Colleitar lúpulo cada mes e medio: unha experiencia galega en cultivo hidropónico

“Nesta nave non entra nada de orixe orgánica”. É a premisa coa que traballan en Ekonoke, unha empresa que produce en Chantada lúpulo mediante cultivo hidropónico, nun espazo totalmente illado e con luz artificial. Trátase dunha técnica agraria na que a terra non ten sitio. Coñecemos os métodos e plans de futuro da compañía

Publicidade

LUPULO

Visitamos as instalacións de Ekonoke, unha empresa con orixes en Madrid e que desenvolve unha das súas principais actividades no polígono industrial do concello lugués de Chantada. A súa intención é espallarse por diferentes países e instalar as súas naves a carón de industrias cervexeiras para venderlles o lúpulo. De feito, están traballando nunha nova planta dunha hectárea no polígono de Morás, en Arteixo, onde vén de botar a andar unha fábrica de cervexa.

Técnica de cultivo

A filosofía de Ekonoke é a de que o seu lúpulo non viaxe. “O lúpulo cultivado ao aire libre vai de EEUU e Canadá a Europa, Xapón e medio mundo. Hai moita exportación e importación. A nosa idea é que o que viaxe sexa o coñecemento. Por eso as nosas instalacións sempre van estar pegadas aos lugares onde se utilice o noso lúpulo.”, explica Javier Ramiro, co-fundador da empresa

Por tratarse dun sistema totalmente hidropónico en interior, a técnica de cultivo realízase en macetas nas que hai depositado un composto sólido químico, non é terra. A fertilización faise tamén con compoñentes minerais non orgánicos que son introducidos no sistema de rego por goteo. As aportacións de fertilizantes decídense en función de cada momento fenolóxico das plantas.

A presenza de calquera elemento orgánico dentro da nave vai implicar a interacción con elementos patóxenos. Por eso non utilizamos ningún. (Javier Ramiro, co-fundador de Ekonoke)

O motivo desa política de non recorrer a ningún elemento orgánico está no propio concepto de agricultura hidropónica, na cal a utilización de terra e fertilizantes orgánicos implicaría a presenza de fungos, bacterias e outros patóxenos que poden arruinar a colleita e incluso danar as instalacións.

De feito -sinala Ramiro- nos inicios utilizaban rizomas de campo e comprobaron que neles viñan ovos, larvas e microorganismos que derivaron en pragas. E eso que os rizomas viñan desinfectados. Coa renuncia ao compoñente orgánico non só evitaron as pragas senón que puideron prescindir de calquera produto fitosanitario.

Nesta nave de Chantada aplican os coñecementos que van adquirindo mediante a experimentación no seu laboratorio de Madrid con variedades novas de lúpulo. E fan probas tamén coas técnicas de iluminación, de temperatura, de irrigación, de circulación do aire…

Javier Ramiro comproba o estado das flores da derradeira colleita

Javier Ramiro comproba o estado das flores da derradeira colleita

Froito das investigacións, chegaron á conclusión de que o mellor nesta nave chantadina é empregar flor in vitro. Para eso, seleccionan os mellores exemplares de cada colleita, extraen un anaco e lévano ao laboratorio Cultigar, en Brión, que lles facilita as novas plantas xa totalmente libres de patóxenos.

Dado que a busca da innovación foi o motor da empresa dende o seu inicio, a Intelixencia Artificial (IA) é un recurso irrenunciable. En todas as naves contan con sensores para medir todos os parámetros posibles e despois analizalos mediante IA e tomar decisións co resultado das análises.

O lúpulo e as súas posibilidades

Arredor do 95% do lúpulo que se produce no mundo vai destinado á elaboración de cervexa. O 5% restante ten unha importante saída para usos farmacéuticos e cosméticos. Ramiro explica que a flor do lúpulo conta cun polifenol denominado xanthoumol, que se demostrou anticanceríxeno e que xa se está a empregar con éxito en tratamentos oncolóxicos.

Priorizamos a produción de lúpulo para cervexa pero tamén estamos atentos as posibilidades farmacéuticas e cosméticas que ofrece cada colleita

Nos seus compoñentes está tamén a molécula denominada 8PN, que axuda as mulleres durante a menopausia. E, no apartado cosmético, emprégase sobre todo para cremas faciais logo dunha selección e extracción dos elementos que se precisan.

O directivo de Ekonoke explica que a súa intención é facer esoutros aproveitamentos non cervexeiros cando as calidades da colleita así o recomenden. Fan un seguimento da ruta metabólica das flores de cada planta e ven que utilidade ten en cada momento e que orientación comercial se lle pode dar a esa planta. E incluso poden modificar as aptitudes metabólicas traballando sobre as condicións que se dan no interior da nave.

A flor do lúpulo conten as resinas e aceites que aportan sabor e aroma a cervexa

A flor do lúpulo conten as resinas e aceites que aportan sabor e aroma a cervexa

Ramiro explica que a calidade do lúpulo para cervexa hai que medila pola cantidade de resinas blandas (ou alfaácidos) e de aceites esenciais que contén. As primeiras aportan o amargor que caracteriza a bebida e os segundos aportan os aromas.

