Colleita de mel 2024: produción desigual, moita enxamía e ausencia de velutina

A campaña foi mala na costa e mellor nas zonas de interior, onde as floracións de silva e castiñeiro duraron máis e permitiron que as colmeas se prepararan mellor para a invernada. Os prezos seguen sen acompañar a un sector que encadea 6 anos difíciles

colleita mel 2024 2A vespa velutina deu este ano un respiro aos apicultores galegos tras un 2023 con moita presión sobre os colmeares. Aínda así, a produción de mel non foi este ano todo o boa que cabía agardar, con grande disparidade entre a costa e o interior.

A inestabilidade do tempo durante a primavera minguou as colleitas en zonas dependentes do eucalipto e provocou problemas na fecundación dos núcleos. No verán, a enxamía foi a protagonista e as dificultades para controlala, con colmeas que enxamearon até en dúas ocasións, tamén afectou á colleita final.

Este verán houbo menor incidencia da velutina logo dun ano 2023 con moito ataque ás colmeas

A ausencia de velutina permitiu comprobar a incidencia real da varroa, que segue a ser o principal inimigo das abellas. No momento de sacar o mel e aplicar o tratamento anual obrigatorio (ten que estar colocado antes do 31 de outubro) o nivel de infestación era elevado en moitas colmeas, sobre todo nas que máis criaron.   

O tempo inestable na primavera e no verán provocou moita enxamía

Coñecemos, coa axuda das distintas asociacións que aglutinan aos apicultores galegos, como foi a campaña nas distintas zonas e as dificultades que están a ter os produtores para dar saída ao mel a granel. En canto ao prezo, agardase que suba lixeiramente e se sitúe arredor dos 3,5€ o quilo. 

O castiñeiro e a silva salvaron o ano

A presidenta do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, Esther Ordóñez, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, con sede en Barbadás (Ourense), relata a disparidade de colleita este ano en función da floración predominante:

“Na costa a produción foi mala se só dependían do eucalipto. Ao principio si que houbo entrada de eucalipto nas colmeas pero comérono as propias abellas coas choivas da primavera”, indica.

“Nas zonas de costa con outras floracións, como castiñeiro ou silva, salvaron un pouco a colleita, porque a climatoloxía que tivemos na primavera non lle foi boa tampouco ás velutinas e as abellas puideron traballar. Outros anos en xuño e xullo xa estaban bloqueadas as colmeas de costa pero este ano o asedio ás colmeas veu máis tarde e puideron traballar esas floracións”, salienta.

As floracións do castiñeiro e a silva foron máis alongadas e a presión da velutina veu máis tarde

No interior, sen embargo, a produción foi mellor que o ano pasado, “pero levamos uns cantos anos malos, así que boa falta facía”, matiza Esther.  A climatoloxía que houbo este ano, con ausencia de altas temperaturas no verán, fixo que as floracións da silva e o castiñeiro duraran máis e foran máis continuadas no tempo, polo que ademais dunha maior produción de mel, permitiron “que as colmeas se preparasen mellor para a invernada coa entrada dese pole”. En canto aos melatos, “entrou algo pero non tanto como se esperaba”, di.

“Antes cun tratamento ao ano para a varroa era suficiente, agora fan falla dous”

Non é doado calcular a produción real de mel que hai en Galicia, onde segundo os datos do Ministerio de Agricultura hai unhas 200.000 colmeas censadas. “Non hai datos fiables de produción total, porque o Ministerio fai unha estimación asignando a cada colmea unha produción media de entre 20 e 25 kg, pero fai anos que en Galicia non estamos tendo eses rendementos, agora son de 10-12 kg por colmea”, calcula Esther.

“Chegamos a ter 600.000 kg de mel na IXP e agora estamos na metade, é un síntoma da caída xeralizada de produción. Hai varios factores. A velutina afecta moitísimo na zona da costa e despois as abellas non poden aproveitar ben o eucalipto. Tamén afecta o cambio climático”, di. 

Hai poucos medicamentos eficaces que poder rotar, polo que cada vez a infestación da varroa é máis alta

Un terceiro elemento sería a varroa. “Este ano vímolo claramente. Outros anos a velutina tapaba máis ese problema, pero este ano todos vimos abellas con virose por diante das piqueras. Hai poucos medicamentos eficaces que poder rotar, polo que cada vez a infestación da varroa é máis alta”, asegura. “Antes cun tratamento ao ano para a varroa era suficiente; agora fan falla dous”, afirma.

