“A colleita está estragada, agora a prioridade é salvar as cepas para que quede poda para o ano que vén”

Falamos cos adegueiros de San Fiz, en Chantada, despois de que unha forte granizada arrasara este mércores boa parte dos seus viñedos. As perdas son cuantiosas e a vendima dase por perdida, polo que os traballos céntranse agora en recuperar as vides

Publicidade
O pedrizo caído o mércores pola tarde deixou as vides sen follas e racimos e rompeu moitas varas

O pedrazo caído o mércores pola tarde deixou as vides sen follas e racimos e rompeu moitas varas

Unha forte saraibada, caída na tarde deste mércores, acabou coa colleita de viño deste ano na parroquia de San Fiz, en Chantada. O golpe foi grande, sobre todo para as catro adegas que forman parte da Denominación de Orixe, dentro da subzona de Chantada, un pau tremendo, igual que o que levaron as súas viñas por mor do pedrazo. Pero os produtores tratan de recompoñerse e salvar as cepas para evitar que as perdas se trasladen aos seguintes anos.

Esa é a súa prioridade neste momento. Non pensan en axudas nin en compensacións. No día despois, mentras avaliaban os danos, algúns xa se puxeron a traballar nas viñas aplicando algúns tratamentos para axudarlles a sobrevivir. Os traballos céntranse agora en recuperar as cepas, cunha poda nos vindeiros días, en canto pare de chover, pero dase por perdida a totalidade da vendima.

60 hectáreas afectadas

En San Fiz teñen a súa base catro adegas, Amedo, Ribada, Castrofiz e Os Cipreses. Na zona ten tamén viñedos Vía Romana, tanto propios como de proveedores, e hai tamén varias ducias de pequenos colleiteiros. Non hai aínda valoración oficial dos danos, pero as perdas son cuantiosas.

Este xoves técnicos da Consellería do Medio Rural fixeron un primeiro percorrido pola zona e constataron que nunha superficie de preto de 60 hectáreas da parroquia de San Fiz as vides quedaron sen follas nin acios e que tamén houbo afeccións, aínda que en menor medida, nas parroquias de Pesqueiras e Líncora, en Chantada, e nas de Rebordaos e Diomondi, no concello veciño do Saviñao. Con todo, haberá que agardar uns días máis para que se manifesten o total dos estragos e os produtores da zona calculan destrozos en 100 hectáreas, nas que estiman unha perda de máis dun millón de quilos de uva.

O castigo ao que foron sometidas as cepas afectará tamén á produción dos vindeiros anos (José Manuel Rodríguez, presidente da D.O. Ribeira Sacra)

No Consello Regulador da Ribeira Sacra as primeiras estimacións falan de entre 50 e 60 hectáreas destrozadas dentro desta subzona amparada pola Denominación de Orixe. O seu presidente, José Manuel Rodríguez, explica que neste momento estanse valorando a totalidade dos danos, pero que non só poderían afectar á colleita deste ano, senón tamén dos sucesivos, debido ao “castigo” ao que foron sometidas as vides, xa que o forte impacto do pedrisco ademais de machacar as follas e racimos, danou tamén a madeira das cepas.

O chan lastrado de follas e acios

A deste ano ía camiño de converterse nunha das mellores colleitas dos últimos anos na zona de Chantada, pero en cuestión de minutos as esperanzas dos adegueiros acabaron polo chan. Os colleiteiros xa dan por perdida a produción na súa totalidade, ao arrincar o pedrisco tanto as follas como os acios de uvas, que se estaban a comezar a formar despois dunha boa floración e que facía presaxiar unha colleita abundante en canto á cantidade.

Augas abaixo, na zona de Pesqueiras e Líncora, tamén se produciron danos, así como en Rebordaos e Diomondi, xa no Saviñao, aínda que de menor entidade

As previsións meteorolóxicas destes días marcaban a zona en alerta laranxa, e as tronadas das xornadas anteriores xa causaran algúns destrozos, pero non deste calibre. Mais o acontecido este mércores sorprendeu aos veciños do lugar, que “nunca viran nada igual”. A forte granizada mesmo obrigou a cortar o tráfico no corredor que une Chantada con Monforte e que discorre pola ribeira do Miño neste tramo. Os danos foron maiores na parte alta, onde están os viñedos de San Fiz, aínda que a granizada tamén afectou á parte baixa da ribeira, na zona de Pesqueiras, a carón xa do encoro de Belesar, aínda que aquí os danos foron de menor entidade.

