A colleita de castaña cae un 25% pola avespiña e a seca

A incidencia da avespiña, os fungos asociados e a seca afectaron á cantidade e calidade da castaña. A campaña rondará os 15 millóns de quilos, fronte ós 20 doutros anos. Tamén baixaron os prezos en relación ó ano pasado

A colleita de castaña cae un 25% pola avespiña e a seca

Este ano, en moitas zonas, a campaña da castaña foi máis curta, concentrándose en apenas 3 semanas.

Nos últimos días de recollida da castaña nos soutos galegos, a campaña deste ano está a resultar máis reducida e de menor calidade. As perdas na produción varían dependendo da zona e poden ser de arredor do 30% ou mesmo chegar ó 50 ou ó 90%, nos casos máis afectados.

A avespiña do castiñeiro, así como as pragas de fungos asociadas ó insecto, e a seca dos meses previos á recolleita están detrás desta redución. Deste xeito, a campaña está a ser moi desigual e as zonas baixas e do centro de Galicia, con variedades de cedo, son das máis afectadas, mentres na montaña, a colleita resulta máis favorable, aínda que tamén hai produtores que viron moi tocada a súa produción.

Na montaña, o quilo pagouse entre 1,40 e 1,80 euros, en tanto que na zona centro de Galicia moveuse entre 1,10 e 1,30 euros

A poucos días para o remate da campaña, dende a Indicación Xeográfica de Galicia (IXP) Castaña de Galicia, calculan que a colleita total de castaña pode achegarse ós 15 millóns de quilos, o que suporía unha redución do 25% fronte a unha campaña habitual, que se sitúa nos 20 millóns de quilos. “Se conseguimos chegar ós 15 millóns de quilos na campaña xa nos damos por satisfeitos”, comenta Jesús Quintá, presidente da IXP.

Tamén os prezos para os produtores están a ser máis baixos este ano con respecto da campaña pasada. En zonas do centro e sur de Lugo, así como na área central de Galicia, empezouse pagando a 1,20 – 1,30 euros para logo baixar ata 1,10 euros o quilo. Porén, nas zonas de montaña e de Ourense, principal área de produción, os prezos situáronse entre 1,40 e 1,80 euros, afastados en todo caso dos 2,20 euros que se chegaron a acadar o ano pasado en Viana do Bolo (Ourense).

Facemos un repaso polas principais zonas produtoras de Galicia para coñecer como está sendo a recollida.

Courel

“Este ano para nós a campaña foi horrible, reduciuse nun 90% con respecto doutros anos”, Verónica Núñez, Caurelor

Na zona do Courel a incidencia da avespiña deixou soutos moi afectados. “Este ano para nós a campaña foi horrible, reduciuse nun 90% con respecto a un ano normal”, comenta Verónica Núñez, da empresa Caurelor (Quiroga, Lugo). Pasaron de colleitar arredor de 4.000 quilos a pouco máis de 100 este ano, debido principalmente á afección da avespiña. Xa o ano pasado constataran unha redución importante da produción, que supuxera unhas perdas do 60%.

Ademais de escasa, a pouca castaña que tiveron é de menor calidade ca outras campañas. “A pouca que hai é bastante mala, xa que ten moito bicho”, concreta a produtora. Así é que este ano xa non chegaron a comercializar ningunha castaña en verde e destinaron toda a súa colleita para produtos elaborados.

Os Ancares

Nos Ancares, a situación é semellante nos soutos das zonas máis baixas, moi afectados, o que minguou a produción. Na cooperativa A Carqueixa, que comezou no 2015 un proxecto de recuperación de soutos, este ano agardan recoller en torno a 35 toneladas, unha cifra un 15% menor que a campaña pasada e moi afastada das 200 toneladas que acadaran no 2016, o mellor ano de produción. “Hai moita presenza de avespiña e tamén se están arrastrando aínda os efectos das nevaradas e os incendios de anos pasados”, explica Román Sánchez, xerente da cooperativa.

“Houbo moitos soutos das zonas baixas que xa nin entraron en produción. Están salvando a campaña os castiñeiros da alta montaña”, Román Sánchez, A Carqueixa

A castaña da variedade Parede, moi abundante nesta zona, é unha das máis afectadas pola avespiña. A maior afección dáse nas zonas máis baixas. “Houbo moitos soutos das zonas baixas que xa nin entraron en produción. Están salvando a campaña os castiñeiros da alta montaña”, comenta Román.

A campaña foi tamén máis curta que outros anos. Comezou máis cedo e agardan que remate en pouco máis dunha semana. En canto ós prezos, apuntan que foron semellantes ós doutros anos, acadando un prezo medio de 1,40 euros as castañas multivarietais e situándose en 1,55 as de Parede.

Macizo central

En Manzaneda, a produción reduciuse este ano case á metade debido tanto á incidencia da avespiña como pola seca rexistrada no mes de setembro. Así, na cooperativa Amarelante non agardan superar os 20.000 quilos, cando o habitual é que se sitúen preto dos 40.000. “Este ano xuntouse tanto a avespiña como a seca e notouse moito, xa que ademais de haber menos tamén foi máis pequena e de menor calidade”, comenta Óscar Freire, produtor da cooperativa.