Debido ao cambio climático, que suaviza os invernos, en boa parte de Galicia non hai parada na posta da raíña, polo que o tratamento acaricida é menos efectivo ao matar só a varroa forética (a que se atopa parasitando as abellas adultas) pero non a que se atopa reproducíndose nas celas operculadas da cría.

Tamén mingua a efectividade dos tratamentos a base do principio activo amitraz a velutina. Ao bloquear as colmeas e haber menos movemento das abellas rózanse menos co medicamento no caso das tiras que funcionan por contacto.

“Se hai enxamios non hai mel”

Manuel Ferreira, presidente da Casa do Mel de Goente (As Pontes), que reúne 450 apicultores, principalmente na zona de Ferrolterra pero con socios tamén na provincia de Lugo, en comarcas como A Terra Chá ou A Mariña, salienta as dificultades este ano para controlar a enxamía das colmeas, o que minguou a produción porque “se hai enxamios non hai mel”, evidencia.

“A produción foi moi regular, nas que se deu controlado a enxamía teñen mel e nas outras quedaron bastantes zanganeras, sobre todo nas que enxamearon a última hora”, describe.

Hai pouco mel, pero pola velutina non foi este ano

“Hai pouco mel, pero pola velutina non foi este ano, porque velutina houbo moi pouca”, recoñece. “O que si hai é bastante varroa, porque as colmeas criaron moito e a varroa reproduciuse máis”, asegura.

Na provincia de Lugo a produción foi boa, agás na Mariña

Manuel Sande, secretario da Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA), con 400 socios, detalla as diferenzas de produción acadadas nas distintas zonas: “Na costa mal, zona centro até Chantada e Sarria as producións foron boas e na Ribeira Sacra e O Courel houbo moi boa colleita. Na montaña depende dos sitios, na Fonsagrada foi escasa, pero na zona dos Ancares e de Pedrafita foi boa”.

Nas zonas nas que o ano pasado houbo moitísima velutina empeza a haber agora algo de presión sobre as colmeas

A provincia de Lugo foi a máis afectada pola velutina o ano pasado, chegando a colonizar zonas altas das comarcas de montaña que até agora tiveran unha menor presenza. Aínda que este ano a súa incidencia diminuíu considerablemente nestas áreas, os efectos da acumulación de niños no 2023 séguense a notar.  “A velutina está empezando a presión agora nalgúns colmeares, sobre todo nos situados nas zonas nas que o ano pasado houbo moitísima. Facía falta que lles viñera frío para cortar eses ataques”, indica Manuel.

“A colleita de brezo foi escasa”

David Liñares é un dos apicultores de referencia na comarca do Deza e organiza a feira Alvariza que nos últimos anos se celebra en Lalín. Conta con colmeares en distintas zonas e afirma que “se comparamos co ano pasado foi un ano bo pero se comparamos cun ano normal foi un ano regular”.

“Aquí collemos principalmente eucalipto nas zonas baixas, brezo na montaña e castiñeiro e silva nas zonas intermedias. A colleita do eucalipto foi pésima, a do brezo escasa e a de castiñeiro e silva normal”, resume.  

Se comparamos co ano pasado foi un ano bo pero se comparamos cun ano normal foi un ano regular

En canto á velutina, David agradece que “despois de tanta tempestade dos últimos anos veña un pouco a calma” e di:  “que bonita era a apicultura sen a velutina”. “Este ano empeza a haber algo agora, pero a abella estase preparando xa para invernar”, afirma.

“A floración do eucalipto adiantouse e as abellas non a aproveitan”

José María Bello é o delegado da Asociación Galega de Apicultura (AGA) na comarca do Morrazo, unha zona historicamente con boas producións de mel que este ano non se deron. “En xeral nesta zona a colleita foi mala pero despois hai peculiaridades. Eu considero que os 22-25 quilos por colmea deste ano é unha media baixa para esta zona”, opina.

Aquelas colmeas que as velutinas debilitan e deixan en 5-6 cadros de abellas non poden producir até febreiro-marzo polo menos

“O ano pasado desde a costa desde Caldas cara ao sur a floración do eucalipto vén moi cedo, estaban os eucaliptos floreados xa desde mediados de novembro e principios de decembro. Iso antes non pasaba, antes viñan a finais de xaneiro. A presión da velutina no verán chega a minguar tanto as colmeas que lles pasa a floración do eucalipto sen aproveitar nada desa floración. E en zonas como o Morrazo, onde a colleita de mel depende ao 65% do eucalipto, perder esa colleita é un fracaso rotundo, polo que aquelas colmeas que as velutinas debilitan e deixan en 5-6 cadros de abellas non poden producir até febreiro-marzo polo menos”, afirma.

