pero tamén teñen un arranxo sinxelo con produtos fitosanitarios. Outras veces, tamén estamos a atopar certos pulgóns. É dicir, teñen certa propensión a algunhas pestes, pero dependen moito —como en case tódolos cultivos— da climatoloxía>>.

Cultivo de colza en estado avanzado

Cultivo de colza en estado avanzado

Á hora da colleita

No tempo da colleita é importante que os agricultores traballen con variedades que aguanten o gran na planta e que non encamen. Se a planta é débil en canto a nutrición, ou ten algunha enfermidade como a Phoma (pé negro) que lle ataque ao talo, pode truncar a súa capacidade de elasticidade e romper. <<Acontece como cando tes un trigo do país de porte moi alto, ven algo de choiva e o tomba. No caso da colza, a solución pasa por escoller variedades que sexan resistentes ao encamado e, por suposto, controlar tódalas pestes que lle atacan>>, explica José Ramón.

Tanto na sementeira como na colleita, toda a maquinaria agraria usada para os cereais é válida. Unicamente hai que lle cambiar pequenos elementos do sistema de criba e algúns detalles na potencia do ventilador para evitar que sopren os grans.

Xa existe algunha empresa nos Estados Unidos que no canto de deixala madurar na planta, córtana un pouco antes e fan un secado previo no chan

<<Xa hai algunha empresa máis avanzada nos Estados Unidos que no canto de deixala madurar na planta, córtana un pouco antes e fan un secado previo no chan e logo xa a recollen coa mesma máquina do cereal. Deste xeito, conseguen que a sílicua, que é a vaina onde está o gran, non perda moito gran>>, engade o enxeñeiro de BASF.

20210427_192708

Previsión de crecemento en Galicia

Aínda que apenas hai datos oficiais das producións de colza en Galicia, tanto dende BASF como dende Fitoagraria téñeno claro: <<En Xinzo de Limia temos constancia de que, logo da boa experiencia dos agricultores, incluso podería chegarse a triplicar a produción. Os agricultores non estaban confiados ao cen por cen no sistema, porque nalgún caso houbo algunha mala experiencia coa xerminación, pero imos mellorando e aprendendo. Vaise aumentar a produción seguro, pero nas zonas de cereais>>, conclúen.

O prezo está arredor dos 33 céntimos, pero chegou a estar a 40. Mentres que o trigo está entre os 18 e 20

A colza que se produce en Xinzo está adicada, case integramente, á fabricación de pensos: <<Vendémolo case todo a gandeiros da contorna porque, ata o momento, a produción é modesta e pódena absorber os gandeiros de aquí. É un cultivo con moita proteína e, ademais, para o agricultor ten moito máis beneficio económico. Estano pagando moito mellor que o trigo ou a cebada. O prezo está arredor dos 33 céntimos, pero chegou a estar a 40. Mentres que o trigo está sobre 18 e 20>>, explica o técnico de Fitoagraria.

Altramuz e colza, cultivos forraxeiros que chegan en rotación co trigo

Sexa como for, o prezo habitual da colza soe estar sobre 10 céntimos por riba do trigo. <<En condicións normais non produce tanto como o trigo, pero temos un cliente que chegou a producir entre 4 e 5 toneladas por hectárea e así é altamente rendible, claro>>, remata Gonzalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información