“Se non se fan máis soltas de ‘Torymus sinensis’, non sei como serán as campañas dos próximos anos”, Óscar Freire, produtor

Na comarca a produción reduciuse notablemente e non agardan que se superen os 65.000 quilos, fronte ós 130.000 que se recolleron o ano pasado ou ós 180.000 de hai 4 anos. Parece que mesmo quedarán por debaixo dos 80.000 que se recolleran nun dos últimos anos de maiores perdas a causa da seca.

Os produtores piden incrementar os esforzos contra a praga nunha zona onde o 80% do territorio son soutos. “Se non se fan máis soltas, non sei como serán as campañas dos próximos anos, porque cada vez vense máis castiñeiros afectados”, apunta o produtor.

Nesta zona a campaña tamén foi máis curta, quedando reducida case a tres semanas, polo que apuran os últimos días. Os prezos foron máis baixos que os rexistrados o ano pasado, pero aínda así sitúanse arredor de 1,65 euros, incrementándose para as castañas de calibres máis grande e mellor calidade.

Soutos do oriente de Ourense

Na zona oriental de Ourense, unha das principais comarcas de castaña de Galicia, a campaña tamén se está vendo afectada pola avespiña do castiñeiro pero, con todo, está sendo bastante mellor que noutras zonas. Aínda así, o frío rexistrado en noites de agosto afectou a algúns soutos das zonas altas, mermando a produción e reducindo o calibre. Mentres, en zonas como Verín, a calidade veuse danada polos fungos, o que supuxo ata un 30% de perdas por esta causa.

A saúde dos castiñeiros debido á incidencia da avespiña estase vendo condicionada, sobre todo nas zonas máis baixas. Porén, en concellos como A Gudiña, a presenza do insecto é polo momento menor, pero temen que se expanda, polo que os produtores piden máis soltas de Torymus sinensis que poidan contrarrestar a expansión.

“Os castiñeiros da Famosa son moi susceptibles á avespiña e vese afectada a produción e a saúde da árbore”, Xosé Manuel Guerra, técnico de A Castaña

“Nas zonas altas, a avespiña non foi o que máis nos afectou nesta campaña, pero hai soutos en concellos máis baixos onde está a provocar moitos danos. Nos castiñeiros máis vellos de variedades como a Famosa, que son moi susceptibles á avespiña, estalles mermando o crecemento das ramas máis novas, o que afecta tanto á produción como á saúde da árbore”, explica Xosé Manuel Guerra, produtor de A Gudiña e técnico da Asociación para o desenvolvemento dos soutos A Castaña, colectivo con 10 anos de traxectoria e que aglutina a máis de 50 produtores de varias comarcas.

En canto ó prezo medio, non chegou a haber variacións ó longo de toda a campaña, e situouse entre 1,60 e 1,70 euros o quilo de castañas multivarietais, aumentando ata 1,80 euros para as castañas de maior tamaño.

Zonas baixas e do centro de Galicia

As zonas baixas de Lugo e o interior de Galicia como o Deza, produtoras de variedades de cedo, viron mermada a súa produción en gran medida pola seca e as elevadas temperaturas dos meses de setembro e outubro, así como pola avespiña.

“A calidade desta castaña veuse afectada tamén polos fungos, asociados á incidencia da avespiña, que fai que a castaña podreza moi rápido”, concreta Jesús Quintá presidente da IXP Castaña de Galicia e xerente da firma Alibós, situada en Monterroso.

Así, nos soutos das zonas máis baixas estímanse unhas perdas de máis do 30% da produción e unha baixa sanidade do froito. Isto tamén se traduciu ós prezos que a comezos da campaña se situaron arredor de 1,20 e 1,30 euros e logo remataron nun prezo medio de 1,10 euros.

manzaneda castiñeiro souto 4

Plan de recuperación dos soutos de Galicia
Coincidindo coa celebración da XXV Festa da Castaña e do Cogomelo de Riós, o conselleiro de Medio Rural, José González, que foi galardoado na cita co premio Castaña de Ouro, expuxo as liñas coas que está a traballar a Consellería en relación á castaña, principalmente o Plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia, presentado o pasado ano.

O plan conta de tres fases para conseguir a recuperación dos soutos. A primeira delas céntrase na identificación e caracterización dos soutos tradicionais. A continuación, na segunda fase, analizarase a viabilidade de xestión das zonas produtivas e as posibilidades de transformación e comercialización do produto.

Finalmente, nunha terceira parte contémplase a implantación dun modelo de aproveitamento deses soutos “coa finalidade última de que sexa un elemento dinamizador do territorio rural e que sexa totalmente compatible coas novas plantacións de castiñeiro que se están a impulsar”, explicou o conselleiro. A estratexia da consellería para o aproveitamento dos soutos pasa por buscar fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo que permitan o agrupamento para a xestión conxunta. O plan busca xerar emprego e valor engadido no rural, ó impulsar o sector transformador da castaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información