Prevíase unha colleita moi boa

A tormenta comezou a descargar con forza cara ás cinco e media da tarde e en poucos minutos as pedras de granizo, de grande tamaño, arruinaron unha vendima que se prevía mellor aínda que a de fai dous anos, que fora histórica no conxunto da Denominación de Orixe (a do último ano, sen embargo, foi boa en canto a calidade pero escasa en quilos de uva).

O pedrisco estragou as vides, que estaban na flor e comezando a formar os racimos

Tralo paso do pedrisco e co ceo totalmente escuro durante máis de media hora, continuou a chover na zona, e a tromba de auga arrastrou terra e follas, provocando algúns derrubamentos nos muros de contención das viñas, que nesta zona se caracterizan pola súa colocación en bancais que van descendendo ladeira abaixo até o río.

Falamos coas catro adegas da zona para que nos conten como enfrontan a situación. En todas elas, os traballos céntranse agora en tratar de recuperar as vides canto antes, para que a colleita do ano que vén sufra o menos posible.

Adegas Amedo: “As xemas da poda do ano que vén están esnaquizadas”

Adegas Amedo granizo viñasLorena Gay, leva, xunto ao seu pai, Pepe, Adegas Amedo, a adega da familia dos Gaio, creada en 1997, e que foi das máis afectadas. Contan con 12 hectáreas de viñedo e 55.000 litros de produción de marcas como Pero Bernal. “Petou máis nas zonas altas de San Fiz; a zona cero foi en Tarrío, onde nós estamos. A viña que temos a carón da adega está afectada ao 100%. É unha finca de mencía duns 700 metros cadrados. Estaba en flor e non queda nada, a colleita deste ano está totalmente perdida e esperemos poder salvar as cepas”, di Lorena.

Cando sequen as cepas haberá que botar un cicatrizante para evitar enfermidades e podalas para sacar a parte morta

Outra parcela dunha hectárea, situada máis cara ao río, “librou porque está orientada ao sur e contra uns muros”, aclara. Teñen outras 5 hectáreas plantadas perto do salto de Belesar, onde caeu a tormenta o día anterior, pero alí polo menos, explica, “non se foi todo ao traste”. O mesmo lle pasou a unha viña pequena, duns 400 metros, adicada a branco, que teñen no medio do val, onde os destrozos afectaron ao 50%.

Desperfectos tamén na adega

Pero ademais das fincas, o pedrazo provocou danos tamén na adega dos Gaio. “Na porta romperon tellas e empezou a chover por dentro; na zona de oficina e venda temos unha parede toda mollada e na zona de elaboración tamén”, conta Lorena. “Está claro que zona catastrófica éa, pero xa veremos despois se podemos acceder a axudas”, di.

Está claro que zona catastrófica éa, pero xa veremos despois se podemos acceder a axudas

Pero máis alá das instalacións, a prioridade para Adegas Amedo é outra: as vides. “Están peladas de todo, tanto de racimos como de follas e hai que ver a madeira como evoluciona. Cando seque haberá que botar un cicatrizante para evitar enfermidades e podalas para sacar a parte morta, todo o que se queimou, e a parte viva deixala medrar para ir buscando as podas, porque as xemas da poda do ano que vén están esnaquizadas. A planta ralentizou con isto 3 anos polo menos”, asegura.

Os Cipreses: “Vendima xa nada, eu non a a vou facer”

granizo viñas parroquia San Fiz ChantadaRabelas SL comercializa o seu viño coa marca Os Cipreses, que dan tamén nome á adega. Contan con 3 hectáreas de viñedo en produción, todas afectadas. “Foi un desastre e na nosa zona foi o peor precisamente, porque isto é coma un embudo e foi onde cargou máis. A tormenta veu do norte, da parte de Sabadelle e concentrouse aquí, da ponte nova para alá xa non fixo nada”, explica Manuel Vázquez.

