10 colleiteiros do Ribeiro e 2 da Ribeira Sacra serán os protagonistas dunha xornada para profesionais do mundo do viño do Reino Unido que se celebrará o vindeiro martes, día 19 de novembro, no prestixioso clube 67 Pall Mall, en Londres.
Dende a asociación de colleiteiros destacan que “a principal intención desta xornada é a revalorización dos viños de pequenos produtores do Ribeiro e da Ribeira Sacra, vencellados ao territorio e non a unha soa variedade, destacando a histórica milenaria e o protagonismo dos viños de Ribadavia no Reino Unido durante centos de anos, presentar a viticultura de calidade, expresiva, rexenerativa, a que fala da orixe, ligada ao territorio, respectuosa co medio ambiente e coas persoas que viven nas aldeas e forman parte da identidade destas comarcas, onde o protagonista sexa o pequeno elaborador e os viños exclusivos”.
A conferencia e presentación terá lugar no 67 Pall Mall, o club de viño privado máis importante do Reino Unido. Máis concretamente na Sala St. James, dende as 9 da mañá ata as 4 da tarde.
Este evento estará dividido en 4 presentacións con degustación simultánea. As temáticas exploradas en profundidade reforzaranse cunha cata na que os asistentes poidan valorar os viños representativos de cada unha das temáticas. Deste xeito, utilízase o tempo e non hai que dedicar tempo adicional a unha ‘degustación de paseos’. A idea é que cada un dos adegueiros presentes no evento explique o seu viño e responda ás dúbidas e cuestións que poidan xurdir.
Esta xornada está dedicada única e exclusivamente aos profesionais do sector e aos prescriptores internacionais.
Este evento é froito da colaboracion e aposta da empresa Fion e do coruñes Miguel Crunia polos viños galegos no Reino Unido.