Colleiteiros do Ribeiro estudan crear unha cooperativa para comercializar o seu viño

O grupo de viticultores baralla vender os seus viños nas principais cadeas de supermercados baixo a marca ‘Xuntos’ para facer fronte ó peche da restauración debido á crise do coronavirus, o principal destino das súas producións

Publicidade
Colleiteiros do Ribeiro estudan crear unha cooperativa para comercializar o seu viño

A crise do coronavirus está obrigando ós produtores a buscar alternativas para comercializar os seus produtos, sobre todo para aqueles que estaban centrados na restauración. É o caso, por exemplo, de moitos viticultores que co peche da hostalaría e a restauración, por causa do estado de alarma decretado a mediados de marzo, viron pechado un dos principais destinos para os seus viños.

Neste contexto, varios colleiteiros do Ribeiro estudan crear unha cooperativa para comercializar os seus viños nas principais cadeas de supermercados baixo unha soa marca. A maioría dos produtores de viños desta Denominación de Orixe son colleiteiros, é dicir, viticultores que elaboran os seus viños con uvas de colleita propia polo que contan con producións limitadas, que logo distribúen, principalmente, a través da canle Horeca.

Polo momento están avaliando a proposta e a viabilidade que lle ofrece comercializar na canle de alimentación os seus viños baixo a marca Xuntos. “É un xeito de asegurar a nosa supervivencia, ó mesmo tempo que nos achegamos ós consumidores cunha imaxe de unidade, porque nos momentos de dificultade é cando hai que estar xuntos. Xuntos sairemos desta situación e máis cedo que tarde volveremos a estar xuntos a carón dunha copa de viño”, reivindican os produtores.

Esta proposta de comercializar unha única marca busca tamén aproveitar a iniciativa posta en marcha pola Consellería de Medio Rural, Mercaproximidade, coa que pretenden facilitar o acceso ó canle de alimentación dos produtores locais. As propia atomización do sector, cun gran número de colleiteiros de pequeno tamaño, dificulta que de xeito individual se poidan acoller a esta iniciativa.

Xuntos

Dous dos enólogos máis importantes de Galicia, Pablo Estévez e Álvaro Bueno, encargaranse de supervisar a elaboración destes viños para garantir os criterios de excelencia polos que se rexen os colleiteiros. Actualmente contan cunhas 80.000 botellas de viño branco e outras 20.000 de tinto que esperan empezar a comercializar baixo a marca Xuntos colleita 2019, nas principais cadeas de supermercados nas próximas semanas.

Nestes días están traballando xa no deseño da etiqueta e noutros detalles para o lanzamento dos seus viños. Tamén agardan contar co apoio da Administración autonómica polo que solicitaron reunirse co Conselleiro de Medio Rural, José González, para presentarlle o proxecto e tramitar a adhesión a Mercaproximidade. Ademais, esperan sumar a colaboración do Consello Regulador, así como doutras administracións locais e provinciais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información