Cosecha de Galicia, sociedade que forma parte de Corporación Hijos de Rivera, pon en marcha un ano máis a colleita de cebada na rexión da Limia, en colaboración con Sementares e 14 agricultores locais. A colleita comezou o pasado mércores e prevese que conclúa ao redor do 25 de agosto.
Este proxecto ten por obxectivo fomentar a recuperación da maior cantidade de cultivo posible no territorio e debido á grande acollida, impulsou a expansión da iniciativa. Este ano, a superficie cultivada triplicouse, alcanzando un total de 145 hectáreas para continuar o desenvolvemento de novos proxectos cervexeiros da compañía. A cebada cultivada corresponde á variedade RGT PLANET, destacada como unha das preferidas de Malteros de España pola súa calidade superior, ideal para a elaboración de cervexas.
Este proxecto lévase a cabo en colaboración con Sementares, empresa produtora de sementes que ten como obxectivo principal a conservación, selección e mellora das variedades tradicionais galegas, que tamén achega os ensaios de variedades e fertilización dos diferentes cereais que se ensaian no CIAM.
Segundo explican, os primeiros resultados da recollida son prometedores, superando a media estimada segundo os impulsores do proxecto. Aclaran que a pesar das dificultades que enfrontaron os agricultores debido ás condicións climáticas primaverais, que atrasaron a sementeira ata ben entrado o mes de abril e, nalgúns casos, ata principios de maio, a zona destacou polo seu enorme potencial para este tipo de cultivos, mellorando o rendemento obtido en rexións tradicionalmente cerealistas como Castela e León ou Aragón, especialmente afectadas pola seca.
Traballan para fomentar este cultivo no territorio e poder elaborar cervexas con malta de cebada de orixe 100 % galego
A cebada cultivada será malteada ao longo do ano, axustándose ás necesidades de produción das diferentes cervexas de Hijos de Rivera. “O avance desta iniciativa non só reforza o noso compromiso co desenvolvemento agrícola da nosa terra, senón que tamén estreita aínda máis os nosos lazos coa comunidade local e xera un impacto positivo real a contorna”, sinala José Luís Olmedo, de Cosecha de Galicia.
A través deste proxecto, traballan para fomentar este cultivo no territorio e poder elaborar cervexas da compañía con malta de cebada de orixe 100 % galego. Para lograr este obxectivo, implementáronse prácticas agronómicas avanzadas e optimizado as técnicas nutricionais, reducindo de xeito significativo o uso de fertilizantes nitroxenados e fosfóricos. Esta estratexia non só mellora a sustentabilidade do cultivo, senón que tamén protexe os nosos acuíferos e prevén a eutrofización das augas superficiais, en liña coa estratexia de Impacto Positivo da Corporación Hijos de Rivera.
Esta iniciativa non só permite coidar a calidade dun ingrediente esencial como a cebada, senón que tamén reforza a conexión da compañía co territorio local, promovendo un desenvolvemento agrícola sustentable que beneficie á comunidade galega.