Con toda a superficie danada, só pensan en salvar as vides. “A vendima xa nada, este ano eu non a vou facer, con iso xa cho digo todo. O que hai é que salvar as cepas e punto. Pero vai ser moi difícil, porque a cepa ten unha época e se neses anos lle cortas a vida non se recupera”, di.

Vai ser moi difícil salvar as vides, porque a cepa ten unha época e se neses anos lle cortas a vida non se recupera

Este ano contaban ter unha boa colleita. “A do ano pasado foi boa de calidade pero cantidade pouca. Este era un ano dos mellorciños”, asegura Manuel. Normalmente non lles quedaba viño dun ano para outro, pero esta campaña foi distinta tamén niso por mor da covid-19 e as restricións na hostalaría. “Branco non teño nada, pero o tinto aínda non o embotellei”, explica. Con ese excedente do ano pasado tratarán de subministrar aos clientes para non perdelos.

Nesta adega teñen seguro contra inclemencias pero Manuel non agarda que as coberturas sirvan para cubrir os danos. “Eu niso non confío moito, ti xa sabes como son os seguros. Xa noutra ocasión tiveramos problemas para poder cobrar, e iso que daquela era pouca cousa”, lembra.

Viña Ribada: “Nós non temos seguro porque non se adaptan á nosa realidade”

granizo viñas parroquia San Fiz Chantada2“O campo é así”, di con resignación Manuel Calvo, de Adega Ribada, tralo paso do pedrisco. A el o mércores a tronada colleuno na viña e, ante a impotencia, gravou uns vídeos do que estaba acontecendo co seu teléfono móbil. “Non vin cousa igual na vida”, asegura.

A eles a granizada afectoulles “ao corazón da adega”, unhas 2,5 hectáreas, entre propias e doutros dous proveedores da zona, onde colleitan a uva para o seu viño mencía 100%. “Son fincas especiais, que desbrozamos e onde non usamos herbicida”, explica.

Afectounos ao corazón da adega, a fincas especiais nas que non usamos herbicida e coas que facemos o viño mencía 100%

“As vides estaban preciosas e prometían boa colleita pero quedaron coma unha galiña desplumada. A parroquia de San Fiz conta con 225 hectáreas adicadas a viñedo e eu penso que máis de dous terzos están afectadas ao 100% e o outro terzo está danado, aínda que quedou con máis folla”, calcula.

Viña Ribada salvou a produción de godello “porque non están aquí as fincas” pero de mencía 100% non contan ter colleita. “Era un viño que nos estaba funcionando moi ben e no 2021 non imos poder estar con el no mercado e ese espazo ocúpao outro viño e logo xa é como volver empezar e é moi complicado”, indica Manuel. “Pero o problema xa non é só perder a produción para o vindeiro ano, porque as varas están moi machacadas e, se non se recuperan as cepas, ter que plantar sería terrible”, di.

Apoio para dinamizar a zona

Nesta adega non contaban con seguro porque, din, “non se adapta á nosa realidade”, e teñen poucas esperanzas tamén en que declaren San Fiz zona catastrófica. “Necesitamos máis cousas que axudas puntuais por isto. En Sober hai media ducia de miradoiros, aquí nin o primeiro, e iso que San Fiz ten tamén moito potencial para o enoturismo e a maioría das adegas que estamos aquí poderiamos explotar iso”, afirma Manuel.

Estamos totalmente abandonados. Hai dous embalses e estamos rodeados de parques eólicos pero eu non teño luz eléctrica na adega

“Esta zona coñécese como a milla de ouro, pero estamos totalmente abandonados”, asegura. E pon un exemplo: “Aquí hai dous embalses, o dos Peares e o de Belesar e estamos rodeados de parques eólicos e eu, sen embargo, non teño luz eléctrica na adega, funciono cun xerador. Pediume Fenosa máis de 60.000 euros porque é Rede Natura e hai que levar o tendido soterrado, e solicitei ao GDR unha axuda do plan Leader para colocar placas solares e non ma concederon”, quéixase.

