O sector da produción de pataca de Galicia agarda unha forte perda na colleita derivada das choivas durante o inverno, que deixaron as terras alagadas durante meses. Segundo os datos do Ministerio de Agricultura, a colleita do 2025 xa foi un 25 % máis baixa que a media dos últimos 5 anos e mais dun 32 % respecto da do ano 2024.
Para Unións Agrarias estes datos son especialmente preocupantes porque o oco nas liñas de distribución está sendo aproveitado para introducir pataca de fora, incluso extracomunitaria. Así mesmo, poñen en valor que a cadea Mercadona retirase da venta os tubérculos procedentes de Israel logo de ser advertida da grave situación que atravesan os produtores e as nefastas consecuencias que para o agro galego teñen estas prácticas comerciais.
Galicia produce 289.000 toneladas, o que representa o 15 % de toda a produción española, para o que emprega preto de 18.000 hectáreas, que supón o 28 % do terreo dedicado no estado a produción pataqueira. Concellos como Xinzo de Limia, Betanzos ou Bergantiños aportan eles sos o 27 % de toda a actividade no sector.
Unións leva meses insistindo en que o sector produtor de pataca está padecendo unha situación complexa motivada pola baixa de prezos en orixe e o incremento de custos de produción polos conflitos bélicos, que coincidiu cunhas adversidades meteorolóxicas que mantiveron anegadas gran parte das terras de cultivo durante meses.
A organización reclama das administracións que vixíen a entrada de pataca de fóra para evitar o incumprimento da Lei da Cadea alimentaria ante a sospeita de que se estea forzando aos produtores a vender a perdas.
Xa no mes de febreiro Unións Agrarias solicitara reunión do órgano colexiado da Mesa da pataca para que Administración, industria e sector produtor, con representación no Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, puideran analizar a situación que está padecendo o sector e propoñer solucións que deran cobertura a esta excepcionalidade, e se aproben medidas que palíen a caída das rendas e produción nas explotacións.
Galego









Control OJD