A climatoloxía adversa da primavera fixo tamén que as abellas comeran as reservas de mel que tiñan acumuladas. “Eu tiña colmeas a finais de febreiro con 3 medias alzas cheas de eucalipto que despois comeron en dous momentos de mal tempo na primavera, nos que houbo con 10 días de auga seguidos, un en marzo e outro en Semana Santa”, lembra Chema.

O tempo cambiante acabou por desestabilizar as colmeas. “Despois do mal tempo puxéronse a enxamear todas e houbo núcleos que tardaron moito en fecundarse e tras facer a primeira posta cambiaron a raíña”, conta.

“Tivemos unha primavera cambiante que colleu moi a contrapé á velutina”

En toda Galicia fallaron moitos núcleos feitos do 20 de abril ao 20 de maio. “O tempo foi nefasto para as abellas, pero para a velutina tamén; colleuna moito a contrapé”, asegura Chema.

“Este ano matei 200, menos da metade do ano pasado. Os que se mantiveron foron os niños máis urbanos, buscando o abrigo das vivendas e das zonas habitadas. Pero os niños que había no monte case desapareceron este ano e os dos cauces dos ríos supuxeron 5 de cada 100 este ano.

A tendencia de que as velutinas se arrimen ás casas está aí e continuará

“No Morrazo temos menor incidencia de velutina porque hai xente que lle planta fronte desde fai anos. Aquí a presión da velutina debilita ás colmeas pero non as mata polo xeral, máis que as débiles ou as que xa contaban con algunha deficiencia ou problema”, asegura. “Este ano houbo pouca e non molestou”, di.

Os problemas en Mieles Anta reducen as alternativas para a venda a granel

Carteis colocados por algúns apicultores na zona de Bóveda denunciando os impagos de Mieles Anta

Carteis colocados por algúns apicultores na zona de Bóveda denunciando os impagos de Mieles Anta

Mieles Anta, a empresa nacida en 1981 en Samos e que chegou a aglutinar a gran número de pequenos produtores do sur de Lugo até converterse na principal empresa de meles galega, atravesa momentos convulsos desde a morte do seu fundador, David Corral, en xaneiro do 2020.

Os problemas económicos da empresa, con instalacións de envasado e distribución nos polígonos industriais de Bóveda e da Coruña, están a complicar a súa actividade, arrastrando débedas cos produtores aos que mercaba o mel e que este ano se están a atopar con dificultades para dar saída ao produto. “Este ano vai ser un caos; hai que buscarse a vida pero está o tema complicado”, recoñece algún produtor.

A empresa atravesa momentos convulsos desde a morte do seu fundador, David Corral, fai 4 anos

Mieles Anta declaraba ter 14.000 colmeas e unha produción propia anual de 280.000 quilos, máis outros 80.000 que mercaban directamente a outros apicultores. A nivel de comercialización, as distintas marcas da empresa (Mel da Anta, Pazo de Lusío e Toca) estaban posicionadas tanto en supermercados galegos como a nivel estatal e internacional, en países como Reino Unido, China ou os EEUU. Nos últimos anos apostara por medrar na produción ecolóxica, con máis demanda fóra pero hoxe en día algúns dos colmeares que posuía na zona do Courel foron abandonados e a empresa foi expulsada da IXP Mel de Galicia. 

Mieles Anta lograba dar saída a una parte importante da súa produción fóra de Galicia

Con Mieles Anta fóra de xogo, e máis aló do mel que asociacións como a Casa do Mel de Goente ou a cooperativa Erica Mel poidan recoller aos seus asociados, Carballal, en Ourense, é das poucas opción que teñen este ano os apicultores para a venda a granel.

No caso da cooperativa de Arzúa, nesta campaña está regulando a entrada de mel dos socios (máis de 200, dos que a metade fan entregas) calculando a media dos últimos anos. “Este ano houbo moito mel nalgunhas zonas e estamos  limitando un pouco as entregas precisamente para non ter que vender despois a granel, pero estamos sendo flexibles”, aseguran. “Nós vendemos todo o noso mel envasado e contamos co certificado de calidade IFS, que moi poucas envasadoras teñen. Comercializamos a nivel de toda España”, engaden.

Erica Mel conta con máis de 200 socios e aproximadamente a metade fan entregas á cooperativa

No que respecta á Casa do Mel de Goente, recolle o mel dos produtores que forman parte da asociación en función da demanda que vai tendo e está recepcionando aínda neste momento mel do ano pasado. A colleita na zona non foi boa nesta campaña, o que permitirá en parte dar saída ao excedente doutros anos.