Castrofiz: “Aínda que algún racimo chegue ao final non o imos poder aproveitar pola calidade desa uva”

Adegas Castrofiz granizo viñasHéctor Abelairas encárgase do traballo de campo na Adega Castrofiz. No seu caso, perderon “10.000 quilos de uva ou máis”. “Temos unha hectárea totalmente afectada, o 90% da produción desapareceu, quedarán 1.000 quilos, pero aínda que quede algún racimo e chegue ao final non o imos poder aproveitar porque a calidade desa uva non vai ser a que nós queremos”, afirma. “O que temos é que intentar salvar as cepas, a produción xa non contas con ela, polo menos a maior parte. As cepas hai que intentar curalas, pero agora están cun estrés elevado e poden secar. Elas van intentar sobrevivir, pero hai que axudalas. Nós imos centrar o traballo todo niso”, avanza.

As cepas están agora cun estrés elevado e poden secar

De feito, na adega Castrofiz estiveron xa este xoves tratando as vides danadas. “O que estamos facendo é intentando protexer por fóra cunha película de cicatrizante e logo agardaremos 4 días para ver como evoluciona todo porque van secar moitas varas que están moi golpeadas. E xa na semana que vén podaremos para ver cales teñen opción de saír adiante. Ademais, para podar ten que parar de chover, porque se podas con auga provócanse fungos e enfermidades. Logo intentaremos fixar a folla que quede cun abono foliar de algas, pero estes días co frío a cepa está parada vexetativamente”, explica Héctor.

A produción de viño ecolóxico, estragada

As inclemencias do tempo cebáronse este ano coa adega Castrofiz. A granizada deste mércores no Castro, na parcela a carón da bodega, sumouse á que xa padeceran uns días antes en Castelo, onde contan cunha finca na que tiñan previsto comezar a facer viño ecolóxico. “Tiñamos o proceso de conversión feito e iamos producir xa este ano e foi a primeira finca tocada hai catro días, á que máis afectou”, explica José Luis Fernández.

Temos seguro con Agroseguro, agardemos que sirva polo menos para manter os gastos da viña

“Este ano tiñamos unha gran ilusión pero primeiro foi iso e agora isto outro de segundas. E esta machacouna redonda, temos toda a finca alfombrada de follas e racimos, arrasou con todo e non deixou nada, nin as varas, porque as que non están rotas están peladas”, describe.

A Xunta despraza técnicos da EVEGA para asesorar aos viticultores sobre tratamentos a aplicar

A Xunta desprazará este venres técnicos da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía (Evega) a Chantada para asesorar, en coordinación co persoal das Oficinas agrarias comarcais, aos viticultores afectados pola treboada de pedrazo, segundo anunciou durante unha visita á zona o Conselleiro do Medio Rural, José González. 

Os técnicos encargaranse de orientar aos produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas. A través do teléfono 982889112, correspondente á OAC de Monforte, os produtores e adegueiros afectados poden resolver dúbidas e solicitar asesoramento. Este número estará activo tamén durante a fin de semana.

Seguros agrarios

O conselleiro tamén aproveitou para facer un chamamento ao conxunto dos produtores da comunidade, para que se acollan á orde de axudas que convocou o Goberno galego en xaneiro para fomentar os seguros agrarios. Así, destacou que as achegas da Xunta para fomentar a contratación das pólizas agrarias ascende neste 2021 aos 6 millóns de euros, un 20% máis que o orzamentado o ano pasado.

O prazo de contratación das liñas de seguro está aberto ata o 15 de novembro, segundo a liña da que se trate, e a axuda correspondente recíbese no momento da contratación. A Xunta concede estas axudas de forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2021 e de liñas gandeiras dos plans 2020 e 2021, formalizadas este ano.

