Colleita de mel: escasa produción no interior pola seca e importante presión da velutina na costa

Galicia estará un ano máis lonxe dos seus rexistros históricos, cunha redución drástica nos quilos por colmea e unha previsible suba no prezo do mel ao consumidor. O estado dos colmeares obriga a alimentar para pasar o inverno

Mel_DeGaliciaA produción de mel leva varios anos sendo frouxa en Galicia e este 2022 non será unha excepción. A seca e os incendios forestais do verán, o ataque máis prolongado da vespa asiática aos colmeares e o descontrol nas floracións ao longo do ano están a reducir de maneira significativa a produtividade das abellas.

A produción, en xeral, non foi boa este ano. “Unicamente se puido salvar en zonas localizadas de eucalipto, zonas con moito brezo no mes de maio ou zonas de vagoada onde o castiñeiro non se veu afectado pola seca”, indica José María Seijo, presidente da Agrupación Apícola de Galicia.

A colleita de mel de castiñeiro e de silva foi practicamente nula a non ser nalgunha zona concreta

Desde o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia levan unha cuantificación real da produción de mel por colmea inscrita e certifican a caída xeralizada na produción. “Desde xa hai varios anos os quilos por colmea non soben de 10 ou 12, cando antes o habitual eran 20”, detalla Esther Ordóñez, presidenta da IXP.  

“As producións actuais non son óptimas”, recoñece pola súa banda Pepe Torres, presidente de Asociación Galega de Apicultura (AGA). “Galicia estaba producindo sobre 2.000 toneladas anuais de mel pero este ano non imos chegar a elas; non creo que pasemos das 1.700 toneladas”, calcula.

Diferenzas notables mesmo dentro da mesma zona

A deste ano foi unha campaña moi variable, con diferenzas significativas mesmo en zonas relativamente próximas.  “Foi unha campaña imprevisible e irregular, con moita variabilidade en función da zona, mesmo dentro da mesma zona e con condicións aparentemente semellantes”, asegura Pepe Torres.

O brezo de maio foi ben aproveitado este ano

Por iso, di, “este ano a colleita de mel foi por parroquias, se nunha as abellas lograron néctar para facer o mel, na do lado non houbo esa produción esperada. Non podemos dicir, por exemplo, que o castiñeiro fora un éxito en toda Galicia, algunhas zonas funcionou ben pero noutras a seca fixo efecto no castiñeiro, igual que no melato ou na silva”, engade.

A produción de eucalipto foi mellor na zona de transición máis cara ao interior que na costeira

En canto a outro dos principais recursos melíferos galegos, o eucalipto, “a produción na zona costeira foi máis baixa, pero na franxa de transición, máis cara ao interior, houbo unha produción de eucalipto elevada”, di.

Efecto da seca e os lumes

No interior agardábase unha boa produción este ano, pola primavera adiantada que fixo espertar as colmeas. “Pero de novo veu o frío, consumiron o que tiñan e tiveron que volver a arrincar, e cando o estaban a facer foi cando veu a seca tan grande deste ano”, relata o presidente da Agrupación Apícola.

As colmeas arrincaron moi cedo a primavera pero cando volveu o frío consumiron o que tiñan e tiveron que empezar de novo

“Moitas colmeas víronse moi afectadas pola baixada de produción de néctar que se produciu nalgunhas zonas e houbo que alimentalas nalgún momento para evitar unha mortandade importante das abellas novas que saen e que necesitan néctar fresco”, explica.

Os incendios forestais que queimaron no mes de agosto amplas zonas de Quiroga, A Pobra do Brollón ou Valdeorras afectaron a zonas apícolas e colmeares, ben directamente arrasados polo lume ou porque se queimou a zona e perderon vexetación melífera e moita poboación.

Os incendios de Quiroga e Valdeorras afectaron a importantes zonas apícolas

Ao queimarse a flora próxima aos asentamentos, os apicultores vense obrigados a mover as colmeas de sitio, porque nos seguintes 4 ou 5 anos non hai alimento para as abellas. Por iso, desde a Agrupación Apícola púxose en marcha unha iniciativa solidaria dirixida ás Comunidades de Montes para facilitar posibles emprazamentos apícolas alternativos.

Pedíase que estes terreos foran, no posible, contiguos ás áreas incendiadas, porque as propias abellas axudan á recuperación das zonas queimadas grazas á polinización das gramíneas, que son das primeiras plantas en instalarse.

“Os prezos van subir”

O descenso da produción nos últimos anos está a impactar tamén na IXP Mel de Galicia, segundo recoñece Esther. “Seguimos sendo a denominación de calidade con máis produtores, pero baixouse ao número de certificados debido a que a produción nos últimos anos está sendo mala, sobre todo na zona interior, que é onde hai máis colmeas e máis produtores profesionais,  porque a climatoloxía non nos está a axudar”, lamenta.

Na actualidade uns 300 apicultores están inscritos en Mel de Galicia, cunha produción de 260 toneladas de mel, cando se teñen chegado a envasar 600 toneladas con anterioridade dentro do distintivo de calidade.