Xestión e aproveitamento dos residuos

Aínda que as plantas de lúpulo chegan a medir máis de seis metros de altura, a única parte que se aproveita é a flor. Cada planta produce unhas 700 flores, algo menos dun quilo de produto. Os ramallos e follas non serven para compostar pero na actualidade hai en marcha proxectos para elaborar con eles posavasos, palliñas ou embalaxes para o consumo de cervexa, de xeito que todo o residuo se reutilice no sector.

E tamén hai en marcha proxectos para investigar se nas follas e polas pode haber algún elemento que sexa de utilidade para as industrias farmacéutica e cosmética, se ben polo de agora non se obtiveron resultados concluíntes. O que semella claro é que os residuos da nave de Chantada serían máis útiles para uso farmacéutico que os de campo, porque non estiveron expostos nin a patóxenos nin a fitosanitarios.

Lamentablemente, os residuos vexetais non serían aptos nin como forraxes nin como fertilizantes xa que poden ser vítimas dos patóxenos en canto saen ao exterior e as súas características organolépticas tampouco recomendan ese tipo de usos. Unha mágoa nunha comarca gandeira como a chantadina.

Facemos un reaproveitamento integral de case toda a auga que empregamos e mesmo traballamos en reutilizar a que usan as industrias

O uso da auga esta moi regulado na planta, sinala Ramiro. Todo o que se emprega en rega e os seus lixiviados recupérase e vai a tanques separados onde se volve introducir no sistema. Por outro lado, a transpiración das plantas produce unha humidade que tamén é condensada e canalizada para regresar ao circuíto. E, de cara ao futuro, planean utilizar as augas de residuo das fábricas de cervexa para filtralas e recuperalas.

O consumo de enerxía eléctrica é o gasto máis grande da instalación. Coas placas fotovoltaicas que teñen no tellado da nave cobren o 20% dese consumo. Pero a cantidade de luz que se precisa na zona de cultivo dispara o gasto. E eso que usan luces led de segunda xeración e traballan en sistemas que permitan aumentar o aforro. Pero segue a ser elevado. E é que estas plantas non ven a luz do sol ata que remata a colleita.

Existen diferentes liñas de traballo para aproveitar os residuos do lúpulo

Existen diferentes liñas de traballo para aproveitar os residuos do lúpulo

Procesos e tecnoloxías

Para non perder calidade pola oxidación, a flor do lúpulo haina que secar. En Ekonoke fano empregando electricidade para quentar aire que procede do exterior. No inverno e nos meses húmidos o proceso tarda máis porque o aire trae humidade. En todo caso, deixar a flor cun 10% de humidade non debe levar máis de seis horas de secado.

Unha vez secada a flor, o paso seguinte é entregala para que, ben a cervexeira, ben unha empresa especializada, a transformen en pellets. O motivo é que a pelletización permite aproveitar mellor os compoñentes do lúpulo, non atora os circuítos dos tanques de elaboración de cervexa e é máis manexable. Aínda que algunhas empresas utilizan a flor sen tratar e mesmo métena dúas veces nos tanques, en Ekonoke entrégana para pelletizar.

Hai que secar e pelletizar a flor antes de empregala na elaboración de cervexa para que non se perda ningunha das súas propiedades.

As grandes marcas convencionais que se consumen en España levan un gramo de lúpulo por cada litro de cervexa. As denominadas IPA poden conter ata 30 gramos por litro. Eso débese a que foron creadas para transportalas dende Europa cara as colonias, e as propiedades conservantes e antioxidantes do lúpulo facían que non se derramara durante viaxes que podían durar meses.

Ramiro destaca que na nave de Chantada obteñen unha colleita cada mes e medio, mentres que en exterior só se da unha colleita anual. Ao non depender do clima, a produción é continua. Máis aínda, o co-fundador explica que teñen a posibilidade técnica de reproducir as condicións climáticas que se deron nun territorio nalgunha das grandes colleitas da historia.

“Cos datos de precipitacións, temperatura e horas de sol dun ano concreto nunha rexión concreta podemos crear no interior da nave eses mesmos parámetros actuando sobre o sistema de circulación do aire, a irrigación e a aplicación da luz led.” sinala.

Un modelo exclusivo

Malia estar nunha comarca eminentemente rural, o sistema de Ekonoke non é algo que vaia servir como modelo a outros proxectos. As tecnoloxías que empregan son o segredo mellor gardado da empresa e requiren duns investimentos moi elevados en tecnoloxías moi especializadas.

“Por exemplo, aquí desenvolvemos un sistema no que só se empregan plantas femias. Non temos que preocuparnos de que os machos polinicen as plantas e estraguen a colleita. En cambio, en Alemania, é obrigatorio dar aviso cando se localiza unha planta macho, porque esa soa planta pode acabar polinizando ata 20 hectáreas de cultivo.”, explica.

Tampouco o cultivo de lúpulo en invernadoiro semella unha alternativa viable nesta nin en ningunha outra parte de Galicia. “Os invernadoiros son para facer experimentos ou para analizar algunha fase do cultivo. Pero non é posible sacar unha produción axeitada e comercializala con ese sistema.”, di Ramiro.

O que si fan na empresa é mercar todos os insumos sinxelos ou contratar servizos básicos na comarca. Tamén contratan traballadores da zona para as campañas de recollida. Esa é, sinala Ramiro, a súa contribución ao desenvolvemento rural. “Nós contratamos xente para a recollida e selección da flor, mentres que nos cultivos en campo empregan maquinaria peladora e recolledora.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información