A Casa do Mel recolle en función da demanda e está recepcionando aínda mel do ano pasado

En canto ao prezo, que caeu nos últimos anos, prevese que suba lixeiramente nesta campaña até achegarse a 3,5€/quilo, pero situándose aínda por baixo dos custos de produción, nos que non se deberían ter con conta os cobros da PAC, dado que se trata de axudas pola labor de polinización que realizan as abellas e que non perciben todos os apicultores (tan só aqueles con máis de 80 colmeas repartidas en 2 colmenares distantes entre si máis dun quilómetro).

A metade do censo de colmeas que hai en Galicia é de autoconsumo; teoricamente esa produción non chegaría ao mercado

Legalmente os apicultores de menos de 150 colmeas dados de alta en produción primaria non poderían vender en tendas, porque a autorización de venda está destinada ao consumidor final (clientes que mercan directamente ao apicultor ou comercialización en feiras), pero a permisividade da Administración fai que moitas tendas se surtan dese tipo de mel, pechando así portas aos apicultores profesionais, que en moitos casos non atopan máis alternativa que a venda a granel. 

Situación do mercado fóra de Galicia

O mel a granel para Alemaña, un dos principais destinos da produción galega, reduciu os seus volumes nos últimos anos. “Están entrando outros meles con características semellantes ao galego, mel de bosque de cor escura, por exemplo de Turquía, Arxentina, Etiopía, Romanía ou o norte de África que tamén teñen meles escura pero cuns custos de produción moi inferiores”, relata a Esther Ordóñez, a presidenta da IXP Mel de Galicia.

O mel a granel certificado pola IXP conta con vantaxes para a exportación, xa que no caso dos monoflorais de castiñeiro e eucalipto chegaría co 70%, mentres que fóra da IXP esixiríase un 90%. Baixouse tamén a porcentaxe de brezo do 45% ao 30% e se non se forma parte da IXP non se pode etiquetar como melada ou mel de bosque.

Para exportar mel monofloral de castiñeiro a Alemaña se estás na IXP chégache cun 70%, pero fóra da IXP pídenche un 90%

Dentro da IXP hai neste momento 43 envasadoras e 300 produtores, que representan unha pequena parte dos apicultores existentes. “Somos conscientes de que temos que transmitir ao sector a necesidade de apoiar e apostar máis pola IXP, porque é un marchamo de calidade e unha diferenciación con respecto a outro tipo de meles. Garante calidade diferenciada, con parámetros máis esixentes que a normativa estatal, e unha trazabilidade absoluta desde a colmea ao punto de venda”, destaca Esther. O custo para o produtor por quilo de mel certificado é de 17,5 céntimos, incluída a contraetiqueta. 

Galicia conta co 6% das colonias de abellas do Estado e produce uns 3 millóns de quilos ao ano, o 8% do mel español

O sector apícola galego ocupa o terceiro lugar de España en número de explotacións, con case 5.000, que representan o 14% do total estatal, situándose só por detrás de Castela e León e Andalucía. Son xeralmente pequenas explotacións que suman arredor de 200.000 colmeas e que supoñen algo máis do 6% do total nacional de colonias de abellas.

“Hai moitas comunidades que están tratando de ter unha IXP ou Denominación de Orixe pero non é tan sinxelo”, explica Esther. En España hai neste momento outros 7 selos de calidade: Alcarria (Castela A Mancha), Granada, Tenerife, Villuercas-Ibores (Estremadura), Liébana (Cantabria), Ibiza e Asturias, as dúas de recente creación (no caso de asturias está pendente aínda de aprobación por parte da UE). De todas elas, Mel de Galicia é a que máis colmeas e produtores ten inscritos e a que máis mel certifica. De feito, máis da metade do mel certificado no conxunto de España é galego.

A IXP é un nexo de unión para o sector e este ano está a haber máis contraetiquetaxe que na campaña pasada

Desde a IXP estase pedindo tamén á Xunta de Galicia a elaboración dun Plan Estratéxico para a Apicultura semellante ao que se fixo para outros sectores (lácteo, vacún de carne, viño, horta e flor hornamental) e a defensa ante o Ministerio da calidade diferenciada do mel galego, con características propias e monoflorais que non hai noutros lugares, para lograr a súa valorización. “Ás veces desde Madrid mírase máis pola apicultura do Sur”, quéixase a presidenta de Mel de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información