A colleita 2024 da D.O. Monterrei recibe a cualificación de “moi boa”

Publicidade
A colleita 2024 da D.O. Monterrei recibe a cualificación de “moi boa”

A sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei acolleu a Cata de Cualificación da Colleita 2024. Nesta cata participaron representantes de asociacións profesionais, medios de comunicación, Consellos Reguladores vitivinícolas e do panel oficial da denominación, que cualificaron como “moi boa” a anada 2024 dos viños de Monterrei.

Este equipo de cata destacou: “todo o que se probou estaba moi bo, son viños moi frescos, con moita personalidade e que reflicten moi ben o terroir de Monterrei, tanto en branco como en tintos”.

Co obxectivo de valorar a presente colleita, unha representación proporcional de viños da denominación someteuse ao xuízo do panel. Estas mostras foron analizadas por cada un dos catadores, que realizaron unha valoración “ás cegas” de todas elas, mantendo así criterios de obxectividade, ao tratarse de mostras anónimas.

A nota final resultou do cálculo da media das puntuacións concedidas por cada catador a cada unha das mostras, incluíndo neste cálculo tanto as referencias de brancos como de tintos. Finalmente, esta puntuación trasladouse a unha táboa de correspondencias na que se obtén a cualificación da colleita.

O panel de cata estivo conformado polos seguintes expertos:

Lorena Alonso (membro representante da Asociación de Enólogos de Galicia).

Maruxa Alfonso (xornalista de Somos Agro – La Voz de Galicia).

Javier Pérez (membro do Panel de Cata do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas).

Vania González (membro do Panel de Cata do Consello Regulador da D.O Monterrei).

Begoña Gómez (membro do Panel de Cata do Consello Regulador da D.O Monterrei).

Rebeca André (membro do Panel de Cata do Consello Regulador da D.O Monterrei).

Alejandro Paadín (editor da “Guía de Viños de Galicia”).

Sobre a D.O Monterrei
A de Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas. A mesma abrangue os concellos de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra e Castrelo do Val. Está conformada por 29 adegas. Os viñedos desta D.O ocupan un total de 798,10 hectáreas de territorio nas que traballan 381 viticultores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información