Axudas directas e censo de afectados

O Sindicato Labrego Galego agarda, sen embargo, que a Xunta non se escude na contratación de seguros agrarios para non poñer en marcha unha liña de axudas directas específica para os afectados. “Medio Rural debería crear dunha liña de axudas directas semellante á que se creou para apoiar aos viticultores e viticultoras da Ribeira Sacra afectadas pola sarabia en 2016. Agardemos que, nesta ocasión, a Xunta non nos veña coa escusa de que todo o asegurable non é subvencionable”, di Primitivo Lareu, adegueiro e viticultor afectado e vogal do SLG no Consello Regulador da Ribeira Sacra. 

Deberíase crear unha liña de axudas coma a de 2016. Agardemos que, nesta ocasión, a Xunta non nos veña coa escusa de que todo o asegurable non é subvencionable (Primitivo Lareu, SLG)

“O primeiro que debería facer Medio Rural diante desta situación catastrófica, a través das oficinas agrarias comarcais con competencias nas zonas afectadas, é un rexistro dos labregos e labregas afectadas e da superficie real danada pola sarabia, ademais doutros danos colaterais en adegas e instalacións. Ademais de destruír colleitas enteiras, temos constancias de que as treboadas levaron por diante valados, socalcos e mesmo destruíron vides”, engaden desde o SLG. 

Solicitude de zona catastrófica

Desde a Federación Rural Galega (Fruga), consideran que “as explotacións afectadas non poden estar só ao ditame das pólizas de seguros agrarios que poidan ter contratado, necesitan da acción decidida da Consellería do Medio Rural, do Goberno Galego, para que se aproben medidas de axudas, como pode ser a declaración de Zona Catastrófica, que permitan a súa continuidade e viabilidade”. 

Os danos nas plantas traduciranse na necesidade de repoñer moitas delas ou sometelas a un proceso de saneamento e recuperación que afectará a súa produtividade nas próximas colleitas (Fruga)

“Hai que ter en conta ademais que estes danos non supoñen, na maior parte dos casos, perdas na colleita actual senón tamén danos nas infraestruturas das explotacións e, o máis importante, danos nas plantas que se traducirán na necesidade de repoñer moitas delas, ou sometelas a un proceso de saneamento e recuperación que afectará a súa produtividade nas próximas colleitas”, argumentan desde a Fruga, que engaden que “estes danos supoñen unhas perdas económicas importantes para unhas explotacións que xa están ao límite da súa capacidade de resistencia no contexto da crise económica e de restricións dos últimos anos”. 

A tormenta súmase ás perdas pola covid-19

Desde os grupos da oposición no Parlamento Galego, o portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, tamén reclamou á Xunta “axudas directas aos afectados” e a posta en marcha dun Plan de Recuperación do Viñedo nas zonas máis afectadas pola tormenta de saraiba.

“Logo dunha tormenta como a deste mércores, cómpre actuar con rapidez para evitar os efectos secundarios, xa que os danos poden derivar na entrada de fungos, polo que as primeiras horas son cruciais”, asegurou, polo que reclamou á Xunta que actúe con rapidez para axudar aos viticultores e ás adegas afectadas. 

Os viticultores foron un dos sectores máis afectados pola crise da covid-19 e os peches das canles de restauración, o que fixo que moitos produtores tiveran problemas financieiros, que nalgún caso mesmo puido causas a falla de contratación dun seguro que garantira a súa produción (Martín Seco, PSOE)

“Unha vez se analicen as viñas afectadas, tampouco é descartable que haxa que pedir a declaración de zona catastrófica nas zonas afectadas, sinaladamente nos viñedos de San Fiz, Belesar e parte de Sabadelle”, asegurou o portavoz socialista. 

Seco considera “máis necesario que nunca que o goberno galego se sitúe ao carón dos viticultores” para “garantir que poidan continuar coa súa actividade en vindeiras colleitas”, xa que a tormenta caeu precisamente “nun ano moi complicado para os viticultores como un dos sectores máis afectados pola crise da covid-19 e os peches das canles de restauración, o que fixo que moitos produtores tiveran problemas financeiros, que nalgún caso mesmo puido causar a falla de contratación dun seguro que garantira a súa produción”, concluíu. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información