A venda a granel é pan para hoxe e fame para mañá, aínda que os prezos poidan ser bos nun ano concreto

Á menor produción engádese o incremento de custos. Por iso, a presidenta da IXP considera que é de esperar unha revalorización do prezo de venda. “Os prezos van a subir ao consumidor final porque aumentaron moito os custos de produción, como a luz, o gasóleo, os tratamentos ou o envasado. Neste momento aínda non hai un prezo determinado no mercado, xa que se fixa normalmente a finais de outubro ou comezos de novembro, porque o mercado a nivel global, lamentablemente, segue pesando á hora de fixar prezos”, explica.

Esther pide aos consumidores que apoien o mel de Galicia “porque o mel poderá vir doutros sitios, pero a polinización non; os apicultores son os que fan a polinización no territorio”, sentenza.

Destaca tamén a importancia da IXP como “nexo de unión para o sector” e a representatividade que outorga aos produtores galegos diante de institucións como o Ministerio de Agricultura, polo que fai tamén un chamamento aos apicultores para que se inscriban.

Novas prácticas de manexo: alimentar en outono e dobre tratamento contra a varroa

Non esquezas alimentar a colmea que levará a cabo a cría real

O cambio climático e a vespa velutina son factores que están a transformar a apicultura nos últimos anos, obrigando a adaptar as prácticas de manexo tradicional das colmeas para facer fronte a estas novas circunstancias.

O cambio climático está a mostrarse de xeito evidente no adiantamento das floracións. “As mimosas van reventar antes do Nadal e non é lóxico,  deberían facelo en febreiro. Iso fai que as abellas non estean preparadas e non poidan aproveitar todos eses recursos”, explica Pepe Torres.  

As condicións meteorolóxicas están condicionando claramente a produción apícola e a resistencia da varroa está obrigando aos apicultores a tratar máis dunha vez

“Se hai un adiantamento, as colmeas vanse desenvolver cedo e logo hai que mantelas con alimentación artificial. Ademais, a resistencia da varroa está obrigando aos apicultores a tratar máis dunha vez, incrementando os custos”, argumenta.

Baixas reservas para pasar o inverno

“Na zona de costa, en xeral, as reservas que teñen as colmeas están sendo baixas, non meteron na cámara de cría e temos moita presión de velutina, polo que a presenza de polen brilla pola súa ausencia; e aínda seguimos tendo unha seca importante, porque choveu só un par de días pero as colmeas están moi desexosas de néctar fresco. Por iso, precisan un aporte de alimento líquido e de tortas proteicas para que a raíña siga poñendo un pouco máis e teñamos unha poboación forte e sa para pasar o inverno”, recomenda Esther como veterinaria.

Moitas veces os apicultores obcécanse en alimentar a principios de tempada, pero é moito máis importante alimentar previo ao parón ambiental

“Moitas veces os apicultores obcécanse en alimentar a principios de tempada, pero é moito máis importante alimentar previo ao outono. Hai que anticiparse, a colmea non hai que deixala caer e que perda poboación porque senón moitas veces xa non se recupera”, afirma.

Maior incidencia da varroa

“A afectación por varroa está sendo máis alta nos últimos anos”, asegura Esther. Débese a varios factores. Por un lado, di, “hai cada vez menos principios activos no mercado, collen resistencias e baixa a eficacia”.

A maiores, a climatoloxía tampouco axuda, porque canto máis cálido é o tempo, máis cría hai na colmea e maior desenvolvemento da varroa. “Antes había parada de posta invernal na colmea e os tratamentos eran efectivos. Agora as colmeas teñen cría todo o ano e non hai un momento propicio para facelos”, asegura.

Debido á suba das temperaturas, as colmeas agora teñen cría todo o ano e non hai un momento propicio para facer os tratamentos

Por iso, di, “o apicultor ten que cambiar de mentalidade e de manexo debido aos cambios na climatoloxía e estar atento e vixiante ás súas condicións, porque é difícil dar unhas pautas e normas xerais para toda Galicia, hai que adaptalas a cada lugar”.

En caso de alta incidencia, é bo repetir o tratamento a comezo de tempada usando un produto ecolóxico alternativo para minimizar as resistencias

Esther non é partidaria de, por rutina, facer dous tratamentos anuais contra a varroa, pero recomenda realizar un control de infección no apiario a comezo de tempada para repetir o tratamento unicamente en caso de alta incidencia. Aconsella nestes casos a alternancia de tratamentos, usando un tratamento ecolóxico alternativo que poida contrarrestar as resistencias dos tratamentos convencionais.

Presión de velutina en outubro

Dentro dese coñecemento individualizado da situación de cada colmear, en zonas de costa con alta incidencia de velutina, Esther propón, por exemplo, adaptar o momento de aplicación do tratamento antivarroa ao parón da posta provocado pola vespa asiática. Este momento prodúcese cando a presión da velutina non deixa entrar nada de néctar na colmea e prodúcese normalmente arredor do mes de agosto.

Nas zonas de costa do norte da comunidade a presenza da velutina nos colmeares incrementouse notablemente no mes de setembro

Neste sentido, José María Seijo explica que este ano a presenza da vespa asiática foi máis prolongada. “Nas Rías Baixas o 15 de xuño as abellas xa non traballaban, cando o ano pasado a presión sobre as colmeas empezou en xullo, un mes máis tarde”, di. Cara ao norte, esta presión aínda se mantén nestes momentos, en pleno mes de outubro, con maior incidencia incluso que nos meses de xullo